Recordan aquela canción infantil… «Un elefante se balenceaba sobre a tea dunha araña». Unha imaxe icónica e curiosa, moi parecida ao que pode estar vivindo o PM Friol estes días. O conxunto da Reigosa corre serio perigo no partido da próxima fin de semana. A estas horas só contaría con sete fichas A dispoñibles ante o Zaragoza CFF, o mínimo que estipula a Segunda RFEF para non caer en ‘aliñación’ indebida. Co hándicap engadido de que unha desas licenzas é a de Carlota, que rematou tocada o último partido. Unha lesión desas sete xogadoras durante os noventa minutos unida á súa substitución, provocaría a derrota automática do cadro amarelo.
Desde o Nadal, son varias as xogadoras que non regresaron aos adestramentos con Covi Regueiro. Aos xa coñecidos adeuses da goleadora Ali Martínez (Femarguín) ou o recente de Mabel Okoye (Atlético Baleares), únense as ausencias de Naiara Velasco, Sofía Schell (que se atopa por Ibiza) ou Ainhoa Plaza (vista por Badaxoz). E ata onde puidemos saber nesta casa, poderían non ser as últimas en abandoar o barco.
tres debuts e tres goles en contra para o pm friol
Mentres tanto, toca reinventarse e tirar de canteira. Un recurso insuficiente, xa que o PM Friol ocupa a penúltima praza da táboa despois de caer con claridade no feudo do CD Getafe. O cadro de Covi aguantou e competiu nunha primeira metade na que o acerto madrileño marcou as diferenzas. As locais chegaron cun 2-0 insalvable ao descanso. Máis aínda tralo visto na segunda metade. O Getafe dominou por completo, sentenciou e viu como o PM Friol aumentaba a súa mala sorte coa lesión de Yasmín. Iso si, as lucenses fixeron debutar a dúas novas xogadoras do filial: Jessica e Valentina. Así como a recente fichaxe Katarina Dukic. A croata disputou os 90 minutos do encontro.
O Lugo empata a domicilio e o Antas cae na casa
Empatar a domicilio ante un rival da zona alta nunca é un mal resultado. O Lugo colleitou un valioso punto na súa visita ao Victoria CF B. As defensas impuxéronse aos ataques durante a primeira metade. A excepción dos momentos illados nos que cada equipo conseguiu cadanseu gol. Golpearon primeiro as ‘cebras’ e as albivermellas responderon ao bordo do descanso.
As rapazas de Joaquín Blanco chegaron con esa inercia positiva á reanudación. O primeiro tramo da segunda metade foi lucense. Ana Seguín rubricou o seu ‘dobrete’ e o Lugo tivo oportunidades para conseguir unha renda maior. Non foi quen de facelo e deixou con vida ao Victoria CF B. Co paso dos minutos, o partido derivou nun ida e volta, sen control algún e con ocasións para ambos equipos. Froito dos desacertos dos dous conxuntos máis que por méritos propios. E así chegou o definitivo 2-2, que ata se pode considerar xusto.
Pola súa parte, o Antas encaixou unha nova derrota na casa. O cadro de Dani Abelairas acusou unha mala primeira metade, con moita falta de intensidade e varios erros individuais. Facilitando así o 0-2 ao descanso. Na primeira xogada do segundo acto chegaba o 0-3. Nuria, porteira na primeira metade, recurtaba distancias cun lanzamento desde o centro do campo.
Este tanto espoleou ao Antas, que xogou os seus mellores minutos. Paula Méndez cabeceaba un servizo desde o curruncho para poñer o 2-3. Cando parecía que o empate se acercaba, un parón por lesión cambiou o encontro de novo. E o O Val sentenciou con tres goles en dez minutos.
A insuficiente lei de Jenny e o medo do líder
Tres derbis presenciamos nesta última xornada na Segunda Galega. Un deles sobresaiu por enriba do resto. Falamos xa do empate entre o San Lázaro e o Monte Forte (5-5). Jenny botouse ao cadro da Ponte ás costas e impuxo a súa lei na primeira metade. Catro goles e 4-0 ao descanso ante un Monte Forte que non logrou ver porta nas súas ocasións. Perry fixo uns axustes no descanso e as monfortinas lograron a ‘machada’. Cinco goles en trinta minutos e 4-5 no marcador. Aí, o San Lázaro lanzouse a polo empate e rescatou un punto cun novo gol da clara protagonista da xornada, Jenny.
O PM Friol B suou tinta para desfacerse dun combativo Chantada. As de Gorry incomodaron en todo momento ao líder. A primeira parte, de poder a poder, apenas deixou ocasións. Tralo paso polos vestiarios, as de Geluco Villar fixeron bo un erro rival e Nerea Lombardero apuntouse o único gol do choque. O equipo do Sangoñedo tentouno á contra e coa pelota parada. O esférico non quixo entrar. Iso si, o filial da Reigosa rematou pedindo a hora.
No último dos derbis da xornada, a Milagrosa rompeu a súa dinámica de derrotas cun traballado punto ante o Carballedo. As de Adrián Rodríguez e Sementa abriron a lata preto da hora de encontro e perdonaron a sentencia nun bo tramo local. O conxunto de Héctor Expósito aproveitou unha oportunidade contra o límite para rascar un empate de ouro.
Ademais, a Comercial viviu unha tarde amarga no feudo do Bandeira. As de Vivian Dors realizaron un dos mellores encontros da tempada e cederon pola mínima ante as locais. Un gol concedido tras unha suposta sucesión de faltas e unha man non pitada, resultou un golpe mortal para a Comercial. Por último, o San Roque pasou o rolete na noite do venres. Unha ducia de goles ante o EF Silleda para auparse ao cuarto posto da clasificación. Irene Rebolo aportou un póker, Mariam un hat trick e; Mery e Nai, sendos ‘dobretes’.
Resultados da xornada
CD Getafe 3-0 PM Friol
Victoria CF B 2-2 CD Lugo
Antas 2-6 O Val
PM Friol B 1-0 Chantada
San Lázaro 5-5 Monte Forte
Carballedo 1-1 Milagrosa
San Roque 12-0 EF Silleda
Bandeira 1-0 Comercial