O partido da xornada . . . C.D. Foz – S.D. Sarriana: derbi provincial para abrir boca

Ben seguro que a tódolos futboleiros da provincia se lles fixo longo todo un verán sen fútbol. Malia que a pretemporada cubre en parte eses dous meses sen que rode o balón, xa se precisa a adrenalina da competición. E xa chega este fin de semana, coa posta de longo da Terceira e a Preferente Autonómica.

E o grupo norte da Preferente comeza cun plato forte para os afeccionados lucenses: o derbi provincial entre Foz e Sarriana, ás 18:30 horas do domingo no Martínez Otero. O encontro será dirixido polo colexiado Ignacio Crespo, do colexio de A Coruña.

O conxunto focense afronta a segunda temporada consecutiva en Preferente, co claro obxectivo de acadala permanencia dun xeito algo máis folgado que a pasada. Para logralo, a directiva conseguiu algo que a comezos do verán parecía imposible: que Gayol siga no banco e Asier no campo, malia que o mediapunta cumplirá a sanción por acumulación de cartóns que acarrea da última xornada. Ademáis, o C.D. Foz renovou á maioría do seu plantel de xogadores, incluído Jesús Pablo, que fará máis levadeira a ausencia no centro da zaga do insustituíble Javi Chinchón. O debut coa camisola branquivermella de Andrés Bustelo, Álex Paz, Miguel Gomes ou o retorno do goleador Manolo son algúns dos atractivos para a afección focega.

Asier perderase o encontro por sanción

A Sarriana, igual que o seu rival, xogará a segunda temporada na categoría, pero a diferencia dos mariñáns, a piques estiveron de deixala, pero para xogar en Terceira. Boa parte da temporada coquetaron cun ascenso, que parecía utópico fai tan só un ano. A día de hoxe, a diferencia é que ese salto de categoría é o gran obxectivo. O proxecto é novo, comezando polo banquiño. Alberto López aceptou a oferta do Arzúa en Terceira, e dirixirá ao equipo Dani Fernández, que chega logo de facer unha gran campaña no Boimorto, e con pasado como xogador en Segunda e Segunda División B. Raúl Antas, Javicho, Fernando, Samu, os irmáns Jacobo e Keko Vilariño, Jimmy ou Hugo Buíde entre outros terán a responsabilidade de que a afección da Ribela non se lembre dos Édgar, Diego Núñez, Rubén Díaz, Marzán ou Diego Arias.

Fernando debutará coa Sarriana logo dunha temporada no Ribadeo

O último enfrontamento entre ámbolos conxuntos no Martínez Otero foi a pasada temporada e rematou con empate a un gol.  Iban Gayol adiantou ao Foz, pero Marzán empataría aos poucos minutos desde o punto de penalti.

Falamos con dous xogadores que vestirán a camisola de Foz e Sarriana por primeira vez en partido oficial: Álex Paz e Hugo Buíde.

QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?

ÁLEX PAZ (C.D. FOZ)

O comezo. “O equipo chega con moita ilusión e respírase un gran ambiente. Todos temos gañas xa de comezala competición, e aínda que hai bastantes caras novas, polo momento acoplámonos moi ben“.

Retorno á Preferente. “O ano pasado foi complicado por moitos motivos e razóns, e sobre todo no entorno deportivo con certas persoas. Logo de deixalo Viveiro en xaneiro, ao mes seguinte fichei no Xove Lago. Este ano recupero a ilusión de volver a xogar e fágoo con tódalas gañas de devolverlle a confianza a Gayol, co que debutei en Preferente, e poder deixalo equipo o máis arriba posible na clasificación“.

A Sarriana. “É un partido difícil, ante un candidato ao ascenso, que se reforzou con grandes xogadores. Xunto cos que xa tiñan fan un auténtico equipazo. A pesar diso, os comezos son sempre parellos e costa entrar en competición. Nós na casa farémonos fortes e iremos a por todas. Será un encontro igualado, con ocasións, xa que nós arriba temos moita pólvora“.

HUGO BUÍDE (S.D. SARRIANA)

A nova temporada. “Chegamos coa maior das ilusións. Aínda que o grupo é maioritariamente novo a pretemporada serviunos para coñecernos e adaptarnos pouco a pouco ao que quere o míster“.

Ilusións renovadas. “Dos anos que xoguei en Castro, o último foi o peor deportivamente, pero de todo se poden sacar conclusións positivas e iso tentei facer. Chego a Sarria moi ilusionado. Con moitos compañeiros xa compartira vestiario e sempre é un placer volver coincidir con xente coa que disfrutei anteriormente”.

O Foz. “Primeiro encontro de liga, derbi provincial . . .  Agardo un partido moi disputado. Sempre é bonito comezar unha liga así, e ogallá academos os tres puntos. O rival é un bo equipo no seu conxunto, con bos xogadores en tódalas liñas. Pódennos crear perigo de moitas formas“.

Imagen por defecto
Marcos Fernández
Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte
Artículos: 407

Deja un comentario