A polivalencia sempre é un plus. Mediocentro, dianteira,… pero a súa posición favorita é a de interior pola esquerda. Fanny Varela (11-12-1991, Outeiro de Rei) pasouse do fútbol sala ao fútbol campo con 16 anos e dende aquela sempre coas cores do Friol. Unhas cores que mudaron nesta tempada co convenio que ten o cadro da Reigosa co CD Lugo. As axudas permitiron construír un equipo con maiores recursos co obxectivo de finalizar entre os catro primeiros do grupo I da Segunda División Nacional. Isto aseguraría a súa praza na nova categoría que se vai crear a partir da tempada que vén. Unha división intermedia entre a 1ª e a 2ª para evitar as desigualdades de nivel que hai agora na 2ª. O bo inicio de campaña (só manchado por un empate en Santillana del Mar co que non se contaba) ilusiona. E este domingo hai unha cita para calibrar o nivel. A pesar dunhas semanas con baixas, o adestrador Josito Jul recupera a Lucía Pardo e Marta para o partido no Requexón. A cita é ante o líder, o Oviedo Moderno e alí estará a segunda capitá do cadro friolés. Vén de marcar dous goles ante o Sárdoma e fala da ilusión coa que están vivindo este curso. Aínda queda moito por facer, pero a campaña esa de «Lugo Cambia» que se vaia empregando tamén para o fut fem.
FUTBOLINLUGO: Cales son as sensacións desta semana para enfrontarse ao Oviedo Moderno?
Fanny Varela: Moi boas. Temos moitas gañas e ilusión. Son tres puntos moi importantes xa que o Oviedo é o líder e iso tamén motiva. Iso si, imos xogar nun campo moi complicado porque é de herba natural. Dásenos un pouco mal ao non estar moi afeitas.
FIL: Prepárase de xeito distinto un partido ante o líder?
FV: Diferente non. Igual si que nos adaptamos a outro sistema de xogo porque o Oviedo xoga de diferente maneira. Co adestrador estamos ensaiando outro posible inicio do que estamos facendo no resto de encontros. Creo que nos van cambiar un pouco a estratexia.
FIL: Compáralo co partido do Dépor (2-2 en Abegondo)?
FV: Son bos equipos os dous, pero son diferentes; xogan de distinto xeito. O Oviedo xoga máis en equipo porque son xogadoras que levan máis anos xuntas. No caso do Dépor xogan máis individualmente. Para min é máis complicado e ten mellor equipo o conxunto asturiano. Pero nós tamén temos moi bo equipo e podemos levar os tres puntos.
FIL: Pódese competir polo primeiro posto ata o final de temporada?
FV: Creo que si polo equipo que temos. Demostramos que podemos estar aí arriba. Non lle temos medo a ninguén. Poderemos quedar primeiras, segundas ou terceiras pero imos loitar polo primeiro posto. Nada é imposible.
«Moita xente nin sabía o que era o equipo feminino do Friol»
FIL: Cambiou moito o fútbol feminino dende que Fanny Varela comezou a xogar?
FV: Moitísimo. Cada ano avánzase e aínda moito máis se podería avanzar se se quixera. Dende que entrei con 16 anos cambiou. Destacamos moito máis nos sitios. Moita xente nin sabía o que era o equipo feminino do Friol e agora xa che din: «Ai mira a xogadora do Friol, tal». A xente vai coñecendo un pouco máis o fútbol feminino e interesase.
FIL: É un ano de cambios para vós despois do convenio do Friol co CD Lugo. Nótanse?
FV: Levar o escudo do Lugo é outra motivación, a parte de que hai outro reglamento e outras normas. Como que é máis importante. Tómanse as cousas moito máis en serio. Agora temos preparador físico, adestrador de porteiras, temos fisio…; iso antes non o tiñamos. Nótase moito o cambio.
FIL: Non obstante, será un proceso que se irá incrementando en teoría…
FV: Valórannos máis. Este ano xa nos teñen chamado para sacar fotos co capitán do Lugo; precisamente esta semana algunhas xogadoras visitaron os colexios cos xogadores do Lugo. E iso dálle relevancia ao fútbol feminino. Vense detalles de que temos un pouco máis de protagonismo, antes non o tiñamos. Xa nos destacan máis, tanto nos periódicos como nas páxinas web. Por exemplo, temos un twitter oficial, antes tampouco había, que é onde informan das aliñacións, dos resultados,…
FIL: Que cres que falta?
FV: O que falta basicamente en todos os equipos do fútbol feminino: que nos valoren igual ca o masculino e que nos destaquen un pouco máis no tema tamén de diñeiro.
FIL: O club tamén ampliou os seus equipos coa aparición do filial…como o valoras?
FV: Moitos equipos aquí en Galicia téñeno e creo que aquí faltábanos iso: ter outro equipo que destacara tamén co escudo do Lugo. Están nunha categoría inferior, pero teñen bo equipo e creo que van estar arriba tamén.
FIL: E da posibilidade de xogar algún partido no Anxo Carro dixéronvos algo?
FV: Comentáronnos que algún partido si podía ser posible xogalo. Imaxino que xogaremos algún dos importantes, contra o Dépor e o Oviedo na segunda volta.
«Estaría bonito xogar de vez en cando no Anxo Carro»
FIL: Aínda que igual polo céspede tampouco é un gran beneficio…
FV: Eu creo que nos perxudica. Porque o campo do Anxo Carro é moi grande e ao ser de herba natural é máis complciado. Entón require un maior esforzo físico. Aínda así, tamén estaría bonito xogar de vez en cando no Anxo Carro porque tamén atraería máis á xente a virnos ver.
FIL: Cando Covi non está no terreo de xogo, ti levas o brazal de capitá, que se sinte?
FV: Sempre é un peso máis. Hai que estar aí apoiando as xogadoras, e iso pesa algo máis.
FIL: Tes algún soño por cumprir no mundo do fútbol?
FV: Soños non. Estou moi agusto aquí xogando e quedaríame aquí outros anos máis. Non teño ningunha meta de chegar a ningún sitio. Disfruto do fútbol que é o que me gusta sen máis.
Fanny Varela en curto…
Unha referente: Vero Boquete
Un campo de de fútbol onde che gustaría xogar: Camp Nou
Posición favorita no campo: interior esquerda
Xogadora (compañeira ou rival que destacarías): Pasaron moitísimas boas…Rai, a central do Victoria da Coruña, que xogou con nós ou Eva a dianteira que viña de Ponferrada e tamén xogou aquí hai dous anos; pero para min son todas boas xogadoras.