portada maxicos

Máxicos Luca’s Grill. Xornada 9

Rematou a primeira volta e con ela o fútbol da Primeira neste 2021. Os Máxicos protagonizaron outra vibrante xornada, pero xa nos deixaron con ganas de máis…

Luca´s Grill
Moreno´s Pizza

Lourenzá 0-3 Pol: o Pol foi superior na primeira parte e conseguiu o primeiro nun penalti que transformou Leandro logo de 5′ minutos de xogo. Porén, o Lourenzá mellorou e igualáronse as forzas, en especial no segundo tempo. Os locais apretaron, sen ocasións claras, e o Pol sentenciou con dous goles de Juancar nos minutos finais. Resultado moi abrupto despois do visto en Santa Cruz.

Guntín 1-2 Monterroso: o Guntín foi mellor nun primeiro tempo no que conseguiu o 1-0 por medio de Elías, que anotou un gran gol. Tras a reanudación, o Monterroso cambiou a imaxe e, en 20′, remontou a contenda. Os locais acumularon xente arriba pero non foron quen de crear grandes ocasións. O Monterroso pechou así o ano cunha xeira de tres victorias consecutivas.

Sporting Pontenova 1-3 Alfoz: nunha primeira parte igualada, o Alfoz trouxe de oficio e fixo o primeiro no 4′ e encarrilou a victoria no 45′ tras sendos erros en saques de banda a prol dos locais. No segundo tempo o Alfoz pechou o resultado co terceiro tanto nun contragolpe, e o Sporting foi quen de anotar o gol da honra nos intres finais.

Outeiro de Rei 4-1 Friol: o Outeiro impuxo un gran ritmo nos primeiros 40′, que lle permitiu crear moito perigo, tanto por banda como polo medio, e poñerse 4-0. O Friol recurtou de penalti antes do descanso. Nos segundos 45′, a intensidade menguou, pero os locais puideron anotar algún gol máis ante un Friol que tirou de garra e non lle perdeu a cara ao partido.

Castro 2-0 Pastoricense: logo dun primeiro tempo no que a igualdade foi a nota dominante, o Castro adiantouse no 53′ tras varios erros defensivos do Pastoricense. Tivo o empate o cadro do Acebreiro nun man a man que non se traduciu en gol. Os locais sentenciaron na recta final e o partido acabou co 2-0.

Portomarín 1-0 San Lázaro: pouco fútbol no Chao da Poza, en particular no primeiro tempo. Na reanudación, Sanfiz fixo o 1-0 que sería definitivo e que deixa ao Portomarín na zona nobre. O San Lázaro tentouno, pero os locais coñecen moi ben o seu campo e apenas concederon opcións aos da Ponte, que chegaron a protestar ata dous penaltis…

Xove Lago 4-0 Riotorto: contundente victoria do Xove nun choque que sentenciou con tres goles nos tres primeiros achegamentos á porta rival. Co resultado a favor, o Xove despregou moi bo fútbol e puido anotar máis ante un Riotorto que tamén inquietou a meta defendida por Trullo. Tras un segundo tempo de bo xogo por parte de ambos conxuntos, Maikel fixo o 4-0 definitivo no 88′.

San Roque 0-2 Chantada: un golazo de Michi desequilibrou o choque no 25′. O partido caracterizouse polo xogo directo, pero no segundo tempo o San Roque apretou e a piques estivo de conseguir o empate, ao acumular máis xente por diante do balón. Porén, Joserra sentenciou nun contragolpe no 89′, no que definiu moi ben no man a man ante Roi.

Burela 0-2 Folgueiro: o Folgueiro conseguiu a súa primeira victoria a costa dun Burela que puxo o xogo pero non os goles. Javi saiu vencedor nun man a man con Jairo e, intres despois, Aurelio fixo o primeiro e Iago o segundo (22′ e 24′). O Folgueiro soubo xestionar a vantaxe e, pese a que o Burela creaba perigo con internadas por banda, non concederon ningún tanto e levaron os tres puntos para O Vicedo.

Chantada Atlético – Taboada: o partido foi suspendido por mor da aparición de casos positivos en Covid nos chantadinos. Ao non contar cos máxicos destes dous equipos, a hamburguesa coa que agasallamos ao Máxico de cada mes terá que agardar á disputa deste encontro, programado para o 2 de xaneiro.

Imagen por defecto
Santi Real

De campo en campo. Maniaco do fútbol. En formación continua, aprendendo cada día.

Artículos: 499

Deja un comentario

Los datos que proporciones mediante este formulario serán tratados por Futbolinlugo como responsable de esta web. La finalidad de la recogida de estos datos se realiza solamente para responder y moderar los comentarios. Estos datos estarán almacenados en los servidores de PROFESIONAL HOSTING, situados en la Unión Europea (política de privacidad de Profesional Hosting). Puedes ejercer tus derechos de acceso, rectificación, limitación y supresión enviando un correo electrónico a diegopolc8@gmail.com.