Nunha situación fóra do común no fútbol lucense, o Comité de Competición manda repetir o Brollón – Rubián da Segunda Futgal desde o minuto 61 por un erro arbitral ao invalidar unha acción cando o lanzador do penalti do equipo visitante, tras coller o rexeite da parada do porteiro do Brollón, ía tentar marcar. Trátase dun acto completamente legal. O partido continuará dende o lanzamento da pena máxima ata o final do encontro, tendo o Brollón un xogador menos debido a que xa tiña unha expulsión anterior ao penalti. O colexiado do encontro, Yago Amil, estará sancionado durante catro xornadas por «descoñecer as normas do xogo».
Situación non habitual no fútbol lucense

É unha ocasión fóra do común no balompé provincial, aínda que si existe algún precedente. Precisamente hai dous anos, tivera que repetirse o final da eliminatoria de fase de ascenso á 2ª entre O Páramo e o Rubián.
Daquela, o colexiado do encontro decretara a quenda de penaltis cando tiña que ordear a disputa dunha prórroga. A posteriori xogouse ese tempo extra e O Páramo pasara de eliminatoria. Se ben é certo de que se trataba dun caso diferente, ademais de ser unha eliminatoria de promoción de ascenso.
Na tempada 21-22, o Comité de Competicion tamén decidira a repetición dos últimos quince minutos dun Lemos – Escairón. Daquela o colexiado asistente negáralle ao club do Saviñao a realización dun troco, acto que incumpría a normativa.


Con todo, esta actuación do Comité de Competición provoca a «indignación« no Brollón, mentres que o Rubián prefire non pronunciarse ata que non sexa definitivo, xa que os equipos teñen un prazo de dez días para presentar un recurso, algo que xa fixo o Brollón.
Dende a directiva do Brollón afirman que «a xogada empeza xa cun erro arbitral flagrante no que hai unha expulsión que non se pita. É un sinsentido reclamar un partido así no que con nove o Rubián non tirou a porta e que tivo de todo en canto a erros«. Tamén apuntan a que quedaron «moi sorprendidos» coa decisión ata o punto de que «o noventa por cen da ‘plantilla’ non pegou ollo falando da situación». O club xa presentou un recurso que dende a propia entidade indican que «vai ser longo«, aínda que a data ten que fixarse entre hoxe e mañá.
«Cometín un erro e teño que recoñecelo»
O árbitro do encontro, Yago Amil, terá que cumplir catro encontros de sanción por, segundo di a resolución, «descoñecer as normas do xogo». «Entereime por vós (Futbolinlugo) da sanción. Cometín un fallo e hai que recoñecelo«. «Cando cometes erros tes que hai que ser consecuente e cumprir cos partidos que teña que estar fóra dos campos. Nesta vida ninguén é perfecto, todos nos equivocamos e se teño que pedir disculpas polo erro arbitral pídoas», afirmou o colexiado.

Dende a delegación da Real Federación Galega de Fútbol en Lugo afirman que «respectamos a decisión do Comité de Competición» e que agora estarán atentos ante a decisión da data do encontro. Se ambos equipos non chegan a un acordo, será a Federación quen poña unha data que sería «o máis próxima posible», para que se xoguen os 29 minutos que lle restan ao encontro. A situación xera un precedente que para o Brollón é «moi perigoso co nivel arbitral destas categorías, xa que todo equipo pode reclamar unha xogada que estea mal», sinalan desde o club dos Medos.
Implicacións na clasificación da repetición por mor do erro arbitral
Esta situación inusual provoca moitos posibles cambios na clasificación. Se o Rubián conseguira remontar na media hora que resta de encontro, conseguiría saír do descenso, metendo ao Lemos B e adiantando ao Chantada B se gañase. No caso do Brollón, con dous puntos de vantaxe sobre o segundo clasificado San Roque (ata o momento desta resolución), un empate ou unha derrota implicaría un grave revés na súa loita polo ascenso directo de categoría.
