Por desgraza, toca comunicar dous novos equipos que acompañarán á Comercial na novidosa Terceira Galicia. O Monte Forte e o Carballedo caeron nas primeiras eliminatorias pola permanencia e baixan de categoría.
As de Cristian Penas viviron unha das mañás máis duras das súas vidas ante o Discalzas. Unha interminable quenda de penaltis, na que algunha lanzadora ata tivo que tirar por segunda vez, rematou coa derrota e o descenso do Monte Forte.
O partido contou con fases de dominio alterno, ocasións claras e os goles foron consecuencia dos erros de ambas defensas. O cadro de Cedeira adiantouse ata por tres veces no marcador, chegando a última das igualadas monfortinas no desconto e desde o punto de penalti. Ese fatídico lugar que posteriormente condenou ás vermellas a baixar de categoría.
Pola súa parte, o Carballedo non tivo opcións ante un Cultural Maniños moi superior. As de Fene xa vencían por 2-0 antes do cuarto de hora e marcharon 4-1 ao descanso. As de Sementa e Adrián Rodríguez acudiron con só once xogadoras por mor das baixas, o cal dificultou en exceso competir ante un gran equipo.
A que se mantén viva nesta carreira pola salvación en Segunda é a Milagrosa. As de Héctor Expósito avanzan de rolda despois de que prosperase a queixa do Orzán B. As coruñesas, segundas clasificadas na Primeira Galicia, víronse obrigadas no seu momento a xogar unhas eliminatorias pola permanencia en Segunda sen moito sentido. Reclamaron e a RFGF deulles a razón. O partido en cuestión ante as nosas non se xogou e as de Frigsa seguen adiante co soño da salvación.
O CD Lugo, o San Roque e o PM Friol B dan un paso adiante polo ascenso
O CD Lugo queda a dous pasos do ascenso despois de superar pola mínima ao Atlético Arousana na Cheda. Foi unha eliminatoria moi sufrida, na que reinou a igualdade. Nunha das primeiras ocasións albivermellas chegaría o único gol do encontro, obra de Candela desde o punto de penalti.
A partires de aí, as pontevedresas fixéronse donas da posesión ante un CD Lugo incómodo ao non poder realizar o seu fútbol habitual. Joaquín Blanco axustou o necesario no tempo de lecer e as capitalinas subiron as prestacións na medular. As lucenses sacaron contras moi perigosas para matar o partido. Porén nunca chegou a sentenza definitiva ante un Arousana que morreu en área rival.
O San Roque levou o derbi e o premio gordo de acceder ao seguinte cruce polo ascenso. As de Quiroga tiveron a gran sorte de xogar contra un rival xa coñecido da competición doméstica. E víronse beneficiadas polo feito de ser visitantes na súa propia casa. O San Lázaro non tiña campo ás 12.00 horas do domingo e a eliminatoria pasou a disputarse en Montirón.
No relativo ao xogo, un desordeado cadro da Ponte sucumbiu ante a superioridade verdibranca. As de Quiroga asinaron un dos mellores partidos da campaña, dominadoras con balón e moi serias na creación. No entanto, o duelo non se resolveu ata a media hora final; onde chegaron o segundo e terceiro gol do San Roque.
O campión do Grupo 3, o PM Friol B, sufriu máis do previsto para impoñerse ao Brexo Lema. Os goles quedaron todos para a segunda metade. Abriron a lata as visitantes. Porén pouco lles durou a alegría. Menos de quince minutos despois xa mandaban as de Geluco Villar no marcador.
Iso si, as da Reigosa tiveron que selar o seu billete para a seguinte rolda na prórroga. Un tanto de penalti no minuto 88 levou o encontro ao período extra. Nel; un novo tanto do equipo lucense evitou máis sustos innecesarios por Friol.
O Chantada despídese da carreira pola Primeira Galicia. As de Gorry saíron a facer o seu partido ante un sólido EFF Rosalía. As ourensás adiantáronse pronto e Eva estivo a piques de empatar de novo, sen sorte. Ao bordo da media hora chegou o golpe case definitivo, o 2-0 local co que se chegaría ao intermedio.
Na reanudación, subiron as pulsacións pero os goles volveron ser cousa do EFF Rosalía. Un desenlace cruel para unha notable tempada das do Sangoñedo. Moi cruel se temos en conta que ao perder nesta primeira rolda polo ascenso, o Chantada terá que xogar unha eliminatoria pola permanencia en Segunda Galicia ao igual que o San Lázaro.
Resultados da xornada
CD Lugo 1-0 Atlético Arousana
PM Friol B 3-2 Brexo Lema
San Lázaro 1-3 San Roque
EFF Rosalía 5-0 Chantada
Monte Forte 3-3 Discalzas
Cultural Maniños 6-2 Carballedo
Chantada 2-1 San Lázaro (COPA)
próxima rolda polo ascenso
Play off final de ascenso a Primeira Nacional (eliminatoria a dobre partido)
Bergantiños – CD Lugo
Segunda rolda play off de ascenso a Primeira Galicia (partido único)
Umia B – San Roque
PM Friol B – Xallas
Play off final de descenso a Terceira Galicia (eliminatoria a dobre partido)
Milagrosa – Corme
Praíña Sporting Club – San Lázaro
Orillamar – Chantada
O Chantada completa os cuartos de final da Copa Deputación
Quedaba un cruce por disputarse para saber os oito clasificados para os cuartos de final da Copa Deputación. O pasado Día das Letras Galegas, o Chantada certificou o seu pase, con remonta incluída ante o San Lázaro.
O conxunto da Ponte adiantouse nunha primeira metade na que se mostrou superior, chegando con relativa facilidade e pouco perigo. O partido nivelouse no segundo acto, no que o equipo do Sangoñedo fixo os deberes e a remonta en menos de dez minutos. Noela destacou no cadro de Gorry. Xiana fixo o propio na escadra dirixida por Luchi.