#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal

O partido Fisioterapia Ronda… Atlético Escairón – Lemos, derbi de urxencias no Saviñao

Chega o partido destacado desta semana. A Preferente Norte está a apretar aos nosos equipos. Despois da disputa de seis xornadas, Escairón, Residencia, Ribadeo, Santaballés e Foz atópanse nos postos de promoción de descenso, mentres que o Lemos está en terra de ninguén. Pola contra, a Sarriana manténse no alto da táboa, ao contar todos os seus partidos por victorias.

Pero se hai un partido que chama a atención nesta fin de semana de Todos os Santos, ese é o Atlético Escairón-Club Lemos que se vivirá na véspera de Difuntos, o día 31, ás 20:00. Será na casa dos azules, o Municipal do Saviñao, onde estes dous conxuntos veciños se enfronten. Por iso é o noso Partido Fisioterapia Ronda.

O Lemos chega ao derbi con fame por achegarse á zona nobre da clasificación, da que non se quere alonxar. O Escairón, pola súa banda, chega coa necesidade de facerse cunha victoria que lles permita coller aire e deixar o último posto.

Que opinan os protagonistas?

O Lemos visita O Saviñao co obxectivo de sacar algo positivo, pero non será sinxelo... pois os locais necesitan os tres puntos para non afundirse na clasificación...

MIGUEL TEIJEIRO ‘PANDIANI’ (ATLÉTICO ESCAIRÓN)



  • O comezo da liga: o inicio foi malo, pero somos realistas. Non temos un cadro de xogadores tan completo como para poder competir con garantías cada domingo.
  • O derbi do domingo: probablemente sexa un derbi moi igualado, pero quizais nós teñamos un plus por xogar na nosa casa, ao estar a afección animando. Vai estar moi disputado.
  • Obxectivos a longo prazo: temos que sacar puntos, os máximos posibles, para poder competir na próxima fase. Se conseguimos salvarnos sería un logro moi importante para a vila do Saviñao, logo de contar cun dos presupostos máis baixos da categoría.

DANIEL DAFONTE ‘DAFO’ (CLUB LEMOS)

  • Os primeiros partidos: pouco a pouco estamos a mellorar competindo e cada vez nos sentimos máis cómodos. Alén diso, somos un equipo con moitas caras novas e estamos a adaptarnos ben os uns aos outros. Estamos sufrindo, ademais, moitas baixas.
  • O choque no Saviñao: é un partido moi especial, un derbi en estado puro. Todo o mundo estará moi motivado e con ganas de xogar, trataremos de sacar algo positivo.
  • Os obxectivos do Lemos: este ano temos que ir domingo a domingo, temos que tratar de competir o mellor posible e, a partires de aí, chegar o máis arriba posible.

A axenda

PRIMEIRA AUTONÓMICA

Monterroso – Chantada: os Chacotes albergarán o domingo ás 16:30 un choque de titán entre dous clubes que buscarán a victoria. O Monterroso quere sumar de tres en tres por primeira vez, mentres que o Chantada procurará a súa segunda victoria consecutiva.

SEGUNDA AUTONÓMICA



Páramo – Paradela: tamén o domingo ás 16:30, pero neste caso nas Rapadas, dous clubes veciños se enfrontarán nun derbi que promete fortes emocións. Páramo e Paradela chegan con 1 e 3 puntos respectivamente.

TERCEIRA AUTONÓMICA

Relámpago Taboada – Carballedo: volve a Terceira logo de moitos meses de parón. Un dos pratos fortes será o duelo entre Relámpago e Carballedo no anexo da Medela, o domingo ás 17:30.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *