Movementos en moitas categorías no diario de hoxe, con protagonismo para o fútbol feminino. Para comezar, o PM Friol fixo oficial a chegada da catalana Ainhoa Plaza, atacante que vén de ascender á Segunda RFEF co Badajoz. Xa na Segunda Galicia, o Monteforte aposta pola continuidade de Ainhoa, Ana Cristina e Emilia.
Tamén competirá na Segunda Galicia o San Lázaro feminino. O club, de nova fundación, conta xa con dezaoito xogadoras, das que hoxe facemos oficiais nove: Jessy, Luci, Annie, Inés, Sandra, Xiana, Jenny, Fanny e Belén.
Xa no fútbol masculino, o Foz anunciou o retorno de Bouso, logo de que este xogara un ano no veciño Alfoz. Na Segunda, o Brollón renova a Maikel. E na Terceira, o Palas loitará por subir coa mesma columna vertebral da temporada pasada: Julián, Marcos Senande, Alvarito, Tenerife, Porto, Monti, Ángel e Viña manteñen o seu compromiso nos Chacotes, a onde tamén chegan Manu, desde o xuvenil, e Noel, desde o Antas.

