Historia e fútbol polas catro roldas da parroquia

Din que no fútbol un dos mellores xeitos de medrar como club é traballando a canteira. Algúns fanlle caso a esta premisa; outros, sobre todo cando hai carto polo medio, téñena como un pensamento secundario. Pero sen dúbida, algo está claro, poucos poden presumir de traballar a canteira tan ben como na parroquia vilalbesa de Román. De aquí saíron algúns dos mellores canteiros de Galicia, artistas anónimos e pouco recoñecidos que son os autores de centos de obras pétreas, especialmente, pola comarca da Terra Chá.

Canteiros aínda quedan, pero xa non como antes. Aínda así, a herdanza permanece. E un dos que axuda a mantela é o equipo de fútbol que acaba de cumprir vinte anos de vida e tamén de historia. Unha historia que tamén ten moito que ver coa canteira. Por un lado, o campo de fútbol, de propiedade parroquial e que honra aos seus antepasados cun nome escrito sobre unha cantería “A Canteira”. Polo outro, xa centrándonos no terreo futbolístico, polos centos de futbolistas da parroquia e dos arredores que pasaron e pasan polo club.

Jaime Paz, Vanesa e Florentino son algúns dos membros da directiva do Catro Roldas

En realidade, podemos dicir que son vinte anos “oficiais” desde que o club está federado na Real Federación Galega de Fútbol. Pero o equipo, xa existía dende anos atrás cando se xogaba entre as parroquias do redor campionatos como a liga da Terra Chá ou un torneo que había en Momán. Entre os anos 1995 e 1997 foi cando se construíu o campo, coñecido como A Canteira e feito en terreos comunais da parroquia de Román, no barrio de Seivane.

Con campo onde o balón puidese rodar, só faltaba formalizar o club. A idea dos fundadores era inscribir o equipo como Club de Fútbol Román. Ese fora o nome que viñan usando nos últimos anos cando xogaban e, incluso, gañaban algún campionato de Momán, por exemplo. Sen embargo, a existencia na Federación do San Román (equipo da Mariña lucense pertencente ao concello de Cervo que deixou de competir este ano) impediulles aos vilalbeses poñer o nome que querían. Foi aí cando tiveron que reinventarse. Non obstante, non se foron a nomes estranxeiros ou algo polo estilo e seguiron pensando na súa parroquia. Román, como todas as parroquias galegas está organizada administrativamente por barrios, aldeas ou lugares. A maiores, no coñecemento dos veciños, distribúese por catro roldas onde se agrupan eses barrios. De aí saíu o novo nome, Catro Roldas.

O equipo comezou xogando a Segunda Rexional na que estivo varios anos. Posteriormente, coa creación da Terceira foi o primeiro conxunto que pillou o corte e tivo que baixar de categoría. Na súa historia conta con dous ascensos a Segunda. Na temporada 2011/2012 e outro no curso 2015/2016. Ademais chegaron a dúas semifinais da Copa.

Jaime Paz foi xogador, secretario e leva quince anos como presidente do Catro Roldas

Jaime Paz é o presidente desde hai quince anos. Xa era xogador cando o equipo aínda non estaba federado e comezou de secretario cando se fundou oficialmente. “No momento da fundación había unha alta porcentaxe de xente de Román. A fornada dos que agora teñen entre 30 e 40 anos que son os que están en veteráns. Agora segue habendo, pero menos”.

Nado na parroquia, o presidente amosa o seu orgullo por encabezar o equipo do seu pobo: “Para min representa moito. Estou orgulloso de ser presidente do club porque ademais aquí hai uns socios que son unha marabilla. Levámoslles todos os anos os carnés as casas, a Lotaría en Nadal, en Reis e desde hai uns doce anos organizamos unha viaxe por varios sitios de España, este ano tocoulle a Torrevieja”. E que xa se sabe que os clubs das parroquias son moito máis ca un equipo de fútbol, son tamén activos sociais e culturais dunha familia de veciños.

Anido, o socio de máis idade do Catro Roldas, fixo o saque de honra no partido contra o Goiriz. Antes tamén o fixera o xogador do CD Lugo, Fernando Seoane

O pasado 30 de setembro (con festa que se prolongou ata o 1 de outubro) celebraron os 20 anos ao grande. Houbo recoñecemento para xogadores, adestradores e directivos que pasaron polo equipo. O aniversario non puido coincidir mellor no calendario ca disputa dun derbi mítico entre dúas parroquias lindantes: Catro Roldas – Goiriz. Para maior satisfacción dos que estaban de cumpreanos a vitoria quedou na casa.

Na temporada 2017/2018 o Catro Roldas conta con 21 fichas

Agora só queda seguir mantendo o que xa hai: “O futuro véxoo ben, por exemplo este ano hai xente nova e temos 21 fichas en total. Ademais a xente segue colaborando como o primeiro día“, afirma Jaime Paz, quen despois de tantos anos á fronte tamén di que lle viña ben un descanso: “Gustaríame que tamén alguén se apuntara a isto porque son moitos anos. Non é que estea descontento; estou feliz, pero a xente ten que darse conta que hai que dar paso a outra xente, non podemos ser sempre os mesmos”, concluíu o máximo mandatario do Catro Roldas.

Pedra a pedra en Román seguen facendo forte a súa historia e a súa Canteira. Pedindo pouco a pouco, desexamos que o amarelo siga lucindo polos terreos de herba, cando menos, outros vinte anos máis.

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 465

Deja un comentario