O mellor recollepelotas do país

Non fai moito tempo, o noso amigo Fernando Currás falábanos dos Homes de Clube. E quixemos ir a coñecer a un deles. Chámase Marcos López Rodríguez. Para os habituais do Arturo Pereiro ‘Marquiños de Castro‘. Un auténtico fenómeno, o mellor recollepelotas do país. Chova, neve ou trone, alí esta él “dende hai seis anos” pegado á liña de banda do antigo Municipal. Correndo coma un lóstrego para recuperar o balón, previo lanzamento doutro ao terreo de xogo. Recoñéceselle fácil: peto laranxa, lentes e un eterno sorriso. Ese que reflicte o feliz que é co seu traballo. A pesares de que en inverno as súas ‘katiuskas’ de mariscar lle limiten o sprint.

Conta a lenda que Marquiños fai máis quilómetros que moitos dos futbolistas que desfilan cada xornada polo Arturo Pereiro. A banda do marcador e un dos fondos son todos seus. Iso como mínimo. Porque Marquiños é un home polifacético. Axuda “coa lotería de Nadal ou coa campaña de abonados”. Aquí móstrase moi orgulloso ao facer este curso “80 socios novos para que o equipo poida ter liquidez”.

O futuro de Marquiños estará ligado ao CD Castro mentres o clube o queira porque o mellor recollepelotas do país está “orgulloso e encantado con estes chavales, unha peña moi grande”. A renovación non vai depender da categoría porque non lle importa frecuentar a súa banda “en Terceira Rexional ou en Primeira co Barcelona”. Marquiños, unha especie en extinción. Un dos escasos patrimonios incalculables que ten o noso fútbol. E que agardamos seguilo disfrutando por moito tempo. Longa vida aos homes de clube!

Imagen por defecto
Diego Díaz Martínez
Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.
Artículos: 754

Deja un comentario