A fase de ascenso de Segunda Autonómica tráenos un prato forte nesta terceira xornada. Dous campións de grupo na fase inicial do campionato fronte a fronte. Becerreá e Ferreira mídense o sábado ás 16 horas no Municipal con tres importantes puntos en xogo para facerse co primeiro posto. Arbitrará o colexiado focenso Ron Valle.
O Becerreá comezou esta segunda fase de xeito inmellorable. Seis puntos acadados en dous encontros no que goleou ao Río Sil e superou ao Oural no sempre difícil Luis Pallín. Os de Antón Méndez continuan así a boa labor realizada na primeira fase, na que dominaron o seu subgrupo con suficiencia, superando ao final en oito puntos ao Paradela. Nesta xornada reciben ao Ferreira, segundo clasificado ao que avantaxan en tres puntos.
Non comezou ben a pelexa polo ascenso o Ferreira. Cunha derrota na primeira xornada no Castro Seoane diante do Antas, que arranxou vencendo no Baliño diante do Paradela, nun encontro no que sobresaíron os catro goles de Samba. O dianteiro será unha das innumerables baixas coas que conta o conxunto dirixido por José Antonio Vázquez ‘Yessi‘, moi castigado polas lesións. Malia todo os de Pantón afrontan o encontro coa intención de sumar no Municipal e seguir na pelexa polo ascenso.


O último enfrontamento entre Becerreá e Ferreira no Municipal tivo lugar o 13 de outubro de 2019 e rematou con goleada visitante por un tanto a cinco. Xairo anotou para o cadro local, mentres Rafa cun hat-trick e Julio cun doblete foron os autores dos goles do Ferreira.
que opinan os protagonistas?
ANTÓN MÉNDEZ (BECERREÁ)

Bo momento do equipo. «Chegamos con confianza e nunha boa dinámica. Despois da gran primeira fase, nesta comezamos ben, con dous triunfos o que reforzou a moral do grupo para seguir por este camiño».

O partido. «Imaxino que será un partido igualado, no que buscaremos manter o xogo que vimos desenrolando nos partidos que xogamos na casa, cun ritmo alto con e sen balón, e ogallá podamos manter o acerto cara a porta rival. Agardo un rival duro, que por algo foi campion do seu subgrupo. Afrontámolo coas máximas ganas e ilusión».
O curto prazo. «Non queremos pensar moito máis alá do partido a partido. Quedan por diante seis encontros, e aínda que comezamos ben, o camiño de cara a un hipotético ascenso é longo. Temos un equipo moi xoven, cunha media de idade de 21,5 anos, polo que ao comezo as expectativas non eran tan altas, pero chegados a este punto iremos a por todas como é lóxico».
JOSÉ A. VÁZQUEZ ‘YESSI‘

Dificultades en forma de baixas. «Chegamos a este partido moi xustos de efectivos por mor das lesións, que non están afectando moito esta temporada, e tamén das sancións de Samba e Carlos. De tódolos xeitos intentaremos facer o noso partido e traer un resultado positivo para Ferreira».
O Becerreá. «Teño unhas referencias moi boas do rival. Creo que é o equipo que chega nunha mellor forma a esta fase de ascenso, polo que agardo un partido moi complicado no que competiremos coas nosas armas para sacar un bo resultado».

