O anecdotario: “Picoume o bicho da Xira”, por Vérez

Co título pensaredes unha cousa. Aseguramos que será outra

Hoxe vouvos contar como perderse sutilmente o primeiro partido do ano. O que sempre coincide coa Xira de Vilalba. Xa sabedes da importancia que isto ten para os vilalbeses. Isto pasoume o primeiro ano de sénior. Xornada inicial. O típico partido que todo o mundo elixiría no ano para non ir convocado. E quedar no monte toda a fin de semana.

Remontámonos ao principio desa semana. Estábamos adestrando e os máis veteráns vacilando:

-“Vaste perder a primeira Xira da túa vida. Non vas poder saír ao ter que xogar…“.

“É o que toca”, respostaba resignado. Pero ao mesmo tempo tampouco me importaba tanto. No fondo quería xogar.

Sería xoves xa. Rematei de adestrar e marchei para casa. Todo iso despois de levar a semana enteira montando o caseto da Xira no monte. Non sei se isto tivo algo que ver co que pasou despois. O mesmo xoves á noite comezou a picarme un xemelgo. Rasquei, como podedes imaxinar. Sentíao duro, cada vez máis grande, duro como unha pedra.

Fun ao ambulatorio. Alí dixeron que me picara un bicho. Puxéronme unha inxección e todo. A pregunta era obrigada:

“Poderei xogar a adestrar?”

-“Complicado” -dixo o sanitario.

Avisei no equipo e fun adestrar ao día seguinte. Pero nada. Xa todos ríndose. E saltaron os López e Make de turno:

-“Collíchelo a propósito. Picáchete con el. Tiráchete alí no prado e claro…”.

Así foi como non tiven que ir xogar a fin de semana da Xira e aproveitei alí a ‘finde’ completa. Despois diso, o luns xa estaba perfecto. Non sei se sería o tratamento…

 

David Vérez Ramil. O central do pobo, defensa de garantías no Rácing Villalbés

Imagen por defecto
Diego Díaz Martínez
Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.
Artículos: 755

Deja un comentario