No último suspiro escapoulle o triunfo ao Racing Vilalbés diante do Deportivo Fabril

O Trío de Ases chega outra semana máis sen triunfos dos conxuntos lucenses da Terceira. O Racing Vilalbés estivo moi preto de acadalo, pero o filial deportivista empatou no último suspiro de partido. Tamén arrancou un punto da Porta Santa o Viveiro, que igualou sen goles ante o Paiosaco. O Polvorín colleitou a segunda derrota consecutiva diante do Somozas, líder da categoría.

O Viveiro corta a mala xeira, pero non logra sumar os tres puntos en Paiosaco (0-0).

Enfrontábanse os dous conxuntos que máis goles reciben da Terceira, pero as defensas resultaron vencedoras e non se viu un só tanto na Porta Santa. Na primeira metade, o cadro local estivo máis preto do gol. Os de Juan Riveiro contaron con varias ocasións claras para marcar, nas botas de Pablo, Iván Amor e Josiño. En boa parte delas, resultaron decisivas as paradas de Manu Cedrón. Nos primeiros corenta e cinco minutos, os de Chusky apenas xeraron ocasións claras.

Logo do paso por vestiarios viuse outro partido, e as ocasións cambiaron de bando, sendo os mariñáns os claros protagonistas. Ata lle anularon un tanto aos mariñáns, obra de Tichu, por un suposto fóra de xogo. Doutra volta o de Outeiro de Rei gozou doutra ocasión clara, pero atopouse coa gran intervención do gardameta local.

Voltar a sumar, unido a manter a porta a cero logo de dúas xornadas saíndo goleados é a mellor nova para os mariñáns.

O Racing Vilalbés deixou fuxir dous puntos no último suspiro logo dunha primeira metade con cinco goles (3-3).

Os chairegos puxéronse por diante tres veces e as tres atoparon a resposta do Fabril en forma de empate. O primeiro gol local chegou axiña. Foi no minuto 7, na que era a primeira ocasión do partido. Ángel sacou desde o recanto, Vérez peinou no primeiro pao, Pedrosa cabeceou no segundo e Santi Gegunde atopou oco para batir a Alberto co seu disparo. Dez minutos máis tarde, nunha perda de balón do Racing chegou o empate. Centrou Javi Sánchez dende o perfil dereito do ataque e Rayco, ex do Polvorín, fixo un golazo nunha especie de vaselina co peito.

Volveu adiantarse o cadro de Simón Lamas, no minuto 25, nun mal despexe da zaga fabrilista que recolleu Pedrosa, que deixou de cabeza para Santi Gegunde, que cun bo tiro fixo o segundo tamén da súa conta particular. A falta de dez minutos para o intermedio un centro de Isra desde a esquerda atopou a Villares, que se anticipou á defensa e ao porteiro racinguista e igualou de novo o encontro. O de Samarugo marcou na súa casa. Ao borde do descanso, chegou o terceiro para os chairegos. O colexiado asubiou un penalti moi discutido sobre Ángel que transformou Jose Varela.

Na segunda metade, o Fabril seguiu tentando levar a iniciativa do xogo, mentres que o Racing Vilalbés buscou saír á contra. A ocasión máis clara para os locais foi un testarazo de Jose Varela que atopou a boa resposta de Alberto. E cando o partido esmorecía fíxoselle de noite ao Racing. Nun balón colgado á área, Muiña non mediu ben e o recén incorporado Juan Cambón controlou o balón e superou a Javi Rumbo.

O Polvorín colleitou a segunda derrota consecutiva ante un intratable Somozas (1-2).

Encontro pouco vistoso o disputado na Cheda. Comezaron os visitantes presionando a saída de balón do Polvorín. Os de Álex Ortiz non se atoparon cómodos diante da veteranía dos de ferrolterra. O partido transcurriu sin un dominador claro e con bastantes imprecisións de ámbolos conxuntos. Foi o filial albivermello quen se adiantou no marcador por medio de Antón Escobar, que xogou o seu primeiro encontro da temporada, logo dun bo centro de Iago Novo. Non tardou en chegar o empate. Foi nunha xogada embarullada que rematou cun disparo de Rojo e tropezou nun xogador visitante para colarse na portería de Julen. A acción foi protestada polo Polvorín ao considerar que o último xogador en tocar o balón estaba en posición antiregulamentaria.

Na segunda metade, o encontro seguiu a mesma tónica e non tivo un dominador claro. O Somozas deixoulle o balón ao conxunto lucense, pero non conseguiu un fútbol fluído, en boa medida polas continuas interrupcións en forma de falta dos xogadores visitantes. No que posiblemente era o mellor momento do Polvorín no partido chegou o segundo do Somozas. Nun desaxuste defensivo, os lucenses cometeron falta ao borde da área e Pablo Rey colocou o balón na escadra.

O Polvorín trocou de sistema deixando tan só tres xogadores en defensa e dando entrada a Cristian, suplente nesta xornada logo da entrada no equipo de Antón Escobar e Morais, pero non foron quen xerar ocasións claras de gol.

Imagen por defecto
Marcos Fernández
Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte
Artículos: 407

Deja un comentario