Restan tan só 9 xornadas para que os Máxicos acaden, ou non, os obxectivos propostos a principio de temporada.
Os goles do derbi quedaron para a Feira do Viño (0-0). A SD Chantada comezou mellor, pero non aproveitou as súas ocasións no comezo e o choque foise igualando paseniño, cun Chantada Atlético que gañou en confianza e empuxe. Logo dun primeiro tempo no que non houbo máis aproximacións claras, a excepción dalgún tiro lonxano, na segunda metade foi o Atlético que dominou na posesión.
Porén, a SD gozou dun penalti para adiantarse, pero Ivi Casillas erixiuse como vencedor do duelo de Máxicos ante o lanzador Joserra e detivo a pena máxima para deixar o Sangoñedo sen goles nunha tarde de sábado fría e ventosa, pero alegre en Chantada.
A Milagrosa cae na segunda parte na Marosa (3-1). Costoulle entrar no choque a un Burela que se viu superado pola intensidade visitante e, de feito, a Milagrosa se adiantou cun balón lonxano. Porén, os mariñáns deron un paso adiante e lograron o empate antes do descanso. Xa no segundo tempo, o bo fútbol e o bo momento de forma dos de Luchi fixéronse notar e Jairo López fixo o segundo a falta dun cuarto de hora para o final. Cos capitalinos volcados, Miguel Gomes anotou o terceiro para confirmar que os tres puntos quedaban na casa.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/concelloguitiriz.gif)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/PlayaCova-1.gif)
O Pol volve á senda da victoria a costa do Lourenzá (0-2). Os Máxicos do Pol afrontaban un partido moi complicado na Santa Cruz, cun rival que propuxo un choque trabado e nun campo mermado pola choiva. Porén, Gerardo adiantou aos seus mediado o primeiro tempo e deu tranquilidade aos de Fernandito, aínda que o Lourenzá adiantou liñas e puido empatar nalgunha chegada ao longo da segunda parte. Sería Alvarito o que aparecería para poñer o 0-2 e devolver ao líder á dinamica positiva con tan só 9 xornadas por diante.
![máxicos salvatierra](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/03/WhatsApp-Image-2024-02-28-at-14.37.34.jpeg)
O Outeiro supera ao Foz con menos claridade da que indica o electrónico (3-0). O partido estivo moi condicionado polo estado do terreo de xogo, ao que se adaptaron mellor os locais no comezo e froito do cal conseguiron o primeiro gol mediado o primeiro tempo. Na segunda metade, os focenses avanzaron liñas na procura do empate, pero o Outeiro mantivo unha liña defensiva moi sólida e conseguiu sentenciar con transicións ben levadas polos seus Máxicos na recta final. Ao final, 3-0 nun Municipal no que o Foz fixo méritos para sacar algo máis.
Nin Guntín nin Xove quedan contentos co empate (1-1). Unha boa posta en escea do Xove traduciuse no 0-1, obra de Diego Fernández cun gran disparo desde fóra. Os mariñáns puideron ampliar as diferenzas con outro tiro no que interviu o gardamallas local Iker e, á media hora de xogo, un balón parad foi aproveitado polo Guntín para igualar a contenda, 1-1. O segundo tempo estivo marcado pola prudencia de ambos equipos e polo progresivo deterioro do Ladairo. Aínda que o Xove foi algo máis incisivo, ningún dos dous equipos fixo méritos para levar os tres puntos e houbo reparto en Guntín.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2025/01/resolucionconcorrenciadeputacion1.gif)
O Riotorto colle aire en Portomarín (1-2). Os Máxicos da zona baixa aínda teñen moito que dicir. De feito, o Portomarín gozou de ocasións claras no primeiro tempo, pero sería o visitante Adrián quen anotaría un golazo para adiantar ao Riotorto antes do descanso. Os de Manolo García saíron ben no segundo tempo e fixeron o segundo por medio de Coedo, pero unha boa xogada dos miñotos saldouse co 1-2, anotado por Hugo. Con media hora por diante, os de Diego Rey volcáronse na procura do empate, mentres que os visitantes puideron sentenciar en numerosas transicións. Porén, o marcador non se movería máis no Chao da Poza.
O Meira supera ao Monterroso nunha Lomba en moi mal estado (4-2). O fútbol directo foi unha constante no campo meirego, e os locais souberon entender as condicións do choque moito mellor e aproveitaron as súas oportunidades. Logo dunha primeira parte na que o resultado foi de 2-1, dous goles de Seixosmil no segundo tempo encararon o partido a prol dos de Labrada, aínda que Lorenzo recurtaría diferenzas na recta final, 4-2 en Meira.
O balón parado da a victoria ao Taboada ante o Santaballés (1-0). Partido gris para os Máxicos na Medela, con pouco ritmo e moita interrupción, onde as defensas se impuxeron con claridade aos ataques. Tan só unha falta lateral que Migui rematou con mestría permitiu aos siareiros cantar un gol. Foi o 1-0, en torno ao minuto 53′, que se tornaría decisivo logo dunha recta final na que o Santaballés procurou o empate pero se atopou co muro dos de Murado para non sacar nada positivo da súa visita ao Taboada.
15 minutos bástanlle ao Escairón para vencer ao Guitiriz (4-1). Os Máxicos do Saviñao aproveitaron o arreón inicial para anotar tres goles nos primeiros 15 minutos: o primeiro nun balón colgado á área que se envenenou polo vento, o segundo —dous minutos despois— nun centro lateral ben rematado e o terceiro nun saque de esquina mal defendido polos visitantes. O Guitiriz deu entón un paso adiante e recurtou diferenzas antes do descanso, 3-1, pero os locais aproveitaron as rendas do primeiro tempo para manexar os tempos do partido e sentenciar co 4-1 definitivo no Municipal.
MÁXICOS SALVATIERRA ABOGADOS
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/03/MAXICOS-FUTBOLINLUGO.jpg)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/12/senmas3.jpg)