O PM Friol non estará o vindeiro ano na Segunda RFEF. A derrota ante o Espanyol B na casa confirmou a crónica dunha morte anunciada. Foi a guinda dunha tempada convulsa, marcada polas tensións constantes e o ir e vir de xogadoras pola Reigosa.
O conxunto perruqueiro dominou a primeira metade ante un Espanyol B que chegou en contadas ocasións. Iso si, as barcelonesas viron como o colexiado lles anulaba un par de goles por fóra de xogo. Na reanudación, o filial perico apretou bastante ante un PM Friol desquiciado. As futbolistas lucenses semellaban moi presionadas ante as continuas indicacións da súa adestradora Covi. No tramo final, chegaron os dous tantos visitantes de xeito consecutivo. O cadro amarelo, que dispuxo das súas opcións durante o partido, fixo o gol da honra na prolongación.
O CD Lugo perde a segunda praza ao caer co Tordoia
Un mal día na oficina custoulle ao CD Lugo o segundo posto da Primeira Galicia, agora en propiedade do Orzán. O Tordoia plantexou unha trampa para saír á contra e, aínda que as albivermellas estaban avisadas desta circunstancia, caeron nela e de aí o resultado.
As de Joaquín Blanco abusaron do xogo por carrís centrais, onde esperaba repregado o Tordoia para roubar e saír rápido. Isto, unido á falta de puntería case habitual; propiciou que as lucenses quedasen sen os puntos. Candela fixo os dous goles nunha data gris.
Pola súa parte, ao Antas sobroulle a segunda metade ante o EFB Amistade de Meirás. As de Dani Abelairas asinaron un bo primeiro acto, no que remontaron o 1-0 en contra en dúas accións a pelota parada. As do Castro Seoane chegaron cun 2-2 ao tempo de lecer, resultado que non lograron manter na reanudación. O maior ritmo local e a súa perigosidade polas bandas, permitíronlle ao Meirás gozar de multitude de ocasións e así golear. Dentro do malo, debemos salientar o debut de Dana e a integración da infantil Melanie no once titular.
Traballado triunfo do campión e soberbios partidos de Milagrosa e Carballedo
O campión suou tinta para levar os tres puntos do derbi entre o primeiro e o segundo clasificado. O San Lázaro realizou un partido moi serio, errou ocasións claras e viu como un erro defensivo decidía un enfrontamento sen un claro dominador. Nerea Rodríguez aproveitou unha concesión local, no primeiro cuarto de hora da reanudación, e deulle un novo triunfo a un PM Friol B que segue sen presentar licenza de adestrador.
No outro duelo entre lucenses da xornada, apenas houbo historia. A Comercial presentouse con só dez xogadoras en Montirón e o San Roque impuxo a súa lei. As de Quiroga gardáronse esforzos nunha primeira metade cun só tanto. Subiron unha marcha no segundo acto e remataron goleando cun hat trick de Mery.
O Sangoñedo acolleu un choque entre dous dos claros aspirantes ao play off de ascenso. O espectáculo non defraudou aos alí presentes. A igualdade marcou un encontro no que ambos equipos dispuxeron das súas oportunidades. O Touro adiantouse xusto á volta do tempo de lecer nun balón ás costas da zaga do Chantada. As de Gorry repuxéronse ao golpe, pisaron máis área rival e igualaron nun saque desde o curruncho. Ángeles enviou o balón ao fondo das mallas a dez minutos da conclusión.
A Milagrosa regresou á senda da vitoria despois de superar pola mínima ao Arzúa. As de Héctor Expósito asinaron unha das mellores primeiras metades desta campaña. E marcharon aos vestiarios cunha vantaxe dun gol (0-1), insuficiente para o mostrado sobre o terreo de xogo. O tempo de lecer non lle sentou ben ás branquivermellas. Durmíronse ante un Arzúa que igualaba o partido. O tanto espoleou ás capitalinas, que colleron de novo as rendas do partido ata conseguir o 1-3. No tempo de desconto, as da Terra do Queixo lograban o seu segundo tanto, sen tempo para máis. Ainara Silvosa destacou cun ‘dobrete’.
O Carballedo encaixou a súa terceira derrota consecutiva no mellor encontro da tempada. As de Sementa e Adrián quedaron sen premio ante un dos equipos punteiros da categoría. Malgastaron ata tres ou catro oportunidades claras, sufriron un claro penalti non sinalado no minuto 90 e encaixaron o único gol no minuto 95 no que foi a derradeira xogada do choque. Un revés moi cruel que non empaña o soberbio traballo das do Catro Ventos.
O Monte Forte caeu con claridade no feudo do Bandeira. O cadro de Cristian Penas acudiu ao encontro con só once xogadoras por mor das múltiples baixas. As monfortinas empezaron ben e competiron de ti a ti na primeira metade (2-1 ao descanso). Despois do paso por vestiarios, as visitantes acusaron o desgaste físico e varias futbolistas remataron o partido con molestias sen poder ser substituídas.
ángeles, Xogadora Torre de Nuñez do mes de abril
A dianteira do Chantada Ángeles é a primeira futbolista que repite o galardón #XogadoraTorredeNúñez. Neste mes de abril, ao igual que fixo en decembro, foi a máis destacada da provincia. Salientou en tres das catro datas deste mes, ao igual que Nuria Meijide (PM Friol B). Porén, marcou un tanto máis que a punta viguesa.
Resultados da xornada
PM Friol 1-2 Espanyol B
CD Lugo 2-4 Tordoia
EFB Amistade 7-2 Antas
San Lázaro 0-1 PM Friol B
San Roque 5-0 Comercial
Carballedo 0-1 Santiso
Chantada 1-1 Touro
Arzúa 2-3 Milagrosa
Bandeira 5-1 Monte Forte