#Fútbol afeccionado #Terceira Futgal

O partido da xornada . . . Comercial, Catro Roldas e Celeiro xogan o seu pase a Segunda en noventa minutos

Chega a derradeira xornada en Terceira Autonómica. Dos catro grupos, en tres xa está sentenciado o ascenso. Castro B, Lemos B e Carballedo xogarán a vindeira temporada en Segunda. Toda a emoción polo tanto está no grupo C2 onde tres dos catro conxuntos parten con opcións de rematar o domingo festexando o ansiado ascenso. Catro Roldas, Comercial e Celeiro son os candidatos. Os encontros disputaranse en horario unificado o domingo ás 17 horas.

Catro Roldas – Comercial (A Canteira).

Os dous primeiros clasificados enfróntanse entre si. Parte con vantaxe o Comercial, que con doce puntos lidera a clasificación logo do pinchazo na pasada xornada do Catro Roldas en Celeiro. O cadro capitalino subirá a Segunda si derrota ao Catro Roldas na Canteira. Tamén o fará se acada un empate e o Celeiro non gaña en Friol por unha diferencia de catro goles.

O Catro Roldas, malia caer na pasada xornada, depende de si mesmo para regresar a Segunda Autonómica. Só lle vale un resultado: gañar no seu campo á Comercial. A Canteira non viu perder aos seus este ano. Os de David Lorenzo na casa foron quen de gañar tódolos encontro salvo o que disputaron fronte ao Celeiro que rematou en empate.



Friol B – Celeiro (A Reigosa).

O Celeiro pode considerarse o «convidado» a esta festa. Logo dunha primeira fase na que os de Martín Rodríguez non foron quen de lograr bos resultados, chegan a esta derradeira xornada nun gran momento de forma. Logo da derrota na xornada inicial da segunda fase, un empate e tres vitorias déronlle aos viveirenses a posibilidade de chegar con opcións de ascenso ao último encontro. Para acadalo, o Celeiro debe gañar na Reigosa ao Friol B por catro ou máis goles de diferencia e agardar que Catro Roldas e Comercial empaten na Canteira. O filial do Friol non foi quen de puntuar na segunda fase, pero salvo no encontro diante do Catro Roldas, as súas derrotas foron por un marcador axustado.

Falamos cos adestradores dos tres conxuntos protagonistas: Andrés Rodríguez (Comercial), David Lorenzo (Catro Roldas) e Martín Rodríguez (Celeiro).



QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?

ANDRÉS RODRÍGUEZ (COMERCIAL)

  • O obxectivo ao alcance a pesar das lesións. «Creo que foi un dos grandes problemas desta temporada, non só para nós, senón para moitos equipos. Tivemos que axustar semana a semana unhas convocatorias que moitas veces se fixeron sóas polas múltiples baixas, e este fin de semana, non ía ser menos. De tódolos xeitos estamos concentrados totalmente no que temos que facer se queremos cumprir o obxectivo».
  • Unha final. «Xogamos todo a unha carta. Sabemos que vai ser un partido tenso, algo semellante ao que vivimos cando fomos xogar a Paraños fronte ao Rioaveso. Daquela sabiamos que sufririamos para vencer e así foi, e desta volta non será diferente. A clave residirá no medio do campo. O que sexa capaz de dominar esa zona e xogar coas ideas claras levará o premio».
  • Tres en un. «O ascenso suporía tres obxectivos fundamentais. Levar ao clube onde se merece, un premio para os xogadores que persiguen o ascenso desde fai tempo e un desexo persoal, xa que todos queremos pelexar por cotas máis altas cando as tes preto da man».

DAVID LORENZO (CATRO ROLDAS)

  • Confianza. «A pesar da derrota diante do Celeiro da pasada xornada creo que chegamos nun bo momento. Recuperamos xogadores e afrontamos este decisivo choque con tódolos efectivos dispoñibles. Vexo ao equipo motivado e con confianza».
  • O encontro. «Será un encontro moi bonito e disputado entre dous equipos dun nivel moi parello. Tentaremos facer valer o factor campo, que tan importante foi durante toda a temporada, onde gañamos tódolos encontros salvo un que empatamos. A clave estará en manter a intensidade e aproveitar ao máximo as oportunidades de gol que teñamos».
  • Orgullo do traballo feito. «Todo o cadro de xogadores fixo un gran traballo ao longo do ano e creo que o ascenso sería un gran premio para todo o club, tanto directiva, xogadores, afección e corpo técnico. Agardo que toda a xente veña vernos e disfrute dun bo espectáculo».

