#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal #Terceira RFEF

O Polvorín e a Sarriana rematan o ano líderes

Rematou o ano futbolístico para os nosos equipos de Terceira e Preferente. O Polvorín fíxoo cun claro triunfo no derbi provincial co Viveiro e o Racing Vilalbés cunha derrota na Madalena diante do Ourense CF. Na Preferente, o derbi da Ribela entre Sarriana e Lemos caeu do lado local, e o Foz fixo o propio diante do Escairón. O Ribadeo gañou en inferioridade ao Mugardos e a Residencia empatou na Cheda co Victoria.

Luca´s Grill

O Polvorín venceu en Cantarrana e é o novo líder de Terceira (0-3).

Un encontro que se presumía máis igualado do que finalmente resultou. Axudou que no primeiro o Polvorín xa se adiantara no marcador. Un erro da zaga local aproveitouno Leandro que no un contra un superou a Manu Cedrón. Puido poñer terra de por medio o filial albivermello cunha boa ocasión de Torrado, pero o segundo levou de novo a sinatura de Leandro. Superada a media hora de xogo, o dianteiro aproveitou un servicio de Xurde para ampliar as diferencias. Do Viveiro poucas novas en ataque, tan só Tichu foi quen de disparar entre os tres paos.

David Páez deulle entrada a Pablo Rey e a Rolle no comezo da segunda metada e a Agus poucos minutos despois, pero os trocos non tiveron o efecto agardado. No minuto 51, Rojo sentenciou o choque cun certeiro disparo. Co encontro xa imposible o conxunto celeste buscou o tanto da honra, sobre todo en accións a balón parado.



Dous meses despois o Racing Vilalbés volveu perder, desta volta diante do Ourense CF (0-1).

O cadro chairego cedeu na Madalena diante dun Ourense que foi superior no cómputo dos noventa minutos. Na primeira metade ámbolos conxuntos tiveron ocasións para poder abrir o marcador, pero ningún estivo acertado. A máis clara foi para o Racing. O lanzamento de penalti de Javi Varela detívoo moi atinado Marqueta. Os ourensáns tiveron as súas opcións nas botas de Íker Hurtado que salvou ben Ángel Fraga ou un testarazo de William que se estrelou no pao.

Na segunda metade, os de Rubén Domínguez estiveron máis entonados e aos dez minutos Tiago anotou o único tanto do encontro cunha volea desde a frontal da área ante a que nada puido facer o porteiro local. Simón Lamas moveu o banquiño coa entrada de Ángel e Alberto Novoa e máis tarde entrou no encontro Cuadrado e Rares, pero non foron quen de xerar ocasións claras de gol. Preto do final Gabri Palmás estivo a piques de sentenciar.



A Sarriana logra a vitoria no derbi co Lemos e remata o ano no máis alta de Preferente (1-0).

Moreno´s Pizza

Encontro igualado na Ribela. Comezou o encontro coa Sarriana levando o control do partido, pero cunha alta presión do Lemos que supoñía que roubaran o balón preto da porta rival. No minuto 2 Armesto tivo unha clara ocasión para os de Alberto López. Sobrepasado o minuto dez de partido chegou o único tanto do partido. Un cambio de orientación de Brais Prieto recolleuno Diego Rey que colocou un bo balón que rematou só Diego Torres na área pequena. Antes do descanso puido ampliar a diferencia a Sarriana cunha boa ocasión de Diego Rey e a máis clara de Mitogo cun balón ao pao.

Na segunda parte o Lemos foi quen levou a iniciativa ante unha Sarriana que xogou máis replegada nos primeiros vinte minutos, e puido acadar o empate cunha boa ocasión de Sidibé que resolveu con éxito Javi Liz. A partir de aí a Sarriana volveu a facerse co dominio do encontro e puido sentenciar por medio de Mitogo ou Hamza, que tiveron ocasións claras do encontro.

O Ribadeo sobrepúxose á expulsión de Criss e venceu merecidamente ao Mugardos (2-1).

