Vou contar como se certificou o alcume de ‘Correcamiños’. Foi na fase de ascenso xuvenil ante o Olímpico de Rutis. Eu xogaba na Milagrosa e iamos perdendo.
Nun saque dende o curruncho en contra, peinouna Tejeda para despexar. Collina no borde da área e comecei a correr todo o campo. Funme a tres ou catro xogadores e planteime na área rival. Empuxáronme contra o aspersor, ao cal tiven que driblar. Chegando antes que o defensa central, iso si! E dinlle o balón ao segundo pau a Fariñas. Aí fixéronlle penalti. E o resto xa é historia. Luis Díaz non fallou desde os once metros.
A ‘coña’ da xogada é que tiven que driblar o aspersor que hai en Frigsa. Se algo tiña daquela era velocidade e finta. O único que tiña, que non é pouco! E desde a grada comezaron a berrar «Correcamiños» cada vez que collía o balón e a facer o famoso «mec, mec» desta histórica personaxe. Así naceu este alcume que acabou en forma de tatuaxe na miña perna hai uns anos.