O municipio de Guntín acollerá a cuarta edición do All Star, organizado por Futbolinlugo en colaboración co concello de Guntín. O evento quere dar un salto importante no 2024, unha nova dimensión da que serán presentes todos os afeccionados que acudan ao campo de Ladairo.
Garden ben a data! Celebrarase o sábado 22 de xuño de 2024 en sesión de tarde e ata que aguante o corpo. Avisamos con tempo para competir soamente contra casamentos e comuñóns. Xa que esa fin de semana non coincidirá co Son do Camiño ou o Arde Lucus, como nos aseguramos previamente.
A xornada contará cos tradicionais partidos masculino e feminino así como diversos concursos. Haberá novidades en todo ao que rodea ao evento. Como xa vimos avisando desde a súa creación, o All Star Futbolinlugo é a gran festa de fin de tempada do fútbol lucense. De tódolos xeitos, agora imos demostralo con máis argumentos. Unha actuación musical e unha ‘fanzone’ aportarán aire fresco a un evento máis que consolidado no panorama balompédico lucense e galego.
As seleccións dos distintos combinados faranse a partir das aparicións nas distintas seccións semanais que Futbolinlugo elabora en todas as categorías do fútbol afeccionado. A maiores, haberá os xa tradicionais xogos abertos á participación de todo aquel que queira. E, por suposto, non nos olvidamos das homenaxes a aqueles que decidan colgar as botas ao remate desta tempada.
O ladairo será a cuarta casa do All Star
O campo de herba natural do Ladairo recollerá a testemuña do Viñas da Veiga, localización onde se celebrou o curso anterior a gran festa do fútbol lucense. Dende o comezo, o All Star naceu coa idea de moverse cada ano por un campo da provincia.
Primeiramente foi na Marosa de Burela, un dos campos situados máis ao norte. Cando a pandemia o permitiu, baixamos ao sur dos nosos marcos para festexar todos xuntos en Carballedo. Un curso despois voltamos petar na porta da Mariña dentro dun enclave histórico de moita relevancia, como é o caso do Viñas da Veiga de Mondoñedo.
Agora é o turno dun terreo de xogo céntrico, no que garantizamos que o afeccionado do punto máis recóndito da provincia terá pouco máis de hora e media de viaxe. E con numerosos pobos e vilas clásicas do noso fútbol a menos de media hora de distancia. Co cal agardamos unha boa presenza de seguidores nas bancadas.
Damos as grazas ao Concello de Guntín polas facilidades mostradas. En especial, á Alcaldesa María José Gómez e ao Concelleiro de Deportes Ángel Pérez; pola axuda prestada para ter a posibilidade de organizar este evento. Nestes meses seguiremos traballando da man para ofrecervos a mellor festa posible. Vémonos no Ladairo!