Herminia, protagonista da xornada do fútbol feminino

Só dous partidos de todo o fútbol feminino da provincia se puideron desputar esta fin de semana. Ambos na comarca de Chantada, onde as recomendacións polas condicións meteorolóxicas permitiron manter o ritmo habitual da competición, aínda que non sen presenza do forte vento e chuvias.

A SD Antas imponse ante a SD Chantada

Aínda que non se suspendeu, o partido desputado na capital da comarca chantadesa tamén sufriu as inclemencias meteorolóxicas. O encontro estivo marcado pola choiva e o vento aínda que se puido desputar sen complicacións maiores.

A primeira parte estivo bastante igualada, con ambos equipos tendo oportunidades nos balóns ás costas das defensas rivais mais con dúas porteiras atentas que desbarataron as posibilidades de gol, agás o primeiro dos tantos do partido. Foi Nuria quen adiantaría á SD Antas cun disparo lonxano de falta tras un bote que, unido á acción do vento desviando a traxectoria do balón, dificultou que Andrea Novoa puidera atallar o disparo.

Jenny tivo tamén varias ocasións grazas á súa velocidade pero atopouse cunha gran Andrea Novoa baixo paus. Tamén tivo traballo a porteira do Antas, Ángela, que evitou que un balón prolongado da SD Chantada rematara en gol local.



Na segunda parte a SD Antas saiu mellor ao campo, grazas en parte á entrada de Mel ao terreo de xogo, revolucionando o partido. A SD Chantada tivo tamén máis iniciativa, pero as chegadas do Antas eran máis perigosas.

Foi precisamente das botas de Mel das que chegarían os dous tantos a maiores das seoanesas na segunda metade. O primeiro, despois de superara varias rivais pola banda, Mel pon un centro lateral á área que anotaría Elisa de primeiras.

O terceiro chegaría tamén dun bo pase filtrado de Mel para que, de novo Elisa, batera á porteira chantadesa no man a man.



Final cun 0-3 favorable á SD Antas no derbi pasado por auga.

As xogadoras da SD Antas celebran os tres puntos tralo partido. Foto cedida

O Carballedo queda cos tres puntos no Catro Ventos

No Catro Ventos fíxose alarde do nome: moito vento e tamén chuvia. Porén, iso non impediu que se desputara o encontro entre o Carballedo e a Comercial.

As condicións meteorolóxicas (incluso con pedrazo) fixeron difícil – ou case imposíbel – un xogo combinativo para ambos equipos, que tiveron que optar por un fútbol máis directo que o Carballedo conseguiu facer acompañándoo dunha defensa moi sólida, procurando a caída ás costas das centrais da Comercial.

Once inicial da Comercial . Foto cedida

Adiantouse o Carballedo logo dun fallo de entendemento entre as xogadoras da Comercial que, aínda así, seguiron loitando polo partido. Foron Ari e Ana Lamas quen, conxuntamente, se encargaron de abrir o marcador favorablemente para as locais.

Pouco despois chegaba o segundo gol de novo de Ana Lamas e de novo cun saque de falta maxistral, algo que é noticia porque amosa a enorme calidade desta xogadora pero non porque se trate dunha novidade, xa que a chantadesa militante nas filas do Carballedo amosa xornada tras xornada o seu potencial.



A Comercial co segundo tanto baixou os brazos sen saber moi ben como solucionar un encontro que se lle complicaba, coma o tempo, cada vez máis. O equipo de Vicky, acostumado a un xogo combinativo, non se atopaba cómodo no céspede (enchoupado), aínda que tivo tamén certas ocasións nas que puido anotar, mais sen éxito.

O terceiro gol do Carballedo chegou despois dunha boa xogada combinativa entre Ana, Sara e Ari que cun gran golpeo dende 3/4 que acaba dentro.

Na segunda parte o Carballedo conseguiu anotar outros dous tantos a cargo de Jesi e Uxía ‘Peque’ aínda que a diferenza puido ser aínda maior.

«En partidos coma hoxe destacar a unha soa xogadora, cando todas dan o 100% é complexo. Aínda que a capacidade para ler os partidos e tamén a súa humildade, constancia e compañeirismo fan de Ana Lamas unha xogadora sen igual«, admite o adestrador do Carballedo, Roberto ‘Sementa’.

Xogadoras e corpo técnico do Carballedo celebran os 3 puntos tralo partido. Foto cedida

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *