#Fútbol afeccionado

O Meira, un campión de inverno «para refrendar o traballo»

Esta fin de semana regresa a competición o fútbol afeccionado. Entre as categorías que volven atópase a Segunda Rexional. En ambos grupos da provincia falta unha xornada para que finalice a primeira volta.

Na zona sur, hai un apaixoante Friol – Guntín (sáb. ás 16:15h) que decidirá quen finaliza primeiro na clasificación neste tramo de competición. A semana pasada analizamos este encontro e a tempada do ata agora líder Friol, da man do seu adestrador Javi Pájaro.

Pola súa parte, na zona norte o Meira xa é o campión de inverno. Todo a falta dunha xornada e despois de rematar o ano con derrota. Iso si, foi o primeiro partido que perderon na campaña.

«A estas alturas é algo anecdótico, pero refrenda o traballo que está facendo o club a todos os niveis. Danos confianza para seguir na mesma liña», salienta o adestrador Ramón Labrada.



É que o cadro preparado por Ramón Labrada estivo trece partidos invicto.

Pechará a primeira volta visitando ao Roupar. O conxunto xermadino comezou moi ben a tempada pero veu a menos nos últimos partidos.

«É un rival que compite moi ben e está facendo unha boa liga. Para nós tamén vai ser complicado porque vimos da primeira derrota. Ademais imos afrontalo con varias baixas. Non obstante, temos un cuadro de xogadores amplo que nos debera permitir non notar as ausencias», comenta o míster.



Este ano o formato de competición mudou na Segunda Rexional por iso dende o Meira tiñan claro cal era a meta: «poder estar entre os cinco primeiros para poder xogar a fase de ascenso».

A boa traxectoria do equipo fainos ser claros favoritos para conseguir a praza de ascenso directo: «Unha vez que estamos aí, se podemos coller o premio gordo, mellor que mellor«, di Labrada.

Por diante quedarán Dezaseis partidos. «Espero unha segunda volta cun escenario bastante diferente. Sobre todo, marcado polo estado dos campos co inverno que estamos pasando. Van condicionar bastante o xogo dos equipos», destaca o preparador.

Dende a pandemia o Meira fixo unha aposta clara por reforzar o seu club e tentar o ascenso de categoría. O ano pasado non o conseguiu, pero mantivo o núcleo do gran grupo de xogadores que xa conformara.

Entre os nomes salienta o do dianteiro Rubén Seixosmil, un dos mellores atacantes da categoría. «A actitude e o compromiso de Seixosmil é un espello para a xente nova que chega ao club», afirma Labrada.



En principio, non se espera que cheguen incorporacións ao Meira neste mercado de inverno. Labrada confía tamén en que podan debutar co primeiro equipo algúns dos xuvenís que este ano iniciaron a súa andadura no club.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *