O PM Friol non pasa do empate en Vigo
As friolesas non puideron colleitar máis que un punto no campo do Sárdoma, cun resultado final de 2-2 no luminoso. O bo partido coral do PM Friol non abondou para levarse os tres puntos.
Adiantábase o Sárdoma no marcador aínda que era o cadro friolés o que controlaba a posesión e a meirande parte dos aspectos do encontro. Potassa encargaríase de volver igualar o encontro antes do descanso cun bo disparo tras recoller un mal rexeitamento da defensa rival.
O Sárdoma optou por tentar xogar ás contras, buscando as costas das friolesas e sorprender en ataques rápidos. Porén, anotaron as friolesas por medio de María López, «Mery», e o partido só tivo unhas donas ata finais dos 80′, cando unha man na área dunha xogadora friolesa provocou un penalti favorable ó Sárdoma que as viguesas non desaproveitaron.
O Lugo segue sen levantar cabeza
Nova derrota do Lugo, a segunda consecutiva e acumulando cinco partidos sen gañar.
As luguesas comezaron moi mal o partido ante o Lóstrego e as rivais non o desaproveitaron, anotando no primeiro cuarto de hora. Dúas ocasións moi claras máis tiveron as visitantes en Lugo, que porén perdoou a sentenza pola vía de urxencia ó CD Lugo.
As partires de aí, as luguesas parecían coller o ritmo do encontro, comezaron a dominar a posesión mais, a présa por empatar o encontro levou á precipitación nos últimos metros das xogadas, polo que o gol non chegou antes do descanso.
A segunda entrega comezou da mesma maneira que rematara a primeira, con posesión para o Lugo e o Lóstrego na procura das contras, co resultado ó seu favor.
Foi cando mellor estaba a xogar o cadro albivermello cando un penalti na contra fixo que o Lóstrego puxera o 0-2 no marcador que sentenciaría non só o partido, tamén ás xogadoras do Lugo, que quedaron tocadas. Chegarían outros dous goles, un por equipo, para pechar o marcador (1-3) dun partido que dende o segundo gol do Lóstrego, só tivo unhas donas.
O PM Friol B gaña pola mínima na Reigosa
O filial friolés puido imporse a un rival, o Sporting Meicende, moi forte físicamente.
A primeira media hora de encontro do PM Friol B foi para esquecer, cun cúmulo de erros co balón, co que non estaban nada atinadas. A présa por anotar levou a erros groseiros que lles impedían dominar o balón como acostuman.
Pasada esa media hora inicial e, quizabes tamén, as présas e nervios do comezo, o PM Friol B fíxose co balón e co dominio do encontro.
Xa na volta dos vestiarios o ritmo e concentración do filial friolés foi brutal. Foi precisamente aí cando chegou o gol de Carla, cando o equipo movía o balón con fluidez, buscando as costas das rivais, cun xogo combinativo, gustoso de ver e desfrutando de xogar.
Co resultado en contra o Meicende adiantou liñas para tentar empatar o partido, o que tamén facía que no momento no que o Friol roubaba o balón, as ocasións foran moi claras, pero non chegou o gol.
O PM Friol B suma así o terceiro partido consecutivo sen perder, dous deles con vitoria. Tres puntos máis para o equipo, nun momento doce que ten que aproveitar.
O filial lugués non dá opción ó Silva
Partido dominado de inicio a fin polas xogadoras do CD Lugo B. Na primeira parte as luguesas xogadron moi centradas, anotando tres goles en tres xogadas que comezaron traballadas dende as liñas de atrás e que.
Así rematou a primeira parte, na que o Silva non contou con ningunha ocasión clara para anotar. Pola contra, a luguesa Ánxela (que fixo un hat-trick) tivo un man a man donde podía ter marcado o cuarto gol, pero a porteira rival luciuse para desfacerse do perigo.
Xa á volta dos vestiarios chegou o cuarto e definitivo gol do Lugo (0-4). A partires dese momento, coa posesión do balón, o partido non tivo opcións para o Silva agás nun par de saques dende o curruncho que Iyore e Luchy encargáronse de solucionar sen maior problema.
Un partido sen historia da SD Chantada
Un 1-9 non ten moito que comentar. O San Roque foi superior en todo momento no Sangoñedo. Ata o minuto 30 o encontro estivo algo máis igualado grazas a un bo traballo defensivo do cadro chantadés. Porén, xa no minuto 10′ anotara o primeiro gol o San Roque, mais en sete minutos, do 30′ ao 37′, chegarían tres goles para pór o 0-4 que afundiría a moral local.
Xa na segunda parte do encontro a SD Chantada saiu mellor, sen a presión do resultado, e nun pequeno baixón de intensidade das rivais puxeron o 1-6 as chantadesas con gol de Eva.
O San Roque xogou o resto do encontro con individualidades que lle permitiron rematar co 1-9 final.
Xornada de moito descanso
Na 2ª Futgal, a SD Antas descansou e todos os equipos da 3ªFutgal tamén desfrutaron da ponte nesta última fin de semana.