Os onces da 11ª xornada da Segunda Rexional traen un regreso á zona de ascenso. O do Alfoz que entra de novo na segunda posición. Ademais o Roupar sae dos postos de descenso. No sur, nin Ferreira nin o San Lázaro desisten na súa loita. O Corgo non sae do descenso pero ten en Javi un seguro de gol nas últimas semanas.
O Sanci continúa na cabeza. Segue invicto. Once xornadas sen coñecela derrota. Amplía diferenzas con respecto ao segundo clasificado. A última vitoria foi ante o Meira. Racha estreouse como goleador esta tempada cun dobrete. O Alfoz volve á segunda posición. Volveu gañar despois de dous empates. Derrotou no derbi ao Celta Barreiros. O cadro celeste quedou con dez xogadores no tramo final pola expulsión de Dani Chin. O Alfoz aproveitou o empate do Xermade ante a Candelaria. Un gol para cada equipo. A zona alta está moi igualada. Porque o Cabreiros ten os mesmos puntos ca o equipo veciño. O gol de Marcos foi decisivo no duelo directo entre o Guitiriz e o Cabreiros. O cadro xermadino levouse a vitoria a pesar de xogar toda a segunda metade cun futbolista menos por expulsión. O Alfoz e o Cabreiros foron os únicos equipos do grupo norte que nesta xornada non encaixaron gol. Ante a ausencia de porteiros destacados para esta xornada incluímos no once da xornada a Roberto Lorenzo ‘Gato’.
O Sporting Pontenova sumou a súa quinta vitoria da tempada. Catro triunfos nos últimos cinco encontros. No último derrotou a domicilio ao Iberia. A mesma dinámica leva nas últimas cinco xornadas o Cospeito. O Abadín acudiu a súa cita na Fonte sen porteiro. Carra tivo que poñerse baixo paus. Non é a primeira vez nesta tempada. O partido púxoselle moi costa arriba aos visitantes. Expulsión de Dani e penalti en contra no minuto 6. Supuxo o 2-0. Ao tempo de lecer o resultado era de 3-0. Na segunda o Abadín refíxose, pero non lle chegou para puntuar. Gayoso anotou un dobrete. Na zona baixa venceron o Mondoñedo e o Roupar. O cadro mindoniense logrou o segundo triunfo consecutivo. Derrotou no Ventiño ao Goiriz. Jacobito marcou nos últimos intres o gol da vitoria. O Roupar sae dos postos de descenso logo de vencer ao Muimenta.
O pulso mantense no máis alto do grupo sur da Segunda. Manda o Ferreira, pero cos memos puntos perségueo o San Lázaro. O equipo de Pantón enlazou (ao igual ca o conxunto da Ponte) a cuarta vitoria seguida. Continúa sen perder no Baliño. Ademais aumentou distancias. Porque o rival foi o Paradela. Sete puntos de distancia entre os dous. Nos últimos minutos do encontro os visitantes quedaron cun menos pola expulsión de Raúl. O San Lázaro sumou tres puntos no Municipal de Becerreá. Iso que o encontro estivo igualado. Os locais realizaron unha gran primeira metade. Pero apareceu a figura de Luis Martin ‘Lucho’. Un dobrete colocou por diante aos seus. O terceiro é o Portomarín que derrotou con claridade ao Bóveda. Aproveitou os resultados da xornada para escalar posicións. Nesa zona tamén gañou con superioridade o Incio. Non tivo o día o Chantada B. Incluso Castro parou un penalti. Tan só rescataron do Carboeiro un gol de falta. No cadro amarelo Hugo anotou un hat-trick. Cos mesmos puntos ca o Incio tamén está o Palas. O equipo celeste empatou sen goles ante o Quiroga nos Chacotes.
Na zona media-alta da táboa sitúase o Santa Comba. Superou na Carqueixa ao Río Sil nun resultado moi axustado. Os visitantes puxéronse 0-2 e 1-3, pero o cado soberino non se rendeu. Asier marcou dous goles no Santa Comba e Anás no Río Sil. O ex xogador do Bóveda está actuando como central nas últimas xornadas, pero sumouse ao ataque na segunda metade. Pola súa banda o Páramo empatou a tres goles ante o Corgo. O equipo adestrado por Brais Vázquez suma seis xornadas sen gañar. En fronte desta volta estivo un inspirado Javi. Por segunda semana seguida marcou tres goles. Aínda así, o grupo adestrado agora por Walter non conseguiu saír do descenso. A vitoria do Brollón déixao a dous puntos da salvación. O cadro dos Medos logrou o segundo triunfo do curso ante un Oural que chegaba nunha boa liña de resultados.