A Terceira chega á súa décimoquinta xornada e faino cun bo número de partidos adiados por positivos en Covid-19 e coa incerteza dun futuro marcado por unha pandemia que non da tregua. De feito, só se disputarán dous encontros esta semana no subgrupo norte. E os dous con representación lucense. O Polvorín agardará nova data para enfrontarse ao As Pontes e o Viveiro abrirá a xornada a domicilio, nas Somozas (domingo, 12.00 horas).
O gran partido da xornada celebrarse na Magdalena, entre dous dos aspirantes aos postos finais de ascenso a Segunda División B. O Bergantiños chega á Chaira cos mesmos 24 puntos que os de Simón Lamas. Iso si, con tres partidos pendentes por un só dos vilalbeses. Ademais, os de Carballo chegan cun hándicap engadido. O de vir de superar un novo confinamento co que todo isto conleva. Especialmente na carga de adestramentos e a condición física e ritmo de xogo dos seus futbolistas.
O importante é que, se o COVID o permite, o sobranceiro desta semana será este domingo ás 16.15 horas na Magdalena. E sen público, polas novas restriccións do goberno autonómico. O cadro de Simón Lamas caeu por 3-1 na primeira volta nas Eiroas. E tratará de buscar primeiro os tres puntos ante un conxunto cun adestrador distinto ao daquela cita: o emblemático José Luis Lemos. Isto suporía o segundo triunfo do ano despois da derrota no derbi da Cheda no último encontro disputado polo Racing. Un Racing que viu como a pasada xornada se aprazaba o seu encontro ante o As Pontes pola dichosa emerxencia sanitaria.
Sen máis dilación, falamos xa dun dos partidos do ano con dous dos seus protagonistas. O capitán Diego López, en clave vilalbesa. E o monfortino Iago López, por parte do Bergantiños.


QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?
DIEGO LÓPEZ (RACING VILLALBÉS)
– Moito máis que tres puntos en xogo. «Está claro que si. Estamos nun momento importante da competición. O que queremos é sumar de tres en tres para pechar primeiro a permanencia e despois estar o máis arriba posible. E loitar por meternos entre os tres primeiros para a promoción polo ascenso».

– O Bergantiños. «Levan tempo parados, é un inconvinte para eles. Ao final cando che cortan o ritmo da competición perdes o ritmo un pouco. Por outro lado, tiveron tempo a descansar e repoñerse. E analizar mellor ao seguinte rival, neste caso nós. Pode ser unha maneira de contrarrestar ese parón, cun traballo máis teórico que práctico».
– A clave do partido. «Non cometer erros. Non darlles opcións para que teñan ocasións. Teremos que presionar de maneira intensa, que non poidan pensar con balón e estar a gusto. Teñen grandes xogadores, un gran potencial. Temos que estar ben defensivamente e sacar todas as nosas armas en ataque. Así a ver se marcamos canto antes e logo temos un partido máis cómodo».
IAGO LÓPEZ (BERGANTIÑOS)
– Moito máis que tres puntos en xogo. «É un partido coma outro calquera. É verdade que os dous equipos estamos arriba, facendo as cousas ben. Pero si que poden ser máis que tres puntos en xogo pola clasificación. Se gañamos, poñémonos por diante e temos tres encontros pendentes. Partido a partido, que isto pode parar calquera día».
– O Racing Villalbés. «Un rival moi compricado, moi forte no seu campo e que fai as cousas moi ben. Levamos unha semana ou dez días parados polo tema do COVID. Nós comezamos a adestrar e estamos moi motivados para o domingo. Será un partido disputado, moi difícil».

– A clave do partido. «Non cometer erros, tanto eles como nós. O balón parado é outra das claves, pódeche dar os tres puntos. Hai que estar serios, calquera equipo pode facerche gol en calquera acción. Máis aínda o Villalbés».
Fotografía principal: La Voz de Galicia