O partido da xornada . . . S.D. Santaballés – S.D. Burela: os mariñáns poñen a proba a fortaleza da Liga

Con máis da metade da temporada consumida existen encontros que comezan a ser decisivos. Deses que un se lembra do resultado no mes de maio. Un deles pode ser o que o vindeiro domingo ás 16 horas enfronte, no campo de A Liga, ao Santaballés e ao Burela co arbitraxe de Xavier Rebolo Jul. Dous equipos que partían en setembro como aspirantes ao ascenso, aínda que sen obrigas, un máis modesto e outro cargado de historia en categorías superiores, pero agora metidos en faena, ningún quere deixar pasar a oportunidade de ocupar un dos dous postos de ascenso a Preferente.

O Santaballés pasa por ser o equipo máis en forma da Primeira Autonómica. Segundo clasificado a só tres puntos do Atlético Escairón e con catro de marxe sobre o Pol, terceiro e cinco sobre o seu rival desta xornada. O conxunto adestrado por Dani Moirón acumula catorce xornadas sen perder (dez triunfos e catro empates) e mantense invicto no seu feudo, onde só o Friol foi quen de arañar un empate. Con eses números afronta o conxunto chairego un encontro chave ante o Burela, ao que de gañar deixaría a oito puntos. De tódolos xeitos o encontro da primeira volta non é un bo precedente para o Santaballés,  xa que colleitou na Marosa a derrota máis abultada da temporada.

O Santaballés é o mellor equipo da Primeira Autonómica como local

O Burela é o equipo con menos derrotas da categoría, tan só dúas, ante o Atlético Escairón e o Riotorto a domicilio e ten na súa zaga un dos puntos fortes, sendo o segundo equipo menos que menos tantos recibe, superado soamente polo líder. Pero varios empates no seu campo ante conxuntos da zona baixa como Folgueiro, Guntín ou o da pasada xornada ante o Lourenzá, impiden que os de Jaime Méndez asaltaran os postos de ascenso. Pero o cadro verde aposta forte para que esta temporada sexa a do retorno a Preferente, e reforzouse neste mercado invernal con Jairo, que chega do Viveiro e Uru, que retorna ao fútbol logo dun parón, pero xa formara parte da S.D. Burela.

Jaime Méndez afronta a segunda temporada como adestrador do Burela

O último enfrontamento no campo da Liga entre ámbolos conxuntos tivo lugar o 17 de febreiro de 2019 con triunfo local por tres tantos a cero. Os goles foron obra de Hugo, Vérez e Nico.

Falamos do encontro con dous dos goleadores: Dani San (Santaballés) e David Ben (Burela).

QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?

DANI SAN (S.D. SANTABALLÉS)

 – O Burela. “Sen dúbida agardo un partido moi duro e moi físico no que os dous equipos iremos a polo partido dendo o pitido inicial. Creo que será determinante aproveitar os bos momentos que teñamos ao longo dos noventa minutos. Sabemos que o Burela é un equipo moi forte en tódalas liñas, ten as cousas moi claras e sabe ao que xoga“.

– A racha. “A verdade é que estamos nun bo momento e iso da tranquilidade. No vestiario o máis importante é a alegría e a ilusión que tódolos xogadores amosamos día a día polo traballo de cada partido e cada adestramento. Iso lévanos a estar máis unidos e a seguir traballando tódalas semanas para poder disfrutar desta situación“.

 – O ascenso. “Está sendo unha liga moi disputada e con moitos cambios. Creo que hai equipos que xa foron diseñados para ascender e pelexarán por eles, pero sen dúbida serán aqueles que máis traballen os que o acaden e ninguén o vai poñer doado”.

DAVID BEN (S.D. BURELA)

 – O Santaballés. “Será un partido duro e igualado que se vai decidir nos pequenos detalles. O rival ten un bo equipo e está moi forte na casa, onde aínda non perdeu. Ben seguro que vai apretar para levarse os tres puntos”.

 – Últimos tropezos. “A pesar dos últimos resultados, confiamos en volver á senda do triunfo para meternos de cheo de novo na pelexa. Temos claro que este partido é fundamental para conseguir achegarnos aos postos de ascenso”.

 – Primeiro ano sénior. “Está sendo unha boa temporada, aínda que sempre se pode mellorar. Nos primeiros encontros do ano nótase un pouco o cambio de pasar de xogar en xuvenís, pero logo te acostumas. Axudoume moito o feito de ter xogado algúns partidos xa en sénior, tanto na anterior etapa no Burela como os dous últimos anos no Viveiro”.

Imagen por defecto
Marcos Fernández
Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte
Artículos: 407

Deja un comentario