Aínda case sen saborear o pleno de vitorias dos nosos representantes do pasado martes, chega unha nova xornada, xa a décima na Terceira galega. Detémonos no encontro que se disputará en Cantarrana o domingo ás 12 horas e que enfrontará ao Viveiro co Bergantiños, e que estará dirixido polo colexiado santiagués Julio Martínez Barral.

Non é un partido calquera. Os mariñáns reciben no seu feudo a un dos grandes da categoría. O Bergantiños, logo da derrota do Somozas na Madalena, é o único conxunto invicto no grupo A de Terceira, e pasa por ser un dos grandes favoritos a acadalo ascenso de categoría. Non é esaxerado decilo vendo o potencial do conxunto dirixido tamén por un adestrador de renome do fútbol galego: José Luis Lemos. O que fora xogador no seu día da S. D. Mindoniense dirixe un cadro de xogadores dun nivel moi alto para a Terceira, case todos con experiencia en categorías superiores, como é o caso de Brais Pereiro, Yelco, Duque, Marcos Remeseiro, Pablo Agulló ou o monfortino Iago López.

Logo dun dubitativo comezo, con dous empates ante Paiosaco e Silva, acadaron seis vitorias consecutivas que situaron aos de Carballo colíderes, empatados a puntos co Somozas, pero cun encontro menos que os de Ferrolterra, o que teñen que xogar diante do Polvorín.

Pero o Viveiro chega quizáis no mellor momento da temporada. Logo dun comezo ilusionante con dous triunfos consecutivos sucedéronse varias xornadas na que o conxunto dirixido por Chusky saiu goleado dos seus compromisos diante do Polvorín, Somozas ou Arzúa. Os mariñáns souberon sobrepoñerse e sacaron de novo a súa mellor versión no derbi provincial ante o Racing Vilalbés. O triunfo ante os chairegos encheu de moral a un Viveiro que volveu raiar a grande nivel na última xornada no Poboado ante o As Pontes onde gañou con comodidade por 1-3.

O último enfrontamento en Terceira División entre o Viveiro e o Bergantiños en Cantarrana data do 26 de marzo do 2006 e rematou con triunfo local por tres goles a un.

Falamos do encontro con Asier, un do fichaxes do Viveiro para este temporada, a do seu retorno a Terceira. O focense está a facerse cun oco no equipo titular de Chusky nas últimas xornadas.

QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?

ASIER (VIVEIRO C.F.)

 – A recuperación do equipo. “Creo que pagamos un proceso de adaptación á categoría. Aquí cada erro págase. Despois da mini racha de resultados negativos ante Polvorín, Somozas e Arzúa cambiamos a actitude, e iso foi moi importante e viuse reflexado no terreo de xogo“.

– O Bergantiños. “Imos intentar que non se sintan cómodos no terreo de xogo, xa que é un equipo feito para ascender e xogan ben ao fútbol. Teremos que aproveitar as nosas ocasións e sobre todo traballar en defensa para conseguir manter a nosa portería a cero”.

– Consolidación no equipo. “A comezo costoume un pouco adaptarme, xa que a maneira de xogar era diferente. Ademáis tiven que acomodarme a unha posición nova para min, pero creo que xa estou adaptado. Se podo axudar ao equipo desde o once titular mellor, e senón seguirei traballando para intentalo“.

 

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*