Esta tarde celebrouse en Santiago o sorteo das fases de ascenso ás Ligas Galegas infantil, cadete e xuvenil. Os nosos comezarán a súa andadura nas mesmas este mesmo SÁBADO 12 DE MAIO. Iso sí, cun formato novo e atractivo. Os conxuntos que remataron en primeiro lugar na competición provincial xogaranse o ascenso a un só partido. De gañalo serán automáticamente equipos de Liga Galega. A principal novidade é que non se disputará dito encontro no campo de ningún dos contendentes. Será nunha sede neutral, e que explicaremos a continuación en cada un dos casos.
Os segundos clasificados tamén xogarán en territorio neutral. Só que precisarán pasar esta citada rolda a partido único. E outras dúas máis. A seguinte, noutra sede neutral. Hai que destacar que aquí, neste punto, entrarían en xogo os perdedores das eliminatorias entre primeiros (teñen dobre oportunidade). Por último, teriamos a derradeira rolda, a dobre partido, nos campos de cada un dos conxuntos participantes. Nos dos superviventes da segunda das sedes neutrais.
A pelexa polo ascenso á Liga Galega infantil dirimirase en dúas das nosas vilas. Os primeiros clasificados citaranse na tarde do sábado na Pontenova, no campo da Mina.
17.00 horas: Narón-Boiro
19.00 horas: Orillamar-Residencia
Os segundos clasificados buscarán o pase á seguinte rolda na Ribela de Sarria. A Milagrosa B verase as caras co Santa María del Mar ás 17.00 horas. No caso de superar este cruce, decidirá a súa sorte cun dos primeiros clasificados que perdan o seu encontro na Pontenova.
Na batalla polo ascenso á Liga Galega cadete, os primeiros clasificados desplazaranse ao Mundo do Fútbol de Abegondo.
17.00 horas: Boiro-Orillamar
19.00 horas: Amistade Meirás-Milagrosa
O resto de conxuntos dividiranse nos terreos de xogo de Esclavitud e Dodro. A Residencia xogará neste último escenario ante o Villestro a partires das 19.00 horas. Se supera esta proba, tamén lle espera un dos primeiros que perdan en Abegondo.
Os campións xuvenís citaranse en Ferrol (A Gándara), cos seguintes enfrontamentos:
17.00 horas: Residencia-Eume Deportivo
19.00 horas: Corme-Atlético Riveira
Nas eliminatorias entre segundos teremos dous representantes, xa que este ano o terceiro clasificado provincial obtivo billete para as ansiadas eliminatorias polo ascenso. Os nosos conxuntos xogarán no Pino. Ás 17.00 horas, o Palas loitará co Fisterra. Dúas horas máis tarde, o Porto de Burela enfrontarase ao Xuventú Oroso. No caso de sair vencedores os nosos, os mariñáns recibirán a un primeiro dos que caian na Gándara. No caso do Palas, ao gañador do As Pontes-Imperátor. Ademais, na zona Sur temos ao Chantada. Que precisa superar dous cruces para ascender. O primeiro deles será a partido único ante o Moaña en Celanova (10.00 horas).