Sesión vermú para comentar as noticias máis frescas do mercado. Mediado o mes de agosto, o CD Lugo feminino xa ultima o seu cadro de xogadoras para o seu debut na Terceira Federación. As pupilas de Joaquín Blanco veñen de incorporar á monfortina Marián García, que chega desde o Bergantiños, tal e como apuntou La Voz de Galicia.

No fútbol masculino, Juanjo Coello voltará á competición da man do Xove Lago. O atacante levaba un tempo alonxado dos terreos de xogo. Na Segunda, o Cospeito vén de anunciar as renovacións de Xesu, Cabado e Xoán. A nova foi publicada cun tono humorístico nas redes sociais do club, pero os tres xogadores foron parte importante do grupo que estivo a piques de acadar o ascenso á Primeira.
Tamén quedou coa mel nos beizos un Páramo que volverá a loitar por subir á Segunda. Para facelo, incorpora mocidade ao equipo coas chegadas do defensor Santi Cao e do gardamallas Diego Reija. O Castroverde, á súa vez, non contará na 23/24 con Manu Penado, Quique, Marcos Gemelo, Xacobe, Luis nin Rubén.

