Segundo día da semana e segundo Diario dun mercado da mesma. Comezamos pola Preferente, onde Marcos Sanfiz seguirá un ano máis na meta da Residencia. Tratando de arañarlle máis minutos ao eterno Diego Bravos.
Na Primeira, hoxe toca falar de continuidade. A de Adrián Méndez ‘Traste’ no banco do Chantada despois dunha primeira tempada espectacular. E tamén a do capitán Diego Neira na portería do Guntín.
Baixamos á Segunda Galicia, onde o Friol anunciou o regreso de Nilo. Volve ao pobo despois de desfrutar os últimos anos no Playas de Sotavento da Primeira canaria. Nesa mesma categoría, xa coñecemos quen é o novo adestrador do Muimenta. Manuel Veiga, ex do Rioaveso, chega ao Pichón para cubrir a difícil baixa de Basi.
Na Terceira Galicia, Hugo Fontal continuará a ser un dos capitáns do Páramo 23/24. Ademais, a Comercial B renovou a Josito, Borja e Edixon. Por último, un apunte de categorías superiores. O central vilalbés Quico González deixa o Somozas. Especúlase máis ca nunca cun posible regreso á súa terra natal.


