Terceiro día da semana e terceiro Diario dun mercado da mesma. Comezamos pola Preferente, onde o Lemos segue a traballar arreo e con paso firme. O club monfortino vén de recuperar a Sergi, lateral esquerdo procedente do Atlético Escairón e formado con anterioridade na súa canteira. Pola súa parte, o Ribadeo asegura a continuidade dun dos seus piares: Xairo.
Xa na Primeira, Manu Cedrón manterase unha campaña máis por Pol ao igual que farán Manute e Celso por Chantada. Así mesmo, chégannos importantes novas desde Outeiro de Rei. O dianteiro Jorge Pereira deixará de marcar goles para os de Adrián Vázquez. O seu futuro podería estar entre a Residencia e o Castro. No entanto, os do Municipal están a moverse con xeito no mercado e suman a filas ao punta Iván Navia (Castro B) e a Luisito, porteiro do Pol. Denis Buján e Diego Revuelta renovan. Por último, o medio Sergio López continúa en Guntín.
No fútbol máis modesto, coñecemos a renovación de Marcos Novo no Cabreiros así como a do corpo técnico do Rubián. Senén preparará un curso máis aos da zona sur escoltado polo seu segundo e delegado Oliver. Para rematar, como tantas outras veces, un apunte de categorías superiores. O centrocampista lucense Luis Díaz impartirá a súa clase unha campaña máis no Somozas de Terceira RFEF.