#Fútbol afeccionado #Primeira Futgal

Máxicos Futbolinlugo. Xornada 2

Segunda xornada de competición para os Máxicos da Primeira Galicia. Aínda é cedo para sacar conclusións pero os equipos comezan a perfilar os seus obxectivos.

Guntín 2-3 Burela: o Guntín planteou unha primeira parte trabada na que acadou dous tantos por medio de Debasa e Seijas, o primeiro nunha acción ás costas dos rivais e o segundo a balón parado. Chegaron ao descanso cun resultado de 2-0 que puido ser máis abultado. Os visitantes, lonxe de renderse, cambiaron o seu ritmo de xogo e impuxeron a súa boa condición física. 30′ minutos finais moi bos que lles serviron para facer tres tantos (dous deles a balón parado) e remontar o choque, 2-3 no Ladairo nun choque moi vistoso.

Outeiro 1-1 Chantada Atlético: os visitantes levaron o peso do xogo, pero o Outeiro sentíase cómodo sen balón e aproveitando as contras. Nunha delas, Seijas fixo un gran gol que poñía o 1-0 antes do descanso. Na segunda metade, o Chantada Atlético cambiou o sistema e comezou a ter máis presencia na área rival, con varias ocasións ata que acadou o empate por medio de Adri Salgado. Porén, os visitantes desaproveitaron algunha opción na recta final e o marcador non se moveu.

Portomarín 0-1 Lourenzá: logo dunha primeira parte igualada na que apenas houbo ocasións para ningún bando, o Portomarín levou o peso do xogo nun segundo tempo no que tivo maior presenza no campo rival. Porén, unha boa acción do Lourenzá na recta final traduciuse nun claro penalti a prol dos mariñáns, que non desaproveitaron a oportunidade e puxeron o definitivo 0-1 desde os once metros.



Milagrosa 1-1 Meira: o duelo entre recén ascendidos saldouse con reparto de puntos. Os locais foron mellores nunha primeira parte na que se adiantaron tras un roubo e unha boa contra culminada por Anxo. O segundo tempo, aínda que comezou cos capitalinos máis asentados, foise inclinando a prol dun Meira, sobre todo na recta final, cando a Milagrosa quedou cun home menos. Os meirenses aproveitaron a superioridade para empatar o choque nunha indecisión da defensa local, 1-1 no Luis Gorgoso.

Pol 2-0 Taboada: os locais foron superiores nunha primeira metade na que fixeron dano con centros laterais e remates, mentres que o Taboada agardaba aos contragolpes. Porén, golpeou primeiro o Pol cun tanto de Gerardo aos 15′ de xogo. Xa no segundo tempo os visitantes melloraron e tiveron opcións para empatar, pero cando máis volcados estaban, o Pol sentenciou o choque co 2-0 final.

Foz 1-2 Escairón: media hora de dominio valeulle ao Escairón para sacar os primeiros tres puntos da temporada. Os do Saviñao chegaron ao Martínez Otero moi intensos, e no minuto 30′ xa mandaban por 0-2. O Foz reaccionou tras o segundo tanto e recurtou diferenzas xusto antes do descanso, pero un segundo tempo sobrio por parte dos visitantes impediu que os mariñáns sacasen algo positivo do seu feudo, 1-2 en Foz.



Xove Lago 1-0 Guitiriz: o Xove foi mellor na primeira media hora, con boas combinacións que se traduciron no 1-0, cun remate de Maikel tras unha boa xogada de Diego. O Guitiriz, porén, mellorou tras encaixar o tanto e estivo a piques de empatar o choque, se non fose polas accións salvadoras de Trullo. No segundo tempo o protagonismo foi arbitral: o colexiado expulsou a adestrador e delegado visitantes, ademais de ao local Diego. Cun xogador máis, os visitantes empurraron e anotaron un gol, pero o árbitro o anulou ao considerar que Antón controlara o balón coa man. Ao término dos 90′, 1-0 no Municipal.

SD Chantada 2-1 Santaballés: a SD Chantada comezou mellor o choque ante un combativo Santaballés, e un disparo lonxano de Gabri e un bo tiro de Manu tras unha xogada de Foci xa permitiron aos chantadinos mandar por 2-0 aos 20′ de xogo. Tras os goles, os locais centráronse en evitar as transicións visitantes e defender centros laterais do Santaballés. Xa no tempo engadido da segunda metade, Play aproveitou un deseo centros para poñer o 2-1 no Sangoñedo. Porén, non houbo tempo para máis e o choque rematou con victoria local.

Riotorto 1-3 Monterroso: comezou o choque moi favorable aos visitantes, que anotaron o 0-1 no minuto 2′ logo dunha indecisión na zaga local. O Riotorto, porén, asentouse no partido e logrou o empate aos 15′ da segunda parte. Pouco despois, os locais tiveron nas súas botas o 2-1, pero os monterrosinos sacaron o remate na liña de gol. O que perdoa paga, e a lesión de Pablo Vivero e as accións a balón parado condenaron ao Riotorto. O Monterroso aproveitou a súa pizarra e a súa maior contundencia para poñer o 1-3 e rematar con opcións de facer máis goles ante un rival con dez pola lesión de Andrés e por ter esgotadas as ventanas de cambios.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *