O dito di que cando non queres unha cunca tomas dúas, pero…¿que pasa cando de entrada xa queres as dúas cuncas?. Fran Pastor (Lugo, 13-12-1995) optou por tomar as dúas de vez. Despois de abandonar a Sarriana da Preferente decidiu cambiar de rumbo e probar no fútbol sala fichando polo Vilalba FS da Terceira División. Máis tarde, ao ser posible a combinación dos dous deportes con ficha na Federación, presentóuselle a opción de formar parte tamén do Riotorto da Primeira Galicia. Combinará os dous deportes e as dúas vilas e aínda lamenta non ter un oco para continuar coa súa paixón de adestrador, que comezou o ano pasado. E que Fran Pastor aínda se atreve con tres tazas.
Futbolinlugo: Como aparece a idea de apostar ao mesmo tempo polo fútbol campo e tamén polo fútbol sala?
Fran Pastor: Ó fútbol campo levo xogando desde os seis anos. O fútbol sala é un deporte que me atrae moito, é moito máis vistoso e técnico. Tomei a decisión porque a oferta é dun equipo que vai competir ben, nunha categoría moi boa. A raíz diso e de que se poden compaxinar ambos deportes, animeime.

F: Cal foi a primeira decisión?


FP: A idea era xogar só ó fútbol sala, xa que levaba moito tempo no fútbol campo e quería probar. Unha vez que se puideron compatibilizar as dúas cousas, deuse a oportunidade e adiante.
«Estanme axudando moito os dous equipos»
F: Como compaxinarás ambos deportes ao longo da temporada?

FP: Ao fútbol sala sempre se xoga os sábados e no campo os domingos, polo que no tema da competición non hai problema. No que se refire aos adestramentos irei a Vilalba que xa teño concertado. No Riotorto adestro os venres, vou xogar o domingo e os martes, dependendo da semana, do rival co que nos enfrentemos a fin de semana ou do que pida o adestrador. Tamén falan entre os clubs e vai un pouco organizado desta maneira entre todos. Estanme axudando moito os dous equipos. Estou contentísimo.
«O Riotorto ten posibilidades de competir nos postos de arriba»
F: Centrándonos un pouco máis sobre a herba, como afrontades esta temporada no Riotorto?
FP: Coa idea de competir todos os partidos. O equipo é moi bo, co que se viu en pretemporada hai posibilidades de competir nos postos de arriba. Non se pode falar de ascenso, pero sempre tratando de competir todos os días e acabar o máis arriba posible. Vén unha Primeira que non é como outros anos con tres ou catro equipos punteiros que poden destacar algo máis, este ano hai máis clubs con moi bos cadros de xogadores. A parte dos que descenderon de Preferente, Lemos, Chantada e Sarriana que xa son punteiros de por si, equipos como o Monterroso, Santaballés que levan bastantes anos traballando bastante ben, estamos nós…Unha Primeira que vai estar moi competida. Non se pode relaxar ninguén.
«En Preferente necesitas outro ritmo»

F: Despois de abandonar a Sarriana, tiveches a opción de quedarte en Preferente?
FP: Algunha houbo, pero entre traballo e demais non era compatible. A realidade é que en Preferente necesitas outro ritmo, outro tipo de adestramentos e eu co traballo non mo poido permitir.
F: E da túa faceta como adestrador que nos podes contar?
FP: Este ano ao liarme entre fútbol e fútbol sala non adestro, pero é algo que está aí pendente. Comecei o ano pasado e é algo que me gusta moito. Quería continuar sacando o nivel 2 e seguir aprendendo. Alí na Milagrosa tamén me axudan bastante. Asique calquera cousa, incluso na metade da temporada, a vida da moitas voltas…
«En Lugo hai moita competitividade e egocentrismo»
F: A pesar da túa xuventude xa pasaches por equipos como o Polvorín, Chantada, Lemos ou Sarriana, como ves nestes momentos o estado do fútbol afeccionado lucense?
FP: Vexo que ultimamente se ten moita consideración polos xuvenís dos distintos equipos. Por outro lado, o que si que hai é moita rivalidade, incluso nas Preferentes. Igual ca vexo ca en Coruña pódense, incluso, axudar entre eles, aquí en Lugo é moito máis competida. Hai moito máis esa pugna por ser ese equipo que destaque. Hai moita competitividade e egocentrismo.