#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal #Terceira RFEF

O Lemos volve gañar e afonda no mal momento do Ribadeo

O Trío de Ases Panadería O Cantón desta xornada tráenos a derrota pola mínima do Racing Vilalbés na súa visita ao Suárez Puerta de Avilés. Na Terceira RFEF, a Sarriana venceu ao Rápido de Bouzas e o Polvorín fixo o propio co Paiosaco, mentres que o Viveiro caeu no campo do Arousa. Na Preferente, o derbi provincial entre o Ribadeo e o Lemos caeu do lado monfortino. A Residencia obtivo unha vitoria fundamental no feu do Eume e o Castro perdeu na súa visita ao Montañeros.

O Racing Vilalbés desaproveita un penalti e cae pola mínima no campo do Avilés (1-0)

Primeiro tempo de superioridade local, no que o Racing Vilalbés non estivo cómodo con balón e tampouco sen él. O Avilés, no minuto 15, acadou o único tanto do encontro, obra de Claudio Medina a pase do histórico Natalio.



O segundo tempo foi outra historia. O Racing Vilalbés foi superior ao rival e xerou continuas chegadas a área rival e varias situacións de perigo. A máis clara un lanzamento de penalti que errou Pablo Rey. Os chairegos non cesaron no asedio á área avilesina, pero sen acerto.

A Sarriana suma a cuarta vitoria consecutiva diante do Rápido de Bouzas e xa é sexta (2-0)

Partido de ritmo alto´e vistoso para o afeccionado o disputado na Ribela, no que os dous conxuntos quixeron ter o balón. Boedo avisou na primeira xogada, e na segunda non perdoou logo dunha boa combinación con Miguel. O cadro vigués non se amilanou co marcador en contra e respostou cunha boa ocasión de Cellerino que detén Javi Liz. Sané e Diego Rey contaron con boas opcións para ampliar diferencias, mentres que o Rápido tamén avisou por medio de Torralbo.



Nada máis comezar o segundo tempo, Boedo a piques estivo de facer o segundo, pero un defensor despexou o balón sobre a liña. Co paso dos minutos baixou o número de ocasións, pero ámbolos equipos chegaron ás áreas rivais, aínda que sen demasiada claridade. Moi preto do final, nun saque desde o curruncho botado por Jared rematouno German ao fondo da portería, sentenciado o encontro.

O Polvorín vence ao Paiosaco con claridade e suma tres encontros sen coñecer a derrota (3-0)

O encontro comezou ben para o cadro lucense. Nunha xogada polo perfil esquerdo o balón chega a Maceira, que tras un rexeite do gardameta, aloxa o balón no fondo da portería. O Paiosaco gozou dos seus mellores minutos tras o gol local e contou con boas ocasións para empatar ou incluso darlle a volta ao marcador. En dúas delas, Brais resultou decisivo.

No segundo tempo, o Polvorín estivo mellor sobre o terreo de xogo, sen xerar excesivas ocasións, pero tendo o control do encontro e sen permitirlle ao Paiosaco desenrolar o seu fútbol habitual. Nos minutos finais Lizancos, a pase de Maceira, cun disparo desde a frontal, e Julio ao rematar un centro no segundo pao sentenciaron o choque a favor dos de Roberto Trashorras.

Derrota do Viveiro no campo Arousa que deixa aos mariñáns a catro puntos da permanencia (3-0)



Encontro no que o Arousa baseou os seus ataques nas rápidas transicións, que lle fixeron dano aos celestes. Malia todo, o Viveiro controlou defensivamente o encontro ata o último tramo do primeiro tempo cando Rubo rematou axustado ao pao un bo servizo de Martín Diz ante o que nada puido facer Ayoub.

No segundo tempo o Viveiro deu un paso adiante e buscou inquedar a portería defendida por Manu Táboas, pero foron os arlequinados os que fixeron o segundo, de novo nunha boa xogada de Martín Diz que desta volta rematou a gol Iñaki cun bo tiro cruzado. Moi preto do final, Sylla en xogada persoal, fixo o terceiro.

O Castro perde no campo do Montañeros nun encontro no que mereceu un maior premio (1-0)

A primeira metade resultou parella. O Montañeros estivo mellor nos primeiros vinte minutos, nos que chegou ás inmediacións da portería de Josema sen excesivo perigo. O Castro mellorou co paso dos minutos e xerou varias situacións de gol, a máis clara un disparo ao pao de Fito.

Tras o paso por vestiarios, o Castro foi mellor que o seu rival e contou con dous man a man de Fito e Marco que non aproveitaron para poñerse por diante no marcador. Nos mellores minutos do cadro chairego chegou o gol local. Unha xogada embarullada na área rematou nun penalti que transformou o ex do Riotorto Pape, no que sería o único tanto do encontro. O Castro tentouno nos últimos minutos sen éxito.

O derbi lucense supón a primeira vitoria de Juanlu Bernal no Lemos e a saída de Dani Moirón do Ribadeo (2-3)

Encontro que se presaxiaba decisivo para os dous conxuntos, que non atravesan o seu mellor momento. A vitoria monfortina supuxo a primeira da era Juanlu Bernal no conxunto da Pinguela e pola contra provocou a saída de Dani Moirón do banquiño ribadense, logo de dous anos e medio á fronte do equipo.

O Ribadeo non saiu coa intensidade precisa ao encontro e non se adaptou ao sistema de cinco zagueiros fronte a un Lemos que chegaba ao Pepe Barrera cun bo número de baixas. O primeiro tanto visitante chegou nun balón ás costas da defensa ao que non chegou Carrera e Armesto non errou no disparo. Nesa xogada resultou mancado Ibrahima, no segundo encontro que xogaba logo dunha longa lesión. Dani Moirón trocou de sistema coa entrada de Manu e un erro defensivo Samu Rodríguez castigouno co segundo tanto. A partir de aí o Ribadeo fíxose co dominio e comezou a xerar situacións de perigo por medio de Asier. Antes do intermedio Simón recurtou diferencias ao rematar de cabeza un saque de córner.

No segundo tempo saiu mellor o Ribadeo e logrou o empate por medio de Álex Meitín cunha boa vaselina. O encontro descontrolouse e convertiuse nun ida e volta do que o Lemos saiu beneficiado. A falta de cinco minutos para o final Borja Castro cun bo lanzamento de falta sentenciou o derbi para os monfortinos.

Triunfo vital da Residencia diante do Eume na pelexa pola permanencia (1-2)

Tres puntos para mirar cara arriba. A Residencia rachou unha xeira negativa de sete encontros sen gañar e deixa case que sen opcións ao seu rival nesta xornada. Os de Dani Galán comezaron mellor e dominaron nos primeiros vinte minutos, nos que lograron adiantarse cun gol de Rober. Desde o ecuador do primeiro acto, o partido entrou nunha dinámica de imprecisións que beneficiaron ao cadro local, que acadou o empate por medio de Iago Seijo.

Na segunda metade o encontro seguiu os mesmos derroteiros que na primeira e Dani Renda decidiu a favor da Residencia cun bo lanzamento de falta a vinte minutos para o final.

O Lemos volve gañar e afonda no mal momento do Ribadeo

Dani Galán, SDC Residencia: «O que máis

O Lemos volve gañar e afonda no mal momento do Ribadeo

Máxicos Salvatierra Abogados. Xornada 19

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *