#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal #Terceira RFEF

O Polvorín achégase ao liderato nunha xornada na que cae o primeiro adestrador

Triunfos do Polvorín e do Racing Vilalbés na 13ª xornada de Terceira. Os primeiros superaron ao Estradense a domicilio e os segundos gañaron na Madalena ao Noia. O Viveiro caeu na súa visita ao Rápido de Bouzas. Na Preferente, a Sarriana non puido poñer terra de por medio na primeira praza ao perder co As Pontes, o Lemos curtou a súa boa xeira en Betanzos e o Escairón caeu goleado no Municipal. No derbi mariñán o Ribadeo superou con claridade ao Foz e o Santaballés e a Residencia igualaron nun encontro cheo de alternativas.

Rojo desbloquea o encontro para o Polvorín no último suspiro (0-1).

Encontro complexo para o Polvorín na Estrada. O conxunto local, necesitado de puntos para saír da zona baixa, impuxo unha presión alta que incomodou aos de Álex Ortiz en bastantes momentos do partido. O filial albivermello alternou o seu habitual xogo combinativo cun fútbol máis directo e na primeira metade só Xurde tivo unha ocasión de poñer aos seus por diante. O Estradense puxo a proba a Brais, moi acertado durante todo o encontro, por medio de Borja Míguez, pero o gardameta respondeu providencial.

O guión foi o mesmo na segunda metade, aínda que os de Alberto Mariano foron quen chegaron á meta de Brais con máis perigo. O porteiro e Jesús baixo paos foron quen de salvar o tanto local. Na última xogada do encontro, unha falta lateral foi rematada por Rojo na área pequena ao fondo da portería. Tres puntos que fan que o Polvorín siga a un punto do Somozas, pero cun encontro menos xogado que os de ferrolterra.



O Racing Vilalbés supera ao Noia na Madalena e suma o quinto encontro sen perder (3-1).

Encontro igualado e sen moitas ocasións nos primeiros compases, cun Noia que saiu ao campo coa intención de ter o control do partido. Non foi quen de logralo, xa que o Racing non tardou en dar un paso adiante. Os roubos de balón dos de Simón Lamas en campo contrario facían que se achegaran con perigo á área rival. Preto da media hora de xogo, Cuadrado adiantou aos chairegos logo dunha boa xogada combinativa. Preto do intermedio, Hugo tivo o empate nas súas botas, pero o seu disparo saiu alto.

A segunda metade comezou ben para os de Simón Lamas. Un centro desde a dereita de Jose Varela rematouno Javi Rey ao fondo da portería. O marcador era cómodo para o Racing, aínda que os de Iván Carril non deron o seu brazo a torcer e Ferreiro recurtou diferencias cun bo disparo que superou a Ángel Fraga. Co empate como obxectivo, o Noia lanzouse ao ataque e o Racing Vilalbés aproveitou os espazos á contra. Nos últimos compases Vela sentenciou o encontro.



Nova derrota do Viveiro a domicilio, desta volta no campo do Rápido de Bouzas (3-1).

Os mariñáns non son quen de sumar lonxe de Cantarrana, de feito non o fan desde a primeiro xornada cando lograran un empate diante do Choco.

O primeiro tempo foi igualado. O cadro local levou a iniciativa e puido adiantarse cun par de ocasións claras, nas botas de Adrián Rodríguez, pero Manu Cedrón gañoulle a partida ao dianteiro aurinegro. Logo do paso polos vestiarios o Rápido fixo honor ao seu nome e apenas tardou dous minutos en marcar cun tanto de Cellerino desde o borde da área. Non lle sentou ben o tanto ao Viveiro, que se lanzou ao ataque na procura do empate, pero atopouse co segundo dos locais. Pablo Lede rematou un centro lateral lonxe do alcance do porteiro.

A falta de vinte minutos para o final, os celestes recurtaron diferencias cun tanto de Arturo. O primeiro tanto da temporada do atacante viveirense deulle alas aos seus e Tichu tivo preto de acadar o segundo. Non o logrou e na seguinte xogada Odilo sentenciou o choque.

A Sarriana colleitou no Poboado a segunda derrota da temporada (2-1).



Encontro aberto no que o resultado máis xusto sería o empate. Ámbolos equipos gozaron de ocasións para que o resultado foise máis abultado. A Sarriana foi superior na primeira metade e chegou con perigo á área pontesa, sobre todo por medio de Omar, o xogador máis perigoso do cadro lucense. Pero o tanto non chegou ata o minuto 45, xusto antes de que o colexiado sinalara o descanso. Gerardo adiantou á Sarriana desde o punto de penalti.

A segunda metade tivo máis dominio local e os de Rafa Casanova puxeron en serios apretos a portería de Javi Liz. O empate chegou cumprido o primeiro cuarto de hora, obra de Pájaro. Ao igual que no primeiro acto, o tanto chegou no último suspiro, pero desta volta en beneficio do As Pontes. Sergio Otero superou ao gardameta da Sarriana e deulle o triunfo ao cadro azul.

O Lemos ve truncada a súa boa xeira cunha goleada en Betanzos (4-0).

Encontro moi condicionado polo mal estado do céspede do García Hermanos. Malia todo o Lemos foi quen de realizar unha boa primeira metade na que igualou ao conxunto local, no que foi titular o chairego David López. Os primeiros corenta e cinco minutos remataron sen goles e con escasas ocasións.

Na segunda metade o Betanzos adiantouse con gol de David, que aproveitou un rexeite logo dunha falta. Os de Alberto López perderon o control do centro do campo e os locales aproveitaron esa circunstancia para atacar con perigo. Dez minutos fatídicos condenaron aos monfortinos. Primeiro o ex racinguista Juan de Dora e logo Anthony deixaron o encontro visto para sentencia. Xa co tempo cumprido Mon fixo o cuarto e definitivo.

O derbi mariñán entre o Foz e o Ribadeo tivo clara cor visitante (0-4).

O resultado non deixa lugar a dúbidas. Os de Dani Moirón foron superiores a un Foz que non se sentiu cómodo sobre o céspede do Martínez Otero e non foi quen de xerar perigo diante da portería de Carrera durante os primeiros corenta e cinco minutos. Castrín foi o protagonista con dous tantos. O primeiro logo de recoller un rexeite na frontal da área e o segundo tras unha internada pola banda asistido por Diego Núñez.

Na segunda metade o Foz tentou recurtar diferencias no primeiro cuarto de hora, pero a zaga ribadense contivo as acometidas locais. Non tardou en chegar o terceiro. Unha boa xogada de Castrín pola banda serviu para que Matelo empurrara o balón ao fondo da portería. Xa no desconto, Antón Couto asistiu a Xairo, que recorreu corenta metros co balón, establecera o cuarto e definitivo gol no marcador.

O Santaballés e a Residencia igualaron nun encontro con oito tantos (4-4).

Partido tolo no campo de A Liga. Comezou mellor a Residencia, sobre todo nos primeiros quince minutos de xogo, pero os chairegos sacudíronse o dominio visitante e no minuto 26 foron quen de adiantarse no marcador desde os once metros por medio de Novás. Os de Dani Galán non se viñeron abaixo co gol encaixado e puxeron a proba ao gardameta Ivo, que respotou ben. Antes do intermedio, Palomo logrou facer o segundo cando a Residencia volvía a dominar o encontro. Novás gozou doutra clara ocasión que un zagueiro salvou baixo paos.

Na segunda metade a Residencia logrou reducir diferencias de contado. O colexiado sinalou penalti por man dentro da área e Javi Raposo non errou. Os visitantes seguiron intentando a igualada diante dun Santaballés que non se atopaba cómodo sobre o céspede. E lograron darlle a volta ao marcador en tan só cinco minutos con tantos de Borja Rasilla e Yeray. Os de Juan Rodríguez reaccionaron de contado e non tardou en chegar o empate, obra de Miguel, no minuto 84. Pero o encontro aínda nos tiña reservado un final apoteósico. A falta de dous minutos para chegar ao final Javi Raposo voltou a poñer por diante a Residencia e xa co tempo cumprido o Santaballés reclamou penalti de novo por mans dentro da área. O colexiado non o interpretou así e xa cando o encontro esmorecía de novo unha acción na área visitante si foi sinalada como pena máxima. Novás igualou un encontro cheo de alternativas.

A goleada diante do San Tirso costoulle o posto a Julio Corral (0-5).

A febleza defensiva do Escairón voltou a xogarlle unha mala pasada ao xa ex equipo de Julio Corral, que foi destituído unha vez finalizado o encontro. O San Tirso dominou o encontro e buscou con claridade a portería de Macía. Roel e Ray anotaron na primeira metade poñendo unha distancia case que insalvable no marcador.

O cadro local intentouno logo da reanudación. Toto tivo as opcións máis claras, pero non estivo acertado. A falta de vinte minutos para o final Denis sentenciou o encontro e xa co tempo cumprido chegaron dous tantos máis para completar a goleada, un deles do ex racinguista Roberto Prieto.

O Polvorín achégase ao liderato nunha xornada na que cae o primeiro adestrador

Máxicos Luca’s Grill. Xornada 7

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *