Javier Montoto: “Cando xogaba dicíanme que a que ía a biblioteca”

Foto de portada: Melanie de la Fuente

Pódese dicir que case todo o medio do campo era del. Gustáballe telo controlado. Disciplinado e correcto. En palabras de Gonzalo Edrosa “un xogador que calquera adestrador quere ter. Un 10 tacticamente, non perdía o balón e tamén se animaba en ataque. Educado e responsable. Un xogador exemplar”. Como adestrador semella que tentou transmitir aquilo que foi construíndo. Javier Montoto Quintero (Asorey – Vila de Cruces, 17-04-1960) achegouse dende o centro de Galicia en diversas ocasións a provincia. Como xogador para formar parte da xeración que ascendou ao CD Lugo á Segunda División por primeira vez na súa historia. E logo no Lemos. Como adestrador pasou polo Chantada e agora remata a súa etapa no Escairón. Como futbolista tamén formou parte do CD Lalín, CD Ourense, Cambados e Real Avilés. E como técnico tamén no CD Lalín, Arenteiro, Laro ou Arzúa. Marcha do Escairón impulsado pola situación actual pero cunha base construída a medio prazo.

Futbolinlugo: Como ves a situación actual da imposibilidade de levar a cabo competicións no fútbol afeccionado?

Javier Montoto: Cando se intentou abrir polo mes de setembro ou outubro eu xa o dixen. Estou no sector da educación e vexo día a día como funcionan as cousas. Creo que o fútbol afeccionado é inviable agás que se fixeran uns tests apropiados. Nos que había previstos só se ve, se dás anticorpos por se pasaches o virus. Pero non ten máis validez. Logo ademais hai varios condicionantes como os desprazamentos ou os vestiarios.

Fil: É ese o motivo polo que non segues no Escairón?

JM: Eu xa puxen en antecedentes ao club. Non o vía axeitado. Téñome que desprazar uns cantos quilómetros e con xente no coche. Fun partidiario de non ir para adiante con esta idea. O que non é compatible é a acumulación en espazos pechados. É os vestiarios son un exemplo. A alternativa é que a xente non se duche. Pero se te desprazas 60 ou 70 km é complicado marchar sen ducharse. Se non colles o covid, colles un resfriado. Logo hai equipos que adestran en campos de herba artificial. Pero se adestras en natural non podes marchar para casa enlamado.

Fil: Non cumpría eses requisitos o Escairón?

JM: Nos adestramentos iamos cumprir. Tiñamos a infraestrtura. Pero logo cando vas xogar a outros campos descoñeces en que condicións están os vestiarios. E despois están outras circunstancias como ter xente maior na casa ou nenos. É unha preocupación máis. Todo isto faite recapacitar. A min non me parecía o momento axeitado.

Fil: Foi o único motivo?

JM: No club houbo cambio de directiva, pero non influíu na miña decisión. Aínda que o certo é que o meu compromiso era coa directiva anterior.

“O ano pasado superou moito as expectativas postas nel”

Cadro de xogadores do Escairón no verán do 2019. Foto para a Guía Futbol en Lugo

Fil: Como valoras o ascenso conseguido ao deterse a liga no pasado mes de marzo?

JM: Superou moito as expectativas postas nel. Pensabamos que co equipo que logramos construír iamos competir dignamente. Pero as cousas saíron rodadas. A falta de poucas xornadas sacar tantos puntos aos rivais… O comportamento do cadro de xogadores e o traballo foi a clave. Estou agradecido pola súa disposición ao esforzo e ao trato comigo. Non só pola temporada en si, senón tamén pola calidade humana dos xogadores.

Fil: E un equipo construído na súa maioría por xente da contorna…

JM: Para poder fichar como adestrador eu propuxen a miña idea. Contando con xente da casa e da contorna o club tería viabilidade a medio prazo. A longo xa non se sabe porque iso é impredecible. Explicámosllo aos xogadores e vírono con bos ollos. Non queriamos establecer diferenzas salariais entre uns e outros. Puxéronse uns límites. O club acabou o ano nunha boa situación económica.

Fil: Dentro do cadro de futbolistas estaba o teu fillo. Como foi esa experiencia de adestralo?

JM: A maior parte dos xogadores xa os coñecía de velos xogar. Levo moitos anos traballando con grupos. O meu fillo diferencia moi ben o aspecto persoal do deportivo. O nivel de esixencia para el era igual ou superior. Xa o tiña asumido e non tivemos problema.

Fil: Situacións coma esta poden ser ás veces causas de problemas?

JM: Si que é certo que nalgún caso sempre pode ser unha complicación a maiores. Pero iso é raro se se deixan as cousas claras dende o principio. Hai que normalizalo totalmente.

Miguel Montoto, fillo de Javier, xogou a tempada 2019/2020 no Escairón. Foto: Melanie de la Fuente

“Antes o prototipo de xogador era máis resistente”

Fil: En que medida lle vai afectar ao fútbol afeccionado a situación que vivimos?

JM: Esperemos que se solucione o tema o antes posible. O máis preocupante é o aspecto mental. Estas continuas recaídas aféctanlle psicoloxicamente a moita xente. Os recursos económicos tamén se van ver moi afectados. Si que hai equipos que, se a contorna non bota man deles, pódeno ter complicado máis adiante. O Escairón podería ser un deles. Pode dar lugar a desaparición dalgunha entidade deportiva. Agardemos que non.

Fil: Cambiou moito da túa época de futbolista?

JM: Como todo, o fútbol foi evolucionando. Desde a época que xoguei houbo unha gran evolución. Antes o prototipo de xogador era máis resistente e menos potente e veloz. Melloraron moito os medios de adestramento. O que quizais se perdeu foi o arraigo que a xente tiña cara o seu club. A globalización tamén afecto a isto do fútbol. Pertencer a un club valorábase moitísimo.

Fil: Estiveches de camiño entre o afeccionado e o fútbol profesional. E con gran importancia na provincia de Lugo…

JM: Teño recordos fabulosos. Estiven catro anos no CD Lugo e dúas medias temporadas en Monforte. En Lugo divertinme moito. Tivemos a oportunidade de xogar en Segunda. Foi unha experiencia incrible e da que fixen moitos amigos. Na etapa do Lemos tamén estiven xenial.

Fil: Como lembras o ascenso no CD Lugo?

JM: O ascenso foi inesperado. Chegouse ao fútbol profesional con xogadores afeccionados. En ningún momento se tratou de profesionalizar o club. Algo que si que pasou no ascenso do 2012. Que ao ascender profesionalizaouse moito máis. Estaba máis preparado que naquela. Daquela non estaba nin constituída a LFP e as axudas económicas eran distintas. Había moitos hándicaps.

Fil: A capital lucense chegaches procedente do Cambados. Que hai de lenda e que hai de verdade en torno o conxunto cambadés de finais dos 80?

JM: O ano anterior estivera no Avilés. Aprobei as oposicóns e tiven que vir. Comecei a miña etapa de traballo en Pontevedra e o Cambados levaba uns anos ascendendo. Era o primeiro ano que competía en 2ªB. O certo é que non cobraba máis ca cando fun a Lugo, a Ourense ou a Avilés. Sito Miñanco era o presidente, pero xa andaba pouco por Cambados. O contacto limitouse a algunha ocasión que pasou a saudar. O trato foi cordial como calquera outra persoa. A nivel deportivo fóra un ano moi bo. Foramos 3º ou 4º. Logo o seguinte ano xa tiña praza como profesor en Lalín. Chamoume Julio Díaz para ir ao Lugo que xa me chamara cando fun o Avilés. E tomei a decisión de ir.

“A forma de marchar da SD Chantada non foi a máis correcta”

Montoto chegou no verán do 2019 ao Escairón e logrou o ascenso á Preferente

Fil: E xa como adestrador pola provincia tamén pasaches pola vila do Asma. Como foi a etapa como preparador do Chantada?

JM: Estiven seis anos xunto con outros compañeiros botando a andar a Escola de Fútbol en Lalín. É un traballo arduo e decidín parar. Despois veu o Chantada falar comigo. Daquela estaban en Preferente. Descendemos a Primeira pero a actitude e o traballo foi xenial. A seguinte temapda desfrutamos da Primeira cun ritmo de xogo alto para a categoría. Ademais había base e podíase contar con xente nova para ir incorporándoa ao primeiro equipo. Traballaban todos na mesma dirección. O certo é que a forma de marchar non foi a máis axeitada. Penso que a nivel directiva a forma non foi a máis correcta. Pero teño moitos amigos alí.

Fil: Tiñas como obxectivo chegar a unha categoría máis arriba?

JM: Saquei o nivel 3 no ano 2000. Daquela non podías compatibilizalo sendo xogador. Se te querías meter algo no fútbol, falo de Terceira para arriba, xa tiña que contar con representantes. E a miña profesión era a educación. Nunca planifiquei metas. Sempre procurei adestrar nos equipos nos que estivera o máis cómodo posible. Nunca pregunto aos equipos que vou en que categoría están. O impotante é estar cómodo. Estiven cómodo en equipos de 2ª Rexional e incómodo nalgún de Preferente. E cómodo tamén noutros equipos desa categoría.

Fil: Veste con gana de seguir sendo adestrador en activo?

JM: Esperemos que aínda haxa máis. O fútbol para min é un hobby. Cando adestro dúas ou tres temporaas seguidas si que me gusta parar un ano. Os síntomas da vellez (risas).

Fil: Está aparecendo tamén no fútbol afeccionado unha xeración de xente nova como adestradores. Como o ves?

JM: Iso é moi bo. Axúdanos moito a reforzarnos e a actualizarnos. Fainos mellor a todos. A competencia sempre é moi boa cando sexa sana. Estimúlanos. Unha das claves é saber xestionar grupos. É importante a preparación física e técnica, pero saber chegar a moitas persoas e aunar todo.

“O futuro tíñao en nunca deixar os estudos”

Fil: Axúdache o de ser profesor á hora de xestionar grupos?

JM: As xeracións van pasando e cambian as formas de actuar co tempo. O que hai que facer é adapatarnos as novas tendencias e a nova forma de actuar. O estar no eido educativo váleche para o tema da xestión. Estás acotío con adolescentes ata os 17 anos. E despois dás un paso máis no ámbito sénior. A min si que me serve de moito.

Fil: Sempre priorizaches a docencia?

JM: Sen dúbida ningunha. Sabía que non ía vivir do fútbol. Nin cando xogaba. O futuro tíñao en nunca deixar os estudos. Sabía que o día de mañá o fútbol íase acabar. Esa conciencia tivena clara e tiven moitos compañeiros que vivían diso do fútbol. Ao mellor acababamos ás sete da tarde de adestrar e dicíanme que a que ía logo a biblioteca.

Fil: E tiveron saídas eses compañeiros que lle chamaba a atención que ti foras estudar?

JM: Hai de todo. Hai algúns que tiveron moitas dificultades. Coñezo persoas que tiñan unha moi boas condicións para o deporte, pero se non chegas ao fútbol profesional co que ganas ata os 34 anos non che dá para o resto da vid. Agás que invirtas nun negocio e atines. Pero ata para iso tes que formarte para logo xestionalo.

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 465

Deja un comentario