Non para o mercado. Aínda que xa temos competición este domingo, os equipos ultiman os seus cadros para esta 22/23. É o caso do Ribadeo, que renova ao veterán Diego Hermida, un dos xogadores chave para lograr a permanencia na Preferente o curso pasado.
Tamén o Atlético Escairón prepara o comezo da liga cunha nova fichaxe: o ex-lemista Ivo súmase ao cadro do Saviñao na procura do ascenso á Preferente. Na Segunda Galicia, Diego Seara cambia o Muimenta polo Guntín, mentres que o Alfoz incorpora ao mediocentro Adrián Juiz e ao atacante Javi Castrillón. O Xermade, á súa vez, ficha a un gardamallas. Juan Bellas, ex do Roupar, defenderá a meta xermadina esta campaña.
Por último, na Terceira, o Racing Villalbés ‘B’ incorpora a un veterán. Bruno, de 38 anos, ficha no cadro racinguista. O futbolista de orixe portugués levaba un tempo parado, pero foi habitual a súa presenza en equipos tanto de fútbol sala como de fútbol campo na provincia. Unha das súas últimas experiencias sobre o céspede foi no desaparecido Muras.

