A segunda xornada da Preferente disputada no Xoves Santo déixanos ao Lemos como líder en solitario. O cadro monfortino gañoulle ao Santaballés e é o único conxunto que sumou os seis puntos en xogo. Nos dous encontros restantes, dous empates. O Ribadeo rescatou un punto no desconto diante da Sarriana no Pepe Barrera e Foz e Residencia tamén repartiron os puntos no Martínez Otero.
Un gol de Adri Díaz outórgalle o triunfo e o liderato ao Lemos diante do Santaballés (0-1).


Seis de seis para o conxunto de Edu Rodríguez, que presenta a súa firme candidatura aos dous primeiros postos deste grupo lucense de Preferente. O Lemos tivo a posesión e dominou o encontro, aínda que foi o Santaballés quen puido adiantarse no marcador. Álex Novás primeiro e Castrín despois tiveron boas ocasións para adiantar aos chairegos. Diego Torres e Rubén Díaz tamén puideron anotar para os monfortinos.
Na segunda metade acentuouse o dominio visitante acentuouse, aínda que o gol resistiuse ata que no minuto 79 Adri Díaz batiu a Ivo. O Santaballés tentou a igualada con máis corazón que cabeza e reclamou un penalti no tempo de desconto, aínda que o marcador xa non se movería. Puido facelo, pero o colexiado anulou un tanto ao lemista Diego Torres.

Ribadeo e Sarriana igualaron nun encontro no que o debutante Parapar resultou decisivo (1-1).
Os dous conxuntos ofreceron un bo encontro na reestrea do remozado Pepe Barrera en Preferente. Foi mellor o Ribadeo na primeira metade e del foron as mellores ocasións. Jairo, cun testarazo que lambeu o pao, a piques estivo de abrir o marcador. De novo o burelao e tamén Isma puxeron a proba a un inspirado Parapar. Tan só Óscar Rivas á saída dun córner inquedou a zaga ribadense.
Nos segundos corenta e cinco minutos a Sarriana deu mostra do seu potencial, sobre todo na parcela atacante. Os de Charly xeraron perigo ante a portería ribadense e a falta de media hora para o final, logo dunha contra Gerardo aproveitou un bo pase de Omar para batir a Carrera, que logo resultou providencial diante de Armesto. Non se rendiron os de Rafa Casanova que puideron empatar aos poucos minutos. Primeiro Jairo atopouse co pao e Adrián Barrera e Santi con Parapar. Ata que no minuto 94, Luki recolleu un balón solto e igualou o encontro.
O Foz estrea o casilleiro de puntos cun empate diante da Residencia (1-1).
Encontro entretido para o espectador do Martínez Otero. A Residencia tivo a posesión e dominou o encontro ante un Foz que tentou defender de xeito ordeado e buscar adiantarse no marcador á contra. E preto do descanso os mariñáns lograron o seu propósito. Xenxo desfíxose do seu defensor e resolveu o man a man diante de Diego Bravos.
Non lle durou moito a ledicia aos de Javi Chinchón. Cinco minutos despois da reanudación chegou o empate. Javi Raposo, cun bo testarazo á saída dun córner, igualou o encontro. Non fixo mella no Foz o tanto e Xenxo, aos poucos minutos, puido facer o segundo, pero desta volta o gardameta lucense gañou a partida. A Residencia xerou perigo sobre todo a balón parado e o Foz buscou rápidas contras, aínda que o cansanzo fixo mella nos mariñáns e o marcador non se moveu.