O partido da xornada… Lemos-Ribadeo: Dous clásicos na procura da Copa

Dous amigos, Antas e Fernando, no cara a cara final pola Copa

Agora si. Este domingo rematará a temporada 2018/2019. E farao coa final da Copa Deputación para equipos de Preferente e Primeira Autonómica. Será o domingo ás 18 horas na Medela (Taboada) e disputarana dous clásicos do noso fútbol: Lemos e Ribadeo.

Rafa Casanova, o home máis mediático desta Copa

O Lemos xa acadou o seu obxectivo primordial nesta temporada: o retorno a Preferente. E logrouno ao “estilo Edu”. O míster do conxunto monfortino reuniu unha plantilla de moita calidade, maioritariamente da comarca monfortina. Ademais, cun fútbol combinativo e vistoso. Logo da gran temporada, o cadro lemista non afrouxou na Copa. “Sería o colofón perfecto a esta gran temporada. Ademáis, sen renunciar nunca ao noso estilo”, apunta Adrián Antas, centrocampista do Lemos.

Diante do Ribadeo “debemos ter coidado co balón parado, é un dos seus principais perigos, xunto cos xogadores de ataque, que teñen moita calidade”, asegura Adrián Antas, que considera que “a final será moi igualada e decantarase a favor de quen teña máis acertado nas áreas”.

Pola súa banda o Ribadeo buscará a segunda Copa Deputación da súa historia logo da mediática semifinal ante o Friol, con Rafa Casanova, adestrador do cadro mariñán, enrolado no conxunto que tamén preside. Ademais foi quen de marcarlle a un Ribadeo que gañou na quenda de penaltis.

Para o polifacético Fernando “a Copa chega nun momento en que xa apetece desconectar, pero co paso das eliminatorias o interese e a motivación aumentan, polo que intentaremos redondear esta gran temporada, na que nos sobrepuxemosa tódalas adversidades”. O xogador monterrosino amosa un gran respeto polo Lemos “son un bo equipo. Coñezo ben ao seu míster e plantexan un fútbol de toque, diferente ao noso. Será un encontro igualado. Pra min é especial enfrontarme a un bo amigo como Adrián Antas, que tantas veces me cubriu as espaldas no Monterroso. Agardo que sexa unha festa nun campo espectacular como é a Medela”.

Imagen por defecto
Diego Díaz Martínez
Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.
Artículos: 754

Deja un comentario