A dificultade do ascenso. «Polo momento non me plantexei a posibilidade de ascender. Aínda queda competición por diante e a dificultade é máxima, xa que, só hai unha praza para xogar en Primeira o próximo ano. Imos pelexar por acadar o ascenso, eso sen dúbida».
a axenda
PRIMEIRA NACIONAL FEMININA
- Peluquería Mixta Friol – Sárdoma (Sábado ás 16:30 horas na Reigosa): primeiro contra segundo. Un triunfo das rapazas de Covi consolidaría ao Friol no máis alto da táboa.
PRIMEIRA GALEGA FEMININA
- Peluquería Mixta Friol B – Tomiño (Domingo ás 17:15 horas na Reigosa): logo da pasada xornada, o filial precisa un triunfo para non achegarse á zona de perigo. Enfronte un Tomiño que conta con dous puntos máis que o conxunto local.
- E.F.M. Concello de Boiro – Antas (Domingo ás 17:30 horas en Vista Alegre): as da Ulloa afrontan unha xornada vital nas súas aspiracións de permanencia, xa que visitan ao pechacancelas cos que as separa un só punto.
TERCEIRA DIVISIÓN
- Viveiro – Rápido de Bouzas (Sábado ás 18 horas en Cantarrana): na procura da décima xornada sen perder, os de David Páez reciben a un Rápido en postos de play off de ascenso. Un triunfo dos mariñáns deixaría a permanencia encarrilada.
- Polvorín – Estradense (Domingo ás 12 horas no Municipal de Pol): o filial albivermello buscará tres puntos que o manteñan no máis alto de Terceira. Enfronte un Estradense cos deberes feitos que tentará achegarse á zona de privilexio.
PREFERENTE – FASE DE ASCENSO
- Sarriana – Fisterra (Sábado ás 17:30 horas na Ribela): os de Edu Rodríguez buscarán sumar tres puntos no seu feudo para manter o liderado diante dun Fisterra con pouco marxe de erro.
- Lemos – Paiosaco (Domigo ás 18 horas na Pinguela): o cadro monfortino demostrou na súa visita ao Arteixo que pode competir diante de calquer rival nesta fase de ascenso. Visita a Pinguela o Paiosaco, que está a un punto da primeira praza.
PREFERENTE – FASE DE PERMANENCIA
- Santaballés – Escairón (Domingo ás 18 horas na Liga): os chairegos debutan nesta definitiva fase diante dun Escairón que caeu na primeira xornada diante do Boiro, polo que outra derrota deixaría aos de Jorge Rodríguez moi tocados.
- Residencia – Ribadeo (Domingo ás 19 horas na Cheda): logo do triunfo na xornada inicial, os de mariñáns buscarán dar outro paso cara a permanencia no derbi provincial diante dun Residencia difícil de dobregar na Cheda. Os de Dani Galán afrontan o seu primeiro encontro logo de descansar na primeira xornada.
PRIMEIRA AUTONÓMICA – FASE DE ASCENSO
- Portomarín – Pol (Domingo ás 17:30 horas no Chao da Poza): dous dos candidatos ao ascenso fronte a fronte. O cadro local empatou os dous encontros que xogou nesta fase e cedeulle ao Castro o primeiro posto. O Pol resarciuse da xornada inagural e tentará achegarse ao liderado.
SEGUNDA AUTONÓMICA – FASE DE ASCENSO
- Meira – Candelaria (Domingo ás 17 horas na Lomba): tres partidos e tres resultados diferentes para un Meira que non está a ser regular nesta fase. Malia todo ten o liderado a tiro de pedra. Recibirá no seu feudo a un Candelaria que está a amosar un gran nivel e que conta cun só punto menos que o seu rival.
SEGUNDA AUTONÓMICA – FASE DE PERMANENCIA
- Quiroga – Brollón (Domingo ás 17 horas no Baliño): en Ferreira de Pantón xogará como local un Quiroga ao que só lle vale o triunfo se quere abandoar o último posto do grupo. Un triunfo dos visitantes suporíalles un paso de xigante de cara á permanencia.
TERCEIRA AUTONÓMICA
- Comercial – Catro Roldas (Domingo ás 16 horas no Rodríguez Lago 1): con moita vantaxe sobre o terceiro clasificado, Comercial e Catro Roldas xóganse o liderado. Os lucenses cun punto máis que os chairegos poden distanciar en catro puntos ao seu gran rival, pero un triunfo dos de Román trocaría a decoración do grupo.