MARTÍN RODRÍGUEZ (CELEIRO)

  • O mellor momento. «Chegamos en clara ascensión a este encontro decisivo. Fomos o equipo que comezamos esta fase con cero puntos e chegamos vivos á última xornada, así que afrontámola coa máxima ilusión. Visitamos ao Friol B, que a pesar da súa situación clasificatoria non o porá nada doado».
  • As posibilidades. «Sabemos que non dependemos de nós mesmos. Debemos centrarnos en gañar por máis de tres goles no campo do Friol, que xa é un reto complicado e logo agardar que na Canteira empate Catro Roldas e Comercial. Foi unha mágoa non acadar un punto no campo da Comercial na primeira xornada desta fase que o merecemos para chegar con máis opcións. Intentaremos o miragre».
  • Un premio buscado nos últimos oito anos. «O club leva desde o 2014 pelexando por poder xogar en Celeiro. Xogamos no Cembedo e agora estamos en Galdo moi contentos porque a xente trátanos moi ben. Quero darlle as grazas á afección que nos levou en volandas. Sería un premio fantástico acadar o ascenso, pero se non nos toca, teremos esta fase como referencia para comezar o vindeiro ano a por todas desde o primeiro momento. E ogallá poda ser en Celeiro».

a axenda

PREFERENTE – FASE DE ASCENSO

  • Sarriana – Dubra (Domingo ás 17:30 horas na Ribela): logo da derrota fronte ao Paiosaco os de Edu Rodríguez precisan dun triunfo para continuar unha xornada máis en postos de ascenso. Visita a Pinguela un Dubra case sen opcións de acadar os tres primeiros postos.
  • Lemos – Arteixo (Domingo ás 19 horas na Pinguela): importante encontro para o conxunto monfortino fronte a un conxunto que está en tódalas quinielas para acadar o ascenso. Un triunfo dos de Alberto López achegaríaos aos postos de privilexio.

PRIMEIRA AUTONÓMICA – FASE DE ASCENSO



  • Portomarín – Riotorto (Domingo ás 19:15 horas no Chao da Poza): encontro clave entre os dous máximos perseguidores dun Pol que visita o sempre complexo campo do Taboada. O cadro local buscará un triunfo que o achegue ao liderado, mentres que os de Josito Jul, a tres puntos do seu rival tentarán darlle continuidade á súa boa xeira. Acumulan catro encontros sen perder.

PRIMEIRA AUTONÓMICA – FASE DE PERMANENCIA D1

  • San Lázaro – Folgueiro (Domingo ás 16:15 horas no Rodríguez Lago 1): duelo directo entre os dous últimos clasificados. O que salla derrotado dará un importante paso atrás nas súas aspiracións de permanencia. Os de Diego Rey buscarán o seu primeiro triunfo na segunda fase, mentres que os do Vicedo rachar coa xeira de catro encontros sen gañar.

PRIMEIRA AUTONÓMICA – FASE DE PERMANENCIA D2

  • Alfoz – Friol (Domingo ás 17 horas no Municipal de Alfoz): o cadro local, rei do empate nesta fase, buscará o que sería o primeiro triunfo de Oke como adestrador co que daría un paso importante para manter a categoría. Enfronte o Friol ao que só lle vale a vitoria para seguir aspirando a xogar o vindeiro ano en Primeira.

SEGUNDA AUTONÓMICA – FASE DE ASCENSO GRUPO 1A1

  • Meira – San Ciprián (Domingo ás 17 horas na Lomba): un triunfo do Sanci outorgaríalle o ascenso directo á Primeira Autonómica. O cadro local, segundo clasificado a tres puntos dos de Jaime, buscará un triunfo que lle dea opcións ata a derradeira xornada. Unha vitoria incluso podería provocar que os de Labrada dependeran de si para subir.
  • Cospeito – Candelaria (Sábado ás 17 horas na Fonte): dous dos candidatos a xogarse o ascenso na derradeira xornada, sempre que o San Ciprián non gañe ao Meira na Lomba. Para iso, non servirá o empatre. Tres puntos para que os de Luis Romay ou os de Jaime Matouse sigan soñando coa Primeira.

SEGUNDA AUTONÓMICA – FASE DE PERMANENCIA 2D2

  • Corgo – Incio (Domingo ás 17 horas no Municipal): o cadro visitante tentará sumar tres puntos vitais para as súas opcións de manter a categoría diante dun Corgo xa cos deberes feitos.

PRIMEIRA GALEGA FEMININA – FASE DE PERMANENCIA

  • Peluquería Mixta Friol B – Atlántida Matamá (Domingo ás 12:30 horas na Reigosa): o filial friolés comeza a segunda volta da competición diante dun conxunto que marca a zona de descenso. Tres puntos vitais para afrontar o último tramo con tranquilidade.

O partido da xornada . . . Comercial, Catro Roldas e Celeiro xogan o seu pase a Segunda en noventa minutos

O Celeiro non queda «Teso» e pelexará

O partido da xornada . . . Comercial, Catro Roldas e Celeiro xogan o seu pase a Segunda en noventa minutos

O anecdotario: «A xeira do gafe», por

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *