O Carballedo leva o derbi nunha xornada nefasta na Primeira

Pólvora mollada de #Asnosasguerreiras na Primeira e derbis moi dispares na Segunda. Carballedo e Monte Forte, vencedores

O PM Friol asinou un importante triunfo na Reigosa ante todo un Deportivo B (4-2). O encontro resultou máis disputado do que sinala o marcador, con dous conxuntos que trataron de mandar a través da posesión. As rapazas de Covi sobrepuxéronse ao dominio inicial herculino e melloraron desde o primeiro gol. Xeraron un bo número de ocasións, algo que escaseaba nos últimos encontros. Iso si, cometeron de novo erros considerables en defensa. Por sorte, non saliron demasiado caros esta vez.

Nin un só gol na primeira galicia

Cero goles foron os conseguidos polas nosas na Primeira. Tres derrotas e nin un só tanto da honra. O filial da Reigosa caeu por 2-0 ante o Victoria B, nun encontro gris no que custou con balón e sen el. Especialmente á hora de recuperalo. Pola súa parte, o Antas perdeu pola mínima no feudo do Bergantiños (1-0). Un solitario gol das de Carballo ao comezo da reanudación tumbou ás rapazas de Jesús Melendo. O encontro disputouse de poder a poder, con ocasións para ambas escadras. Iso si, os puntos non marcharon para Antas.

Fiso Ronda

Ademais, o Lugo sucumbiu con claridade na súa visita ao Tordoia (3-0). As locais, ben pechadas atrás, fixeron unha virtude das escasas dimensións do seu campo. A precipitación branquivermella e dúas xogadas illadas do Tordoia fixeron o resto. Unha ao final da primeira metade e a outra, despois do paso polos vestiarios.

Un derbi descafeinado e outro, por detalles

Elenita asinou un póker de goles en Montirón

O Monte Forte logrou a goleada da xornada ante un San Roque que viviu a súa vitoria particular (0-16). O cadro de Quiroga xa conta con dezanove fichas e tivo cambios nun partido por vez primeira. O proceso de adaptación non será doado pero aquí queda este pequeno triunfo dentro dun partido que non tivo historia.

Máis que contar tivo o outro derbi da xornada, que gañou o Carballedo (2-0). Aínda que as ocasións foron máis ben escasas. A primeira metade rematou co 0-0 inicial e unha igualdade considerable. Na reanudación, as do Catro Ventos levaron o gato á auga grazas ao baixón físico do Chantada e ao rexeite dun saque dende o curruncho. Efectividade e solidez para decidir un derbi de detalles. Ademais, a Comercial pagou moi caro os seus erros no complicado campo do Santiso (5-1). De feito, o seu técnico Vivian Dors destacou que tiveron «unha actitude non adecuada para competir».

Por último, a Milagrosa venceu por 0-8 en Touro nun encontro que resolveu antes do descanso, cando conseguiu ata sete goles. As locais, con once xogadoras xustas, melloraron na reanudación pero xa estaba todo o peixe vendido. Leire fixo un hat trick para as pupilas de Héctor.

Imagen por defecto
Diego Díaz Martínez
Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.
Artículos: 779

Deja un comentario