#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal #Terceira RFEF

O Polvorín é de Segunda RFEF

Día histórico para o fútbol lucense. O Polvorín, filial do Club Deportivo Lugo, acadou o ascenso a Segunda RFEF, logo dunha espectacular temporada. O cadro albivermello, dirixido de xeito maxistral por Álex Ortiz, obtivo un merecido premio despois de que a pasada temporada xa estivera preto de logralo. O Ourense CF non llo puxo doado. Os da cidade das Burgas cumpriron derrotando a un Racing Vilalbés que non poderá disputar a promoción de ascenso. O Polvorín sabía que se sacaba adiante o seu compromiso daba o salto de categoría. Non o tivo doado diante dun Viveiro que poñía en xogo evitar calquer tipo de arrastre polo que puidera perder a categoría.

A lesión de Martínez Barral, colexiado do encontro, no minuto 40 paralizou o xogo durante unha hora e a celebración do Polvorín retrasouse. Nunha xornada de horario unificado, o resto da xornada disputouse sen ter en conta esta circunstancia e tódolos encontros remataron no descanso do Polvorín-Viveiro, feito que non sentou ben no seo do Ourense CF.



O Polvorín ascende a Segunda RFEF despois de derrotar a un bo Viveiro (2-1).

A celebración desatouse no Municipal de Pol. O Polvorín é novo equipo de Segunda RFEF e o Viveiro mantén a categoría e festexará o seu centenario en Terceira.

O Polvorín levou o peso do encontro desde o seu comezo. Os de Álex Ortiz buscaron o seu habitual fútbol combinativo diante dun Viveiro que esperou ben situado ao seu rival e tentou saír á contra con certo perigo. O primeiro gol do cadro local chegou nunha xogada na que Idrissa conduciu o balón no perfil esquerdo do ataque e conectou con Álex Ramos que definiu ben diante da saída de Manu Cedrón. Os mariñáns lonxe de virse abaixo buscaron o empate e poucos minutos tardou en chegar. Un pase filtrado de Tichu a Arturo non atinou a despexalo o cenntral Jesús e o dianteiro viveirense foi quen de definir ante Julen. Tentou o Polvorín o segundo, pero apenas chegou con perigo, malia levar a manixa do encontro. No minuto 40 o encontro paralizouse pola lesión do colexiado durante unha hora ata a chegada do xove árbitro lucense Jorge Méndez, que foi o encargado de dirixir a contenda.

Na segunda metade o encontro seguiu o mesmo guión. Gastados dez minutos chegou o tanto que valeu un ascenso. Nunha contra Maxi conectou con Rojo e o pichichi superou cun tiro cruzado a Manu Cedrón. O Viveiro gozou dos seus mellores minutos e buscou o empate. A mellor opción naceu dunha xogada de Asier por banda dereita. O focense puxo un centro medido ao que non chegou por centímetros o recén incorporado Julián. Nos últimos intres Tichu puido lograr o empate, pero o marcador permaneceu inamovible.

A derrota do Racing Vilalbés no Couto impídelle xogar a promoción de ascenso (1-0).



Encontro pechado nunha primeira parte na que o Ourense marcou o único tanto do encontro por medio de Jerin logo dun centro lateral. As ocasión brilaron pola súa ausencia e o Racing Vilalbés soamente chegou con perigo nunha ocasión de Make logo de centro de Javi Rey desde a banda esquerda.

Na segunda metade os chairegos abriron o partido e as opcións de gol chegaron, sobre todo por medio de Pedrosa, que rozou o tanto en tres ocasións. Simón Lamas introduciou no campo toda a súa pólvora ofensiva na procura dunha remontada que lle outorgara ao Racing o pase ao playoff, pero non foi posible. O Ourense apenas xerou perigo nos segundos corenta e cinco minutos, salvo nalgunha contra coa velocidade de Amin ou Gabri Palmás.

A Sarriana cae pola mínima no campo do Paiosaco e iguálase a pelexa polo ascenso (1-0).

Non foi o mellor encontro da Sarriana diante dun Paiosaco que con este triunfo pasa a liderar o grupo de ascenso. O conxunto lucense é segundo cos mesmos puntos que o Arteixo, terceiro clasificado.

O cadro local exhibiu unha das súas principais virtudes, a solidez defensiva. Os de Diego García concederon moi poucas ocasións de gol e tiveron as ideas máis claras que unha Sarriana que malia non ter o seu mellor día puideron arrancar un empate da Porta Santa. O único tanto do encontro chegou no minuto vinte, e non exento de polémica. Álex Pérez cometeu penalti e Javi Liz, moi atinado, detivo o lanzamento de Josiño, pero o colexiado mandou repetir debido á invasión de área por parte dun xogador sarriao. No segundo intento Josiño non errou. Os de Edu Rodríguez reclamaron pouco despois penalti a Diego Torres que non foi sinalado.

A Sarriana realizou o seu mellor fútbol no comezo da segunda metade. Vinte minutos de bo xogo nos que xerou varias ocasións que non puideron materalizar. No minuto 65 a expulsión de Julio Camba rematou coas esperanzas visitantes e o marcador non se moveu.

Segundo triunfo consecutivo do Lemos, desta volta no campo do Sigüeiro (1-2).

Sete puntos dos últimos nove posibles para o conxunto monfortino, que se sitúa na quinta posición a seis puntos da zona de ascenso. Os de Alberto López realizaron o mellor encontro desta segunda fase lonxe da Pinguela. Comezou mellor o conxunto local que tivo uns moi bos minutos cun xogo con velocidade e profundidade. Aínda non se cumprira o primeiro cuarto de hora e nun erro de entendemento entre Álvaro e Losada chegou o tanto local obra de Roi. Co marcador en contra o Lemos fíxose co dominio do medio campo e foi quen de remontar en tan só dez minutos. Dúas xogadas de Sidibé e Mauro foron finalizadas por Dani Arias, o xogador máis inspirado dos monfortinos no Lino Balado.

Na segunda metade o Lemos foi superior ao Sigüeiro e puido ampliar diferencias con dous lanzamentos de Mauro ao pao, varios remates de Sidibé ou nunha ocasión de Borja Castro na que o porteiro local estivo atinado.

O Ribadeo empata no campo do Pino e incrmenta distancias sobre a zona de perigo (0-0).

O conxunto mariñán visitou o campo do líder de grupo e foi quen de arañar un punto e incrementar a diferencia sobre o Puebla, que descansou nesta xornada. O encontro foi pechado e con poucas ocasións de gol. As reducidas dimensións do campo fixeron que os dous conxuntos optaran por un fútbol directo e ningún concedeu o máis mínimo ao seu rival.

Matelo e Xairo na primeira metade gozaron das únicas opcións de gol para o Ribadeo. Na segunda metade, David Rodríguez, que debutou como xogador ribadense na súa terceira etapa, contou coa ocasión máis clara cando o encontro chegaba ao seu fin. O Pino achegouse á portería de Dos Santos nos últimos intres, aínda que se excesivo perigo.

O Foz métese de cheo na pelexa pola salvación logo do seu triunfo no campo do Victoria (0-2).

Dous triunfos consecutivos sitúan ao Foz a un só punto dos postos de permanencia e a dous do primeiro posto que ocupa o Boimorto, nun grupo onde a igualdade é máxima. O conxunto focense realizou na Coruña un encontro moi completo, adaptándose ao que requería o partido en todo momento. A primeira metade foi menos vistosa, con poucas ocasións de gol e cos de Gayol contendo as chegadas á súa área do equipo do viveirense Guillermo Pigueirias.

Nos segundos corenta e cinco minutos, o Foz foi a polo encontro e no minuto vinte da reanudación Dani Chao, cun bo disparo que se colou preto da escadra, puxo en vantaxe aos mariñáns. Tan só seis minutos máis tarde Diego Chao anotou un gol olímpico, no que ben seguro foi o mellor tanto da xornada.

Dura derrota do Santaballés diante do Xallas que complica o futuro dos chairegos (1-3).

O Santaballés non tivo o seu mellor día nun encontro importante para as súas aspiracións de permanencia. Agora os de Juan Rodríguez queda a catro puntos dun Xallas que foi superior no campo da Liga.

O encontro púxose costa arriba nos primeiros minutos cun tanto de Stefan á saída dun córner. O Santaballés non foi quen de atopar o seu ritmo de xogo e os de Santa Comba souberon aproveitalo. Aos vinte minutos o veterán Doro fixo o segundo nunha contra. Os de Juan Rodríguez, co marcador en contra, melloraron e foron quen de inquedar a portería de Iván Couto. Palomo estrelou o balón do pao e xusto antes do descanso unha dobre ocasión na que un zagueiro corta na liña un tiro de Dani San e o rexeite caeulle a Chechu que disparou e detivo un defensor coa man. O árbitro interpretou que non foi acción punible no que sería penalti e expulsión do defensor. Unha xogada que puido trocar o devir do encontro.

Na segunda metade o Xallas rematou coas ilusións dos locais cun tanto de Samu nunha acción de estratexia. O Santaballés non se rendiu e tentouno ata o final pero o tanto non chegou ata os últimos intres. Álex Novás, que volvía ao equipo logo dunha longa lesión, rouboulle a carteira ao porteiro e recurtou diferencias. Dani San e Yago tiveron ocasións nos derradeiros minutos para facer o segundo.

O Polvorín é de Segunda RFEF

O anecdotario: «As picas que voaron», por

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *