O Racing Villalbés segue a apuntalar o seu equipo. Confirmou a fichaxe do central e mediocentro Santi Taboada, procedente do Boiro. Así coma a incorporación do sarrián Álex Vázquez. O lateral zurdo, que estaba a realizar a pretemporada co conxunto chairego, chega dende a Residencia. O que finalmente non seguirá no Racing é o defensa Adrián Cadenas, novo xogador do Castro.
E se no centro na provincia temos movementos, no norte non queren ser menos. O Mondoñedo renovou a Álex Gacio e incorporou a Brais Otero. E no Foz, teñen novo porteiro: Trullo. O exgardamallas do Viveiro, e que no seu día apuntaba ao Xove Lago, firma polo cadro de Gayol. Dende aquí pedimos desculpas porque con anterioridade anunciamos por erro a súa incorporación ao conxunto verde. Ademais, na Pontenova suben ao primeiro equipo Juan Ginzo e Álvaro Rego dende os xuvenís.
Por último, un par de apuntamentos de adestradores. Quiroga deixa o Matela e incorpórase á base do Clube Deportivo Lugo. Unha base que deixa Brais Prados. O de Castro regresa á casa para facerse cargo dos conxuntos xuvenil e cadete.

