O Trío de Ases O Cantón tráenos a vitoria do Sarriana na Terceira RFEF no campo do Somozas, que o sitúa segundo na clasificación, só por detrás do Estradense. O Racing Vilalbés empatou no campo do Valladares, mentres que o Viveiro colleitou a primeira derrota do curso no feudo do Boiro. Tamén perdeu o Polvorín diante dun Arousa que comeza a coller o ritmo.
Na Preferente, o Escairón dobregou ao ata de agora invicto Dubra e sumou o primeiro triunfo da temporada. Tamén venceu o Lemos na Pinguela ao Arzúa. O Pol adiantouse no marcador, pero non foi quen de sumar no campo do Lalín, mentres que o Ribadeo caeu goleado no Pepe Barrera fronte ao San Tirso.
A Sarriana realiza unha gran segunda metade e vence no Candocia ao Somozas (2-3)
Na primeira metade a Sarriana tentou impoñer o seu sistema de xogo de toque de balón e de longas posesións. Os de Jaime Paz chegaron ás inmediacións da área rival con certa facilidade, pero costoulles xerar ocasións de perigo. O Somozas apenas inquedou a portería de Javi Liz ata o tempo de desconto cando os ferrolterráns aproveitaron unha perda de balón que culminou Martín Rafael.


Reaccionou ben o cadro sarriao no segundo tempo e nunha boa xogada Azael acadou o empate. O Somozas quedou con dez xogadores a falta de vinte minutos para o final ao ver Pep Caballé o segundo cartón amarelo. Boedo puido adiantar á Sarriana nun lanzamento de falta, pero o tanto non tardou en chegar por medio de Álex Millán. O propio atacante sentenciou o encontro preto do final. No desconto, nun saque desde o curruncho a zaga da Sarriana non atinou a despexar e Juan Cambón anotou para o Somozas. O prolongado desconto non fixo perigar o triunfo dos de Jaime Paz.
O Viveiro cae por primeira vez na temporada fronte ao Boiro (2-1)
O conxunto mariñao non foi quen de sumar na súa visita a Barraña. O Boiro, que venceu nos dous últimos encontros a conxuntos lucenses, realizou un bo primeiro tempo. Os de Cardeñosa buscaron circular o balón entre os seus xogadores de máis calidade, pero foi o Viveiro quen rozou o gol nun gran lanzamento de Adri Lombao que Borja Rey despexou de xeito providencial. O primeiro tanto do encontro foi para os locais. Sylla aproveitou un gran servizo de Mario Prol e batiu a Ayoub. Antes do intermedio, Chucas empatou tras recoller un balón solto na área do Boiro.

Jandri Rego axustou a defensa no intermedio e no segundo tempo o Viveiro contou cunha gran ocasión para poñerse por diante. O recén entrado Álex Vila conectou un gran disparo que Borja Rey volveu a despexar dun xeito espectacular cando xa se cantaba o gol en Barraña. O tanto do triunfo para o Boiro chegou da man dun ribadense. Dani Pedrosa, que sustituira poucos minutos antes a Sylla, realizou unha gran xogada individual e o seu disparo pegado ao pao resultou imposible para o gardameta Ayoub. O Viveiro volcouse na procura do empate, pero a boa labor da zaga do Boiro apenas impediu ocasións.
Empate do Racing Vilalbés na súa primeira visita ao Valladares (1-1)
Entrou moi ben ao partido o Racing Vilalbés e as ocasións non tardaron en chegar. Barroso e Fito foron os protagonistas dos primeiros achegamentos chairegos á portería de Toni. O gol dos de Alberto López non se fixo agardar. Ao cuarto de hora de xogo, Javi Rey culminou unha boa xogada por banda esquerda cun bo tiro cruzado que resultou imposible para o porteiro. O Valladares tan só inquedou a área racinguista nunha ocasión, na que Álex Santomé se amosou moi seguro.
O segundo tempo resultou radicalmente diferente. O Valladares saiu moito mellor e o Racing perdeu o control do mediocampo. Aos vinte mintuos Coira fixo o empate e aos chairegos costoulles reaccionar. Preto do final o Racing contou con boas ocasións para acadar os tres puntos. Jose Varela rematou ao longueiro e Borja Míguez colleu o rexeite e o seu remate detívoo o gardameta.
O Polvorín perde con claridade diante do Arousa (3-0)

