Coas pretemporadas a piques de comezar, os clubes apuran fichaxes, renovacións… e mesmo adiantan os partidos que disputarán na previa a temporada 2017/2018.Hoxe comezamos por una Terceira División na que Viuski deixa de ser arqueiro do Racing Vilalbés, pero seguirá vinculado ao conxunto chairego, pasando a ser adestrador dos porteiros tanto do primeiro equipo coma da base.
En canto á Preferente Norte, chegan novas procedentes de Outeiro de Rei, que preparará a nova categoría con amistosos como un triangular ante Castro e Lugo «B» o día 29 de xullo. Xa en agosto, o día 2 mediráse ao Vilalbés, o 5 ao San Ciprián, o 9 ao Pastoricense, o 12 ao Viveiro, o 16 ao Ribadeo e o 18 ao Riotorto. Para rematar a pretemporada, terá lugar un choque ante o Xove o día 20.
Na Primeira Galicia, os protagonistas atópanse no Sangoñedo. A SD Chantada anunciou que Anxo Otero volverá ao equipo. Tamén están confirmados os amistosos de pretemporada do conxunto vermello. O día 5 de agosto recibirán a visita do Agolada, o día 8 afrontarán un triangular no Escairón e o día 13 outro, o «I Trofeo Roberto Fernández» (SD Chantada, Arenteiro e Lugo «B»). Despois visitarán o campo do Maside o día 17, e recibirán ao Melide a ao Lalín os días 19 e 27, respectivamente. No caso dun recén ascendido como o Ferreira, a falta de confirmación oficial, Pandiani abandonará o clube e cobra enteiros a opción do seu regreso ao Escairón.
En Segunda contamos con varias novas. No grupo norte, o Cospeito anunciou a fichaxe do meta Joel -procedente das categorías inferiores do Racing Vilalbés-, que compartirá portería con Diego. Por outra banda, o Meira disputará un amistoso ante o Racing Vilalbés Xuvenil «A», que milita na División de Honra, o día 20 de agosto.
No grupo sur, Rafa Casanova será o adestrador do Friol, clube que asinou a Brais (Ribadeo), Marcos (Pradeda) e Adrián (CD Lugo Xuvenil «B»). Serán baixas Baty e Sánchez, ademáis dos xogadores sub-23, que terán ficha «B». Tamén nesta categoría chegan novidades do Sangoñedo. «Chino» será o segundo adestrador do Chantada «B». O outro clube chantadino, o Chantada Atlético, comunicaba a fichaxe do defensa Adrián Pérez Elías, procedente do CD Cea. Adrián compartirá vestiario co seu irmán Diego, quen xa formaba parte da entidade. No Monterroso «B», Brais Vázquez Lamazares cambia a portería polos banquiños, e convértese no novo técnico.
Chega o turno da Terceira Galicia. Tras coñecer a división da categoría en tres grupos (norte, centro e sur) podemos discernir á hora de publicar as novas. Hoxe centrámonos no grupo centro. O Rábade (que comezará a súa andaina no fútbol lucense esta campaña) asinou ao lateral esquerdo Manolo, que vestía as cores da Comercial en pasadas temporadas. Outro clube de nova creación é o Friol «B», que incopora ás súas filas ao meta Fernando Currás, con pasado nas categorías inferiores do Sagrado Corazón. No grupo sur, Jesu será o adestrador do FC Becerreá.
Pero isto non acaba aquí. Desde Becerreá chegou a nova de que Antón Méndez estará ao cargo dos xuvenís, cadetes e benxamíns do clube, e Nico dos infantís e alevíns (ademáis do equipo sénior). Jesu (adestrador do FC Becerreá sénior) levará aos prebenxamíns. En Cospeito, Luis, xogador do primeiro equipo, compartirá a tutela dos xuvenís con Manuel Veiga.