Como xornalista vivín un episodio curioso a temporada pasada. Contareino moi brevemente. Partido de Terceira División, Arosa-Racing Villalbés. Mes de febreiro, últimos encontros precovid. O Estadio da Lomba estaba en obras naquel momento, así que o equipo de Rafa Sáez xogaba os seus partidos como local en Vilaxoán, a escasos quilómetros de Vilagarcía. Por motivos técnicos, nese recinto, os xornalistas ubicámonos na bancada, mesturados co público.
Eu aquel día cheguei coma sempre, unha hora e cuarto antes do partido, e sentei máis ou menos á altura do medio do campo. Ao principio estaba soa, logo, en plena previa, uniuse un matrimonio; terían 65 anos, máis ou menos, e ubicáronse na fila que estaba diante da miña.
Sobre as 16:30 horas, despois de facer eu a primeira conexión coa radio para presentar as aliñacións, a muller xirouse cara min e iniciamos unha conversa. Explicoume que era a nai dun xogador do Arosa -non direi o nome por manter a súa privacidade- e ofreceume unha manta. “Fai moito frío, nena”, argumentou. Eu rexeiteina. Agradecinlle o seu bonito xesto, pero díxenlle que non se preocupase, que estaba ben.
Pasaron uns minutiños e, sobre as 17:00 horas, principiou o partido. Cada pouco tempo, a muller miraba cara min e sorríame, nun xesto de complicidade. 17:47 horas, tempo de descanso, hora da merenda. María (nome ficticio) saca unha bolsa pequena chea de froita e convídame. Eu, novamente, agradezo infinitamente o seu xesto, pero entre aguantar o aparello da radio e o caderno de notas non me dan as mans para todo.


Pouco despois, abre un paquete de tortas de arroz. “Colle aínda que sexa a metade, neniña, que algo tes que comer”, insísteme. Case simultaneamente, comeza a segunda metade, polo medio, María anima ao Arosa, sempre con berros respectuosísimos. 18:50horas, remata o partido, despedímonos e eu, de camiño ao coche, sigo pensando nela, na súa bondade. Que gusto e que sorte atopar xente así. Descoñezo se María ten netos, senón, oxalá algún día os teña e poidan gozar dela. Que muller tan entrañable!
Rocío Candal Barbeito. Xornalista no En Xogo e Galicia en Goles. A voz do fútbol feminino autonómico
