Foto de portada: CD Lugo

Continúa a efervescencia dos movementos no balompé da provincia. O máis urxente á hora de comezar un proxecto é cubrir o posto de adestrador. Por iso, nesta nova edición do Diario Dun Mercado, sobresaen dúas posibles fichaxes no sur de Lugo.

Situámonos na Preferente para falar de dous inquilinos dos bancos. Todo apunta a que Edu Rodríguez será o novo preparador da Sarriana. O monfortino chegaría logo de deixar ao final desta campaña ao Lemos. Pechou un ciclo de catro anos no club da súa vila. O seu posto no Lemos sería ocupado por Alberto López se nada se torce. O técnico non continúa no Pol, equipo co que non chegou a debutar en competición logo dun ano en branco na Primeira Rexional. A anterior etapa remóntase a de dirixir ao equipo revelación da Terceira ata que chegou a pandemia, o CSD Arzúa.

Edu Rodríguez pechou un ciclo de catro no Lemos no que conseguiu o ascenso á Preferente

Na Terceira RFEF podemos adiantar un regreso. Se non hai cousa de novo, Ángel Fraga volverá ao Racing Villalbés. O gardamallas xogou as dúas últimas temporadas no filial do CD Lugo. Acumula experiencias no Rápido de Bouzas, Ourense CF e Cerceda. Ademais de formar parte do filial do Celta e do seu xuvenil. Mesmo fora a algunha convocatoria co primeiro equipo. Ao cadro vigués chegou logo de debutar con quince anos na Terceira División precisamente co Racing, o club da súa vila. O cadro chairego anuncia tamén a renovación do dianteiro Dani Pedrosa.

Seguindo na categoría, varios dos xogadores que conforman o cadro do Polvorín xa comezaron a pretemporada. Fixérono co primeiro equipo do CD Lugo que adestra estes días en Pol. Os lucenses Julen Fernández e Dani Vidal; xunto con Nico Manteiga, Christian Martínez, Jesús Fernández, Luis Castro, Matías Vesprini, Carlos Torrado e Leandro Antonetti. Ademais dos nomeados, o xornal El Progreso tamén anuncia as renovacións do futbolista de Portomarín Martín; xunto con Gabarre, Expósito e Fidalgo.

O Viveiro continúa conformando o seu proxecto de cara a temporada 2021/2022 que comezará na primeira fin de semana de setembro. O defensa vilalbés Dani Montes continuará no cadro celeste. O xornal El Progreso tamén adianta que en breve renovarán Pablo Louzao e Rolle. De cumprirse, o conxunto preparado por Chusky sumaría xa quince futbolistas.

Na Preferente hai máis novidades nos bancos con protagonismo lucense fóra da provincia. O cobizado Rafa Casanova dirxirá ao As Pontes logo do seu descenso. O preparador friolés falaba esta semana da súa saída involuntaria do Ribadeo FC. Pola súa banda, o mariñán Guillermo Pigueiras adestrará ao Victoria coruñés. O técnico chega ao primeiro equipo logo de adestrar ao Xuvenil B. O club xogará a previa da Copa do Rei.

No referente a xogadores, o Ribadeo segue incorporando futbolistas. Adrián Fernández ‘Matelo’ foi a última fichaxe en ser anunciada. O atacante de San Tirso de Abres chega procedente do Sporting Pontenova. O club tamén confirmou a renovación do lateral esquerdo Isma e do porteiro Carrera. Volvendo de novo á Sarriana, agás sorpresa de última hora, Luis Díaz será baixa. Todo apunta a que será xogador do Somozas na Terceira. O cadro de Ferrolterra xa conta con tres lucenses no equipo. A Aldán Naval, uníronselle nos últimos días Santi Gegunde e Kiko. Por outra banda, quen é seguro que non continuará no Atlético Montañeros é o viveirense Fidi.

Tamén hai novidades no que respecta ao fútbol feminino no que si houbo competición neste curso atípico. A defensa Goretti Neira non continuará no PM Friol. A coruñesa ficha polo Deportivo e seguirá na segunda categoría estatal. O cadro friolés xogará na terceira categoría do fútbol feminino español, coñecida como Primeira Nacional.

Nas divisións que levan case ano e medio sen fútbol tamén seguen producíndose movementos. No norte, a SD Burela anuncia a continuidade de Álex Esquerdeiro. O futbolista xogou esta tempada no Foz en Preferente pero regresa ao club verde. Ademais, formará parte da base como adestrador. Baixando ao sur, comeza a incrementar a súa actividade o Monterroso. Á falta aínda de adestrador, o cadro monterrosino anunciou tamén as renovacións de Martín Blanco, David Quintá e Iago Sobrado. Pola súa parte, no Chantada os defensas Sergio, Gonzalo, Marros, Fornas, Alberto, Kadete, Traste e Pulpix continúan no club. Tamén o fan os atacantes Diego Arias, Joserra, Foci, Michi, Pablo, Hugo Listón e Manu Vacas.

Na Segunda Rexional o Brollón é o club da provincia que mantén máis viva a súa presenza nas redes sociais. Continúa anunciando a maior parte da continuidade do seu cadro de xogadores. A última en ser oficial, foi a do gardamallas David Rodríguez.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Redacción Futbolinlugo

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*