Bo encontro dos pupilos de Dani Moirón diante dun Mugardos que decepcionou na súa visita ao Pepe Barrera. Comezaron mellor os mariñáns, que tiveron o control do partido e manexaron o balón ante un cadro ferrolterrán replegado, pero as imprecisións na parcela atacante impedíronlle xerar situacións claras de perigo. O Mugardos no primeiro tempo non tentou ningún achegamento aos dominios de Carrera, un espectador máis. A falta de catro minutos para o descanso o colexiado, a instancia do seu asistente, enviou á caseta a Criss por un codazo ao viveirense Fidi. A acción foi moi protestada polos ribadenses.

A decoración do encontro trocou tras o paso por vestiarios. O técnico visitante fixo dous trocos na procura de máis presencia ofensiva, pero foron os locales quen se adiantaron aos tres minutos. Castrín botou unha falta lateral que Jacob rematou obrigando ao gardameta a intervir. O rexeito rematouno Prosi ao fondo da portería. O Ribadeo a piques estivo de ampliar diferencias aos poucos minutos logo dun roubo de Matelo que o de San Tirso a piques estivo de culminar. A partir de ahí o Mugardos fíxose co dominio do balón, pero a circulación lenta do mesmo non lle xerou perigo a unha zaga ribadense moi segura ao longo de todo o partido. No único despiste chegou o empate, obra de Permuy aínda con máis dun cuarto de hora por diante. O Ribadeo non se conformou co empate de nunha contra levada por Núñez o balón chegou a Castrín que desde dentro da área enganchou un potente remate que se colou na portería de David Gómez. Nos últimos intres, o Mugardos tivo dúas ocasións claras, ambas nas botas de Yago.

Igualada na Cheda entre Residencia e Victoria nun encontro no que os lucenses mereceron máis (1-1).

Amosouse superior o equipo de Dani Galán no cómputo xeral do encontro, pero a falta de acerto cara a porta contraria evitou que os tres puntos quedaran no feudo lucense.

O partido comezou costa arriba. O cadro coruñés adiantouse ao cuarto de hora de xogo cun tanto de Raña desde os once metros. Foi o único achegamento dos de Guillermo Pigueiras. Non tardou en reaccionar a Resi, que logrou a igualada cun gol de Veloso, que rematou un balón servido por Xabi. Sucedéronse as chegadas do cadro local, a máis clara un zapatazo de Dani Renda á escadra.

Na segunda parte máis do mesmo. O dominio da Residencia traducíase en ocasións que non remataron con premio. Dani Renda estrelou outro balón na madeira e Txiki, a servicio dun inspirado Dani Renda, tampouco estivo acertado ante Álex López.

O Foz volve sorrir logo de gañar o derbi provincial no campo do Escairón (0-3).

Un encontro á desesperada entre conxuntos que non se lembraban do que era a vitoria. E o Foz foi quen levou o gato á auga. O Escairón pagou a súa falta de acerto de cara a gol, sobre todo nunha primeira metade na que tivo ocasións de case tódalas cores, as máis claras nas botas de Quiroguita, Toto e Félix. Quen si atinou foi Moha, xusto cando se cumpría a media hora de xogo. Xa moi preto do descanso, os mariñáns acadaron o empate ao rematar Dani Sante un saque desde o curruncho.

Na segunda metade o Foz optou por agardar no seu campo a un Escairón que era o que tiña o control do partido, para saír á contra con perigo. Con media hora por diante os de Gayol lograron darlle a volta ao marcador por medio do ex do Viveiro Diego, que culminou unha xogada que comezou cun roubo en mediocampo. O cadro local lanzouse a polo empate e o Foz aproveitou os espazos para contragolpear con perigo. Así chegou a sentencia, de novo obra de Diego. Primeira vitoria de Gayol na súa nova etapa no banquiño focense.

O Polvorín e a Sarriana rematan o ano líderes

Máxicos Luca’s Grill. Xornada 9

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *