Pasaron máis de dezaoito anos do último enfrontamento en Terceira de Racing Vilalbés e Viveiro na Madalena. Un 22 de decembro de 2002 o cadro mariñán derrotaba por 0-2 aos chairego nunha temporada que remataría co descenso dos dous conxuntos a Preferente. Este domingo, por fin, podemos disfrutar de novo deste encontro entre dous históricos do fútbol lucense. Será en horario matinal, ás 12 horas na Madalena e coa arbitraxe do colexiado santiagués Vidal Fonseca.

Catro puntos separan aos dous equipos na táboa clasificatoria. Só catro, pero na Terceira deste campaña 2020/2021 é unha diferencia que distingue obxectivos. Por riba está o Racing Vilalbés, que chega a este encontro co obxectivo de acadar tres puntos que lle devolvan a gran solidez amosada no seu campo no último ano, rachada coas dúas últimas derrotas diante de Bergantiños e Estudiantil. O triunfo acadado a pasada fin de semana en Fisterra, que finiquitou a xeira de catro encontros sen gañar, colocou de novo ao de Simón Lamas en condicións de pelexar polo terceiro posto, que ocupa o Polvorín. Tamén catro puntos separan a ámbolos conxuntos, pero os chairegos aínda teñen que disputar o encontro adiado diante do Fabril.  En troques, unha derrota diante do Viveiro obrigaría ao Racing Vilalbés a sumar nas últimas xornadas para evitar os postos de perigo.

O Viveiro afronta o derbi coa urxencia de sumar para non caer aos postos de promoción de permanencia, dos que o separan dous puntos. A derrota da pasada xornada en Cantarrana diante do Arzúa amosou de novo os problemas defensivos do conxunto adestrado por Chusky. Malia ser o claro dominador do encontro, un rival directo sentenciou aos mariñáns na primeira metade dun encontro que, como soe ser habitual, os viveirenses xeraron claras ocasións para marcar. Aos mariñáns resísteselles o triunfo como visitantes desde o oito de decembro cando foron quen de vencer no Poboado diante do As Pontes.

Falamos do encontro cos dous máximos goleadores de Racing Vilalbés e Viveiro: Santi Gegunde e Xaime.

QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?

SANTI GEGUNDE (RACING VILALBÉS)

Foto: Racing Vilalbés

 – O Viveiro. “Son un bo equipo ao que lle gusta ter o balón e ser protagonista. Será un encontro difícil do que xa temos o precedente da ida en Cantarrana que nos amosou que se non saimos ao cento por cento será moi complicado poder gañar”.

 – Obxectivos. “Non temos outro que sumar o maior número posible de puntos e con iso acadar a permanencia. Se ademáis de iso somos quen de achegarnos aos mellores pelexaremos por calquer outro obxectivo sen ningún tipo de presión”.

 – O primeiro ano no Racing. “Comezou moi ben, xogando todo e con acerto de cara a portería. Na segunda volta estame a costar máis debido a algunha lesión e a unha cuarentena, pero agardo recuperar o nivel para este último tramo de competición”.

XAIME (VIVEIRO C.F.)

 – O derbi. “Estamos con gañas de que chegue o partido. Viñamos dunha xeira ascendente que se truncou cun 0-3, co que só pensamos en poder disputar o vindeiro encontro para poder resarcirnos. Ademáis non hai mellor posibilidade que facelo nun derbi, que sempre é bonito para calquer xogador de ámbolos equipos”.

 – A clave. “Sen dúbida mellorar a nosa seguridade defensiva. Se queremos seguir con opcións de rematar nos seis primeiros postos non podemos encaixar tanto. Xogamos ante un equipos máis fortes do grupo que che pode gañar porque te domina co seu fútbol de posesión con Make, Sandá, Santi . . . ou tamén te pode matar coas transicións con José Varela, Buyo, Marino, Ángel . . . Dominan moitos aspectos do xogo, e tamén son perigosos a balón parado”.

– A pelexa pola permanencia. “Creo que aínda se vai apretar máis nas últimas xornadas. O Silva ten dous partidos menos que algún equipo e tamén estará aí. Pero eu considero que debemos mirar a nós mesmos, dependemos dos nosos resultados e calquera firmaría a comezos de temporada estar así a estas alturas . Debemos seguir traballando e confiando en todo o que nos fixo chegar a estar así nesta xornada ligueira”.

 

 

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*