Marcador enganoso o sufrido polo Polvorín na Lomba. Os de Dani Galán saiu mellor ao campo e estivo mellor que o seu rival nos primeiros vinte minutos. O Arousa esperou replegado e o filial albivermello chegou con certo perigo á área rival. No minuto 24 os locais abriron a lata cun centro chut de Torrado que entrou pola escadra.
O Polvorín optou por facer un partido largo e contou cunha boa ocasión de Buide para lograr o empate. O segundo gol resultou decisivo. Nunha falta de entendemento nun saque de banda, o Arousa non perdoou e Rivera puxo terra de por medio. Nos últimos intres o Arousa sentenciou nun discutible penalti que transformou Javi Pereira.
O Lemos vence con comodidade ao Arzúa e suma catro xornadas sen perder (3-1)
Moi boa primeira parte do Lemos que foi o gran dominador do encontro. Os de Juanlu Bernal xogaron en campo contrario e non tardaron en adiantarse cun gol de Armesto tras pase de Diego Torres. O cadro monfortino seguiu chegando con perigo á área do Arzúa e Aissa puxo terra de por medio no marcador tras unha gran xogada. Os visitantes non inquedaron en ningún momento a portería de Losada.
No segundo tempo o Lemos amosouse máis conservador e optou por controlar o xogo mediante longas posesións. Diego Torres e César contaron con boas ocasións para marcar, antes de que Brais Mariño sentenciara preto do final. No tempo de desconto. Lucas recurtou diferencias nun malentendido da zaga monfortina.
Triunfo do Escairón que estrea o seu casilleiro de vitorias no campo do Dubra (1-2)
O Escairón rematou coa condición de invicto do Dubra e de paso sumou a súa primeira vitoria da temporada. A primeira metade resultou igualada. Os dous equipos optaron por realizar un fútbol directo debido ao estado do campo. Escasearon as ocasións de gol e cada equipo chegou con perigo á área rival nunha soa ocasión.
O segundo tempo foi diferente. O Escairón saiu mellor que o seu rival e contou con varias opcións de gol ata que no minuto 70 Dani Delgado rematou ao fondo da portería unha falta lateral. Pouco despois chegou o segundo. De novo Dani Delgado, e outra vez a balón parado. Desta volta nun saque de córner, o atacante rematou de cabeza lonxe do alcance do gardameta. O Dubra buscou un gol que o metera no partido e logrouno por medio do Martín. Nos últimos intres o Escairón soubo sufrir e logrou a ansiada vitoria.
O Ribadeo cae no Pepe Barrera co San Tirso e segue sen coñecer a vitoria (0-3)
Dous puntos e dous goles é a pobre bagaxe do Ribadeo neste comezo de liga. O conxunto adestrado por Labrada viuse moi penalizado novamente por erros puntuais e pola falta de puntería de cara a portería rival. Os mariñáns comezaron mellor e contaron con varias chegadas por banda á área rival que finalizaron con remates sen demasiado perigo. No primeiro achegamento do San Tirso chegou o primeiro gol. Unha pérdida de balón ribadense castígaa Segade cun golazo desde fóra da área. O Ribadeo seguiu dominando o encontro e Pedrinho estrelou o balón non longueiro. Pouco despois, nun rexeite tras un saque desde o curruncho, Mario Seoane fixo o segundo para os visitantes.
A segunda metade foi unha continuación da primeira. A falla de puntería penalizou a un Ribadeo que o tentou de todas as maneiras. Álex Meitín rematou en varias ocasións rozando o pao e Agus estrelou outro balón na madeira. Echavarri rematou de cabeza e fixo voar ao gardameta Adri. Preto do final, Carpente aproveitou en esbarón dun defensor para facer o terceiro.
O Pol amósase moi superior ao Lalín no primeiro tempo pero remate perdendo no Cortizo (2-1)
O cadro chairego foi mellor no primeiro tempo diante dun dos rivais máis potentes da Preferente. Os de Roberto Fernández tiveron o control de xogo e contaron con ocasións para marcar. O tanto do Pol chegou nunha rápida contra na que Dani García soubo definir diante de Mario Barreiro.
O segundo tempo resultou máis aberto. Ámbolos dous conxuntos chegaron con certo perigo á área rival e a partir do minuto 70 o Lalín acumulou moita xente en zona ofensiva e Eloy fixo o empate tras rematar no segundo pao un centro lateral. O Pol resistiu os ataques lalinistas ata que xa co tempo cumprido outro centro lateral rematouno novamente Eloy, desta volta no primeiro pao, ao fondo da portería.
O Pol queda no derradeiro posto da clasificación con un punto.
