#Fútbol afeccionado #Segunda Futgal

O partido da xornada . . . Roupar – Xermade: igualdade nun derbi entre aspirantes ao ascenso

Atopar un derbi entre dous equipos do mesmo concello no noso rural non é doado. Pero Xermade é a excepción. Na xeografía do concello chairego atópanse competindo actualmente catro equipos: Xermade, Roupar, Cabreiros e Cazás, mentras que un quinto, o Momán fíxoo ata non fai moito tempo. Polo que, para os 1.884 xermadinos (dato de finais do 2017) o de xogar un derbi é algo do máis habitual.

De tódolos xeitos, o que se disputa este sábado ás 16 horas no campo do Novo entre o Roupar e o Xermade ten un aliciente: ámbolos dous conxuntos se atopan de cheo na loita polo ascenso a Primeira.

Diego Dopico, adestrador do Roupar, está a facer unha gran campaña á fronte do clube xermadino

O Roupar é o conxunto revelación da categoría. O conxunto adestrado por Diego Dopico, cun plantel formado case na súa totalidade por xogadores do veciño concello de As Pontes, ocupa a segunda posición na clasificación, empatado a puntos co líder, o Folgueiro, que foi o único equipo que logrou derrotar aos xermadinos desde o comezo de liga. No seu feudo soamente cedeu un empate, no outro derbi municipal ante o Cabreiros, e actualmente acumula seis triunfos consecutivos. Na pasada fin de semana asaltou un campo ata o de agora inexpugnable, o Suso Cruz de Gutiriz, superando a outro rival directo polo ascenso.

O Xermade buscará rachala boa xeira do Roupar e acercarse aos postos de ascenso

O Xermade ocupa a cuarta posición a catro puntos do seu rival desta xornada e tamén dos postos de ascenso. Dúas derrotas nas tres últimas xornadas ante Lourenzá e Cabreiros alonxárono mínimamente do ascenso. O pasado fin de semana, o Xermade desfíxose pola mínima dun correoso Cospeito, triunfo que lles serviu aos de Rebolo para recuperar sensacións e poñerse a tiro de pedra dos postos de privilexio.



Dous pesos pesados de Roupar e Xermade, Sebas e Chungui dannos a súa opinión do derbi desta xornada.

QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?

Esteban Sánchez «Sebas» (Roupar)



Sebas é un dos máximos goleadores da Segunda Autonómica

O segredo da gran temporada. «A clave está no gran grupo que temos, desde a directiva, pasando por adestrador e xogadores. Somo practicamente o grupo do ano pasado, con algún reforzo, e todo o mundo está comprometido e traballa pola semana para competir o mellor posible nos partidos. A partir de ahí pode pasar calquera cousa, debido ao gran nivel dos equipos, pero intentaremos prolongala racha o máximo posible».

O derbi. «É un encontro especial, dos que sempre apetece xogar polo gran ambiente de fútbol que se agarda, máis estando os dous equipos tan arriba na clasificación. O Xermade tamén está moi forte, só a catro puntos de nós, polo que agardo un encontro moi igualado. A clave será manter o nivel físico e a concentración os noventa minutos, xa que estes partidos resólvense por pequenos detalles».

O futuro inmediato. «Nestes momentos o que nos preocupa é manter o nivel de compromiso do grupo e seguir na mesma liña de traballo ata o final de temporada. Logo os resultados xa se verán, porque para estar arriba tamén hai que ter en conta o factor sorte».

O pichichi. «As cousas están saíndo ben por agora, pero queda moito por diante. De tódolos xeitos ao fútbol xogamos once e cada un ten a súa función igual de importante dentro do equipo, e nese sentido estou contento, por poder axudar aos compañeiros».

Diego Bellas «Chungui» (Xermade)



Chungui, nun encontro da pasada temporada ante o Taboada

Volta á senda do triunfo. «Aínda que perdemos contra Lourenzá e Cabreiros, contra os mariñáns o resultado non fixo xustiza co que se viu no campo, tivemos moi mala sorte. Contra o Cabreiros quizais fixemos o peor encontro da temporada e había que cambiala imaxe ante o Cospeito. A verdade é que fixeron un gran encontro contra nós e se sacaran algo positivo contra nós non pasaría nada. Aínda temos moito que traballar para ser o equipo que quermos ser».

O rival. «En realidade nunca me preocupa moito o rival. Ao final se nós estamos ao noso nivel podemos gañarlle a calquera».

Posibilidades de ascenso. «Está claro que temos posibilidades, pero tampouco creo que sexa o noso obxectivo. Se subimos ben, pero senón tampouco pasa nada. Tanto Folgueiro, Roupar, Guitiriz, Cabreiros ou Lourenzá estarán na pelexa…está todo moi igualado».

[themoneytizer id=»15360-3″]

ESTE FIN DE SEMANA TAMÉN PODES VER . . .

Preferente Norte

– C.D. Castro – S.D. Ordes (Domingo ás 16 horas no Arturo Pereiro): nova oportunidade para que os chairegos estreen o casilleiro de triunfo esta temporada. Reciben a un conxunto, a priori con potencial para estar na zona alta, pero que está metido de cheo na pelexa pola permanencia.

O Castro agarda festexalo primeiro triunfo da temporada

– Ribadeo F.C. – San Tirso S.D. (Sábado ás 17 horas no Pepe Barrera): logo de dúas derrotas consecutivas, os de Rafa Casanova non poden deixar fuxir puntos do Pepe Barrera para reengancharse á aos postos de privilexio. Os de Abegondo veñen de gañarlle ao Castro

– S.D. Sarriana – Agrupación Estudiantil (Sábado ás 17 horas na Ribela): o conxunto adestrado por Alberto López recibe ao pechacancelas, un feble Estudiantil, que nos últimos encontros está a competir mellor. Os sarriaos buscarán darlle continuidade á gran racha de resultados.

Alberto López, adestrador da Sarriana

Primeira Autonómica

– S.D. Chantada – Atlético Escairón (Domingo ás 16 horas no Sangoñedo): encontro de rivalidade entre dous equipos que malia non comezala temporada da mellor forma chegan en racha, e co obxectivo do ascenso á vista.

Pandiani está a ser unha das claves do resurxir do Escairón

C.F. Riotorto – Sporting Pontenova (Domingo ás 16 horas na Veiga): logo dos dous tropezos iniciais, os de Labrada non volveron tropezar. Agora, co plantel mermado polas lesións reciben aos de Andrés Bouza, colistas pero que non lle perden a cara á competición.

Segunda Autonómica

– A.D. Bóveda – C.D. Guntín (Domingo ás 16 horas no Hermanos Somoza): encontro entre dous conxuntos que están ás portas dos postos de ascenso. O Guntín soamente perdeu un encontro lonxe do Ladairo.

O Guntín tentará sacar tres puntos do sempre difícil campo do Bóveda

Palas C.D. – C.D. Corgo (Sábado ás 16 horas nos Chacotes): os locales, nunha gran temporada, ocupan plaza de ascenso a Primeira, reciben a outro conxunto da zona alta, situado na quinta posición.

Terceira Autonómica

– Celta Barreiros – C.D. Alfoz (Sábado ás 16 horas no Cascabeiro): os de Fran Vázquez, con moitas baixas por lesión, pero que incorporou dous reforzos nesta última semana, buscará manter a condición de invicto no Cascabeiro. Recibe ao conxunto máis en forma da categoría, con seis triunfos nos sete últimos encontros.

Fonsagrada – S.D. Muimenta (Sábado ás 16 horas no Gómez Besteiro): enfrontamento entre os dous equipos en postos de ascenso directo. Un triunfo dos chairegos faría que xa distanciase aos seus rivais considerablemente a estas alturas de competición.

Miguel Morán, xogador da SD Muimenta

– C.D. Sober – C.D. Río Sil (Domingo ás 16 horas en Centeás): derbi soberino, ao que os locales chegan no mellor momento da temporada. Os da Carqueixa precisan un triunfo logo dos últimos traspés como local.

Primeira Galega Feminina

 – S.C.D. Milagrosa – Umia C.F. (Domingo ás 18:30 horas no Luis Gorgoso): logo do empate acadado no derbi ante o Antas, as lucenses buscarán sacar algo positivo ante un dos ósos da categoría. As de Ribadumia son terceiras e acumulan oito xornadas sen coñecela derrota.

Segunda Galega Feminina

 – S.G. Comercial – Silva S.D (Domingo ás 17 horas no Rodríguez Lago 2): logo do triunfo da pasada xornada a domicilio, as lucenses buscarán repetir resultado ante un Silva que conseguiu gañar catro dos últimos cinco encontros xogados.

 – Carballedo C.F. – Imperátor Oar (Domingo ás 12 horas no Catro Ventos): as rapazas do Carballedo reciben a un rival directo, que conta con só dous puntos máis que as locales. Oportunidade para escalar na clasificación.

– P.M. Friol C.D. Lugo «B» – S.D. Chantada (Domingo ás 19:15 horas na Reigosa): o filial lucense, líder invicto, recibe ás chantadinas, que con tres triunfos consecutivos serán un rival a ter moi en conta na Reigosa.

Liga Feminina Fútbol 8

 – S.D. Burela – Club Atlético dos Castros (Domingo ás 11 horas no anexo á Marosa): as de Jesús Ríal tentarán mantelo liderato ante un conxunto da zona media baixa, pero que chega á Marosa logo de dúas victorias consecutivas.

 

O partido da xornada . . . Roupar – Xermade: igualdade nun derbi entre aspirantes ao ascenso

Os sobranceiros da Terceira na 9ª xornada

O partido da xornada . . . Roupar – Xermade: igualdade nun derbi entre aspirantes ao ascenso

O partido en imaxes: Lugo Unión –

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *