A autovía A-8 ao seu paso polo Fiouco ben seguro que é un dos temas de conversacion máis repetidos en moitos dos bares da zona. Non a estrada en sí, senón o pouco uso que se lle da por mor da néboa. Pero agora o xa famoso porto que separa a Mariña da Terra Chá tamén será lembrado polo enfrontramente entre dos clubes amigos e veciños. Mondoñedo e Abadín veranse as caras este domingo ás 17 horas no Viñas da Veiga, no xa denominado «derbi do Fiouco«, un dos encontros máis atractivos desta Segunda Autonómica.
O conxunto mindoninse ocupa o noveno posto da táboa logo das dúas xornadas disputadas. Gañou como local a un dos equipos chamados a loitar polo ascenso, o Folgueiro, e caeu derrotado na súa visita ao recén ascendido Goiriz. Para o adestrador do Mondoñedo, Israel Cruz «o encontro ante o o Goiriz deixóunos mal sabor, pero agardamos chegar ben a este encontro ante o Abadín. Gustoume moito o traballo do equipo nos adestramentos desta semana«. Para o técnico, o seu rival do domingo «caracterízase por loitar os noventa minutos, vanse vaciar no campo e iso fainos ter que estar enchufados todo o partido. Ademáis están sen puntuar e ao ser derbi, a motivación para eles vai a ser extra«. Para Israel, o encontro que o seu equipo venceu ao Folgueiro debe ser a referencia, «debemos amosar esa boa versión de novo no Viñas da Veiga, un campo de maiores dimensións, e que temos que aprender a sacar cada partido«.

Para o Abadín, o calendario non foi benévolo de cara aos primeiros encontros. Na primeira xornada tivo que enfrontarse ao Guitiriz, un dos galos, e caeu goleado por cinco goles a cero no Suso Cruz. O pasado domingo visitou o Municipal un recén descendido como o Xermade. Malia que a versión do Abadín foi moito mellor non foi quen de puntuar. Deste xeito, o cadro adestrado por Óscar Pol é o pechacancelas da categoría. O técnico do conxunto chairego afirma que «recuperamos a moral tras unha derrota difícil de dixerir ante o Xermade, onde merecemos os tres puntos con claridade. Para domingo trataremos de repetir un bo partido, cambiando unicamente o resultado«. Así, Óscar Pol non se detén en analizalo Mondoñedo, senón que prefire centrarse neles mesmos «desde o respecto a tódolos rivais, só me preocupa conseguir que o noso equipo rinda como a xornada pasada, sendo igual de xeneroso no esforzo e igual de correcto tácticamente. Só así acadaremos o obxectivo de sumar canto antes«.



ESTE FIN DE SEMANA TAMÉN PODES VER . . .
Terceira División
– Polvorín F.C. – Porriño Industrial C.F. (Domingo ás 17:30 horas na Reigosa): por fin o filial lucense xogará como local, aínda que sexa en Friol. Enfrontarase a outro dos conxuntos recén ascendidos que tampouco conseguiu gañar ata o de agora. Importante comezar a sumar.


– Racing Vilalbés – C.D. Arenteiro (Domingo ás 18 horas na Madalena): co obxectivo de gañar firmeza defensiva, os chairegos reciben a un dos conxuntos que mellor se reforzou durante o verán.
Preferente Norte
– Viveiro C.F. – C.D. Foz (Domingo ás 18 horas en Cantarrana): logo de que ámbolos conxuntos lograran os tres primeiros puntos da temporada, enfróntanse nun derbi que xa tardaba en repetirse en Preferente.

– S.D. Sarriana – S.D. Agolada (Domingo ás 18 horas na Ribela): os de Alberto López, logo dun comezo espectacular, buscarán a quinta victoria consecutiva ante un Agolada que aínda non foi quen de puntuar.
– Ribadeo F.C. – Xallas F.C. (Domingo ás 18:30 horas no Pepe Barrera): encontro para que os de Rafa Casanova se afiancen na parte alta da táboa, pero non o terán doado ante un Xallas sempre complicado.
Primeira Autonómica
– Burela S.D. – U.D. Xove Lago (Domingo ás 18 horas na Marosa): derbi mariñán no que chegan as primeiras urxencias. Os burelaos logo de dúas derrotas consecutivas buscarán o triunfo como local ante un rival que non coñece aínda a victoria.

– Club Lemos – S.D. Santaballés (Domingo ás 17 horas na Pinguela): encontro por todo o alto da clasificación. Os monfortinos, intratables ata o de agora, reciben aos de Simón Lamas que son terceiros e están a amosar unha gran imaxe neste comezo de temporada.
Segunda Autonómica
– Guitiriz S.D. – Iberia C.F. (Domingo ás 17 horas no Suso Cruz): un dos grandes favoritos, que xa rematou moi preto do ascenso na última temporada, volta a comezar forte. Recibe no seu feudo ao conxunto dirixido por Nico, que non coñece a derrota.

– S.D. Cervo – S.D. Candelaria (Domingo ás 17 horas na Bidueira): derbi cervense no cal os de Iván Pernas buscarán a primeira victoria da temporada. Os de Rúa, nun gran comezo de temporada, quererán sumar para seguir na parte alta.
– Ferreira C.F. – Palas C.F. (Domingo ás 18 horas no Baliño): ámbolos conxuntos contan os seus partidos por victorias. Os de Corral buscarán facer bo o factor campo e brindarlle un triunfo ante a súa afección.
Terceira Autonómica
– Celta Barreiros – Fonsagrada (Domingo ás 17 horas no Cascabeiro): dous dos conxuntos con máis potencial da categoría, que comezaron con victoria a competición, miden as súas forzas no campo do conxunto barreirense.
Primeira División Feminina
– Antas S.D. – Viajes Interrias (Domingo ás 18 horas no Castro Seoane): as da Ulloa reciben ao líder, pero as rapazas de Melendo buscarán o primeiro triunfo da temporada.
Segunda División Feminina
– S.G. Comercial – Carballedo C.F. (Domingo ás 17 horas no Rodríguez Lago 2): logo de descansar na primeira xornada as da capital lucense reciben a un Carballedo con gañas de melloralo mal sabor de boca do seu debut ante o Orzán.