As competicións están a piques de comezar (a Terceira xa o fixo), pero aínda quedan asuntos por apuntalar nas categorías do fútbol lucense neste mercado. Na Preferente, un lucense marcha cara o As Pontes. O porteiro Kiko Mariño reforza o equipo coruñés coa idea de pelexar polo ascenso á Terceira. Alí coincidará con outros viveirenses como Bossa, Rego ou Fidi. Pola súa banda o Castro suma integrantes ao seu corpo técnico. Un mítico do fútbol provincial, Fernando Corredoira, pasa a ser o segundo adestrador e acompañará a Javi López no banco. Corredoira xogou en equipos como o CD Lugo, Lemos, Betanzos, Xove ou Meira. En canto o cadro de futbolistas confírmase no conxunto chairego que o dianteiro Navia formará parte do grupo despois de facela pretemporada. Ademais, o conxunto do Arturo Pereiro incorpora ao mediocentro Ignacio Poyuelo procedente do Sada.

Na Primeira Galicia, o central Pedro Bustelo reforza o Xove procedente do Viveiro Xuvenil. No tocante a Terceira Galicia o Catro Roldas prepara unha nova campaña co obxectivo de tentar o retorno á Segunda. O equipo adestrado por David ten as baixas de Diego Roca, Narci, Couso e Xunta que suple coas chegadas de Ramiro Bao e Adan. Nestes momentos tamén hai catro rapaces adestrando co equipo da parroquia vilalbesa de Román. O seu futuro decidirase nas vindeiras semanas. Quen non xogará na Terceira será o gardameta Fernando Currás, que fichara polo Friol B, pero por motivos laborais ten que deixar o equipo.
No fútbol base, o xuvenil Pablo López Gallo «Castrín» ficha polo xuvenil do Deportivo de División de Honra. O central de Riotorto (do ano 2000) estaba xogando co Lugo e a pasada temporada tivo a oportunidade de ser chamado para unhas sesións de adestramento da selección española sub-17 nas Rozas. Tamén en idade xuvenil, Manu Amor finalmente xogará no Polvorín adestrado por Kubala.

