Paramos un día para celebrar o III All Star e o mercado xa se revoluciona! O Rácing Villalbés anunciou as renovacións de Buyo e dun dos talentos da casa, Rares, para a estrea na Segunda RFEF. Porén, Cuadrado non continuará na Magdalena na temporada 23/24.
O Ribadeo, pola súa banda, tamén opta pola vía continuista. Logo de anunciar a continuidade de Dani Moirón, os celestes fixeron o propio con Álex Meitín e Iván Rodríguez, dous xogadores que xa saben o que é despuntar na Preferente Norte. Na Primeira Galicia, o polivalente ‘Matedios’ renova no Meira para seguir progresando pola banda da Lomba. Á súa vez, Fernando Corredoira non seguirá aos mandos dun Chantada Atlético que xa busca adestrador.
O que xa atopou técnico é o Xermade, que contará con Borja Bouza como capitán da nave para a temporada 23/24. O técnico das Pontes xa ten experiencia na Segunda Galicia e chega desde o Santaballés, onde formaba parte do corpo técnico. Preto de Xermade, o Cabreiros anunciou a renovación de Lino e, un pouco máis lonxe, o San Lázaro a de Borja Candal.
No fútbol formativo, o vilalbés Alberto Suárez será o novo adestrador do RC Celta Xuvenil ‘A’ na División de Honra, mentres que o CD Lugo Feminino contará cun filial na Terceira Galicia logo do éxito nas probas de captación que se están a